Inspección de traballo require da Xunta que proporcione máscaras ao seu persoal
A Inspección de Traballo e Seguridade Social da Coruña fai un requirimento agora á consellería de Emprego e Industria para que proporcione máscaras ao persoal das oficinas de emprego tras unha denuncia presentada no mes de xullo pola CIG.
Neste requirimento a inspección de traballo insta á Xunta a proporcionar máscaras a todo o persoal incluído o administrativo e vén sumarse a outras resolucións e requirimentos que van nesta liña, como o das escolas infantís de Política Social.
“O interesante é que, desta vez, a inspectora aclara que, malia haber mamparas e metro e medio de distancia entre os postos, a administración esta obrigada a proporcionar as máscaras ao seu persoal. Unha resolución aclaratoria que elimina o custo da súa adquisición para as persoas traballadoras -xa que é obrigatorio o seu uso dentro dos centros administrativos- e garante a seguridade de todos/as dotando en número e calidade adecuada e responsabiliza a empresa do uso correcto deste medio de protección colectivo fronte o coronavirus”, matiza a responsable nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos.
A Xunta vén facendo unha dotación desigual deste medio de protección empregando argumentos como “non é un EPI e polo tanto non estou obrigado a proporcionalo”. Neste sentido Burgos sinala que “se ben é certo que as máscaras cirúrxicas non son EPI porque non protexen ao portador/a senón que protexen ao resto das persoas traballadoras e usuarias,si son unha medida preventiva colectiva”.
Outras xefaturas afirman, segundo Zeltia Burgos, que non se lles informou ou que non se modificou o protocolo de reincorporación.Ante isto, a responsable nacional da CIG-Autonómica afirma que “nós si que informamos e mesmo explicamos o Real Decreto que desde xullo obriga a todas as empresas a dotar de máscaras de protección ao seu persoal”.
Burgos denuncia que “algunhas mesmo chegaron a afirmar que había metro e medio entre postos e, polo tanto, non era necesario telas colocadas no traballo...pero esquecéronse que no centro de traballo dos corredores, servizos, fotocopiadoras, salas de reunión, accesos… e que non nos teletransportamos”.
Para a CIG, “é unha verdadeira mágoa que a Xunta siga a xogar coa saúde das persoas traballadoras e das usuarias dos edificios administrativos e que teñamos que facer denuncias masivas a inspección para que se recoñeza o noso dereito a un ambiente de traballo seguro”.
Lembran que desde a CIG-Administración Autonómica téñense presentado denuncias deste tipo en case todas as consellarías e en todo o país á espera de que a resolución sexa similar a esta. “Gustaríanos que non houbera que denunciar este tipo de cuestións e que a administración actuara con tanto “sentidiño” co seu persoal como pide que faga o conxunto da poboación en Galiza na súa propaganda institución”.