Inspección require a corrección inmediata das deficiencias detectadas en Anatomía Patolóxica do Hospital da Costa
A Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Lugo vén de elevar un requirimento á Xerencia do Hospital da Costa, instando á “corrección inmediata” das deficiencias detectadas no Servizo de Anatomía Patolóxica e á adopción das medidas necesarias para garantir a seguridade das traballadoras e traballadores deste servizo. A Inspección dá razón así á CIG Saúde nas súas reivindicacións e pon en cuestións as afirmacións do SERGAS e a Xerencia, que de xeito teimudo negaron a existencia de calquera perigo para o persoal.
Desde CIG Saúde A Mariña advirten que "estaremos vixiantes de que a Xerencia do Hospital da Costa cumpra o requirimento da Inspección de Traballo para garantir a seguridade no traballo no Servizo de Anatomía Patolóxica". Neste senso, reclaman que de maneira inmediata se adopten medidas como a instalación de extracción local, instalación dun lavaollos e acondicionamento da sala de autopsias para o almacenamento de mostras.
Denuncia presentada en abril
Cómpre lembrar que a CIG-Saúde da Mariña presentara en abril de 2017 denuncia na Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Lugo diante da situación que se está a dar no Servizo de Anatomía Patolóxica, debido á ausencia de medidas preventivas no almacenamento e condicións de uso de formaldehido (clasificado como canceríxeno e mutáxeno 1B).
Isto supoñía un incumprimento da normativa de prevención de riscos laborais e da protección da saúde e seguridade dos traballadores e traballadoras “relacionados cos axentes químicos durante o traballo”.
O delegado da CIG-Saúde, Xoán Bouza, explica que o formaldehido é amplamente utilizado na contorna hospitalaria como axente conservante e fixador de tecidos. O seu uso é tamén xeneralizado nos laboratorios de anatomía patolóxica, onde existe unha exposición importante por parte dos traballadores e traballadoras. Trátase dun composto que causa irritación das vías respiratorias superiores, asma e bronquite, mentres que por contacto pode causar eccemas alérxicos, ademais de efectos canceríxenos.
Así, engade, “estes feitos dan como resultado unha situación que, de non tratarse coas medidas adecuadas, pode xerar un problema serio de saúde ocupacional para o persoal empregado nos laboratorios de anatomía patolóxica”.
Situación insalubre
Dende CIG-Saúde da Mariña afirman que no Servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital da Costa non existe ventilación xeral (obrigando a abrir fiestras e usar ventiladores portátiles), e no que respecta á existencia de extraccións localizadas na zona de manexo de formaldehido “soamente existe na sala de tallado, non hai ningún armario nin local específico para o almacenamento da substancia con extracción e a sala de autopsias non cumpre os requisitos para o seu fin a nivel material e de espazo, atopándose nunha situación insalubre”.
Fronte a isto, a CIG entendía que había que priorizar a seguridade no traballo, “cos mínimos de calidade esixíbel, e ante o desleixo desta Xerencia Executiva do Hospital da Costa e a resposta do SERGAS afirmando que se cumprían todas as medidas preventivas vímonos na obriga de interpoñer denuncia no organismo pertinente”.
Agora, coa resolución na man, dende a CIG-Saúde agárdase que a Xerencia corrixa no menor tempo posíbel todas estas deficiencias.