
Iniciativa Popular de CIG-Saúde para recuperar os salarios do persoal do Sergas

A CIG-Saúde promove unha Proposición non de Lei de Iniciativa Popular, para reclamar a recuperación dos acordos retributivos do persoal do SERGAS, suspendidos en 2010 e que aínda non foron recuperados.
O obxectivo desta Iniciativa é recuperar o complemento específico, que configura unha retribución complementaria cuxa contía vén determinada polo goberno galego e que está destinado a retribuír as condicións particulares dalgúns postos en atención á súa especial dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, incompatibilidade, perigosidade ou penosidade.
Desde a transferencia do sistema sanitario á Xunta de Galiza, o persoal do SERGAS vén demandando percibir a mesma contía retributiva, por ese concepto, que a asignada ao resto do persoal funcionario da Xunta, recollida na Orde de nóminas do persoal ao servizo da administración autonómica.
A CIG-Saúde lembra que a diferenza de soldo entre unha persoa funcionaria, cunha prestación de servizo de luns a venres e desde as 8:00 horas até as 15:00 horas, e unha persoa da sanidade, cunha prestación de servizos en quendas –mañá, tarde ou noite, incluídos domingos e festivos– é superior, de media, a máis de 200€ mensuais. Unha diferenza que é doada de comprobar na orde de nóminas do persoal da Xunta de Galiza.
Suspensión dos acordos
A finais de 2008 foi publicado o acordo 2008-2012 para a mellora das condicións de traballo e retributivas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde. Froito dese acordo, o persoal do SERGAS percibiu o incremento correspondente aos anos 2008 e 2009. Porén, coa chegada do PP ao goberno, foi suspendido.
O goberno do PP na Xunta xustificou esa decisión “debido ás circunstancias económicas excepcionais” pero non fixo intento ningún por recuperalo malia anunciar que a crise económica estaba superada. Fronte a iso, o que si fixo foi acordar restaurar progresivamente os dereitos do persoal da Xunta de Galiza “unha vez que se constatou unha redución significativa do déficit e o inicio da mellora da economía”, “centrándose naqueles aspectos que se poden considerar máis sensíbeis para o persoal ao servizo do sector público galego”.
Desde ese momento a CIG-Saúde reclamou que se abordase esta cuestión na mesa sectorial, nun intento de abrir un marco de negociación co SERGAS que foi imposíbel por mor da negativa sistemática da consellaría de Sanidade. Unha situación que obrigou a central sindical a presentar numerosas reclamacións na Xunta e agora a levar, pola vía da Proposición non de Lei de Iniciativa Popular, este tema ao Parlamento.
Apoio dos grupos parlamentarios
A CIG-Saúde vaise dirixir tamén a todos os grupos parlamentarios para que fagan súas estas demandas co obxectivo de que o Parlamento de Galiza inste a Xunta de Galiza a negociar na mesa sectorial do SERGAS un calendario de rehabilitación dos Acordos suspendidos no ano 2009 e que se rehabiliten as retribucións do persoal do SERGAS.
Para garantir o equilibrio financeiro e facilitar un acordo, a CIG-Saúde propón tamén que a recuperación das retribucións se faga en máis dun exercicio parlamentario, previa negociación, no marco da mesa sectorial do SERGAS. Unha negociación que entende que debería de se iniciar xa este mes de xuño e rematar á maior brevidade posíbel, para que os orzamentos do ano 2023 recollan a primeira anualidade de rehabilitación dos dereitos suspendidos.
A central sindical solicita ademais do Parlamento de Galiza que inste a que o acordo acadado na mesa sectorial sexa ratificado no primeiro Consello de Goberno que se celebre con posterioridade ao asinamento do acordo de rehabilitación de dereitos suspendidos, para a súa posterior publicación no Diario Oficial de Galiza.