Iníciase unha campaña para denunciar a falta de medidas de prevención no SPDCIF
Representantes dos catro comités provinciais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF), xunto co responsábel da sección da Autonómica da CIG-Administración, presentaron esta mañá en rolda de prensa unha campaña para exixir da consellaría de Medio Rural o cumprimento do Plan de Prevención de Riscos no que afecta a este colectivo.
Segundo explicou Roberto Varela, a día de hoxe non se están executando os Plans de Acción que forman parte dos plans de prevención no relativo ás tarefas de incendios. Un incumprimento co que se vulneran varios apartados lexislativos: a propia Lei de Prevención, onde se establecen as obrigas de garantir a saúde e seguridade dos traballadores e traballadoras; a propia Constitución, que encomenda aos poderes públicos velar pola seguridade e hixiene no traballo e o V convenio colectivo único da Xunta de Galiza.
Incumprimentos que Varela cualificou de “flagrantes”e que se suman a outros, xa que a propia Xunta de Galiza ten desenvolto un Decreto, no ano 2009, polo que aproba o Plan de Riscos Laborais do persoal da administración e unha Orde, tamén de 2009, no que se recollen os procedementos de vixilancia da saúde, a avaliación de riscos e a xestión de emerxencias dos traballadores/as da Xunta.
Ademais, desde finais de 2014 o SPDCIF conta co seu propio documento de avaliación de riscos onde aparecen reflectidas as tarefas de prevención e de extinción. Documentos que o responsábel do sector da Autonómica asegurou que, a día de hoxe, “non foron trasladados aos traballadores/as, o que está creando unha incertidume moi grande porque entendemos que os propios traballadores deben ter coñecemento disto”.
Neste documento veñen recollidos os distintos protocolos a seguir na realización das tarefas diarias e é, para Varela, “unha ferramenta básica para que o traballo se realice en condicións axeitadas, tanto en materia de seguridade e saúde laboral, como para evitar os abusos por parte da empresa, que se poden dar ao non se estar aplicando esas disposicións legais”.
Xunto a isto, e o máis importante é que ese plan permite velar pola seguridade dos traballos e evitar accidentes graves como os que xa teñen acontecido a este colectivo e que, tal e como lembrou Varela, “puxeron en serio risco a súa integridade física e a súa propia vida”.
Cos riscos avaliados non se aplicou nin unha soa medida correctora
Segundo explicou Raúl Vázquez, representante do comité de Ourense, na parte inicial do plan de acción avalíanse os riscos e unha vez identificados, ponse a medida correctora, un prazo de execución e unha persoa responsábel. “Estamos falando de medidas para as que, na súa maioría, os prazos eran de tres meses e que, como o noso traballo está dividido en distritos forestais, quen teñen que vixiar polo seu cumprimento son os xefes de distrito e enriba deles os xefes provinciais”.
Porén, como xa transcorreron tres anos desde que saíu á luz este plan de acción e non se aplicou “nin a primeira medida”, o ano pasado a CIG fixo chegar por escrito ao Subdirector Xeral de Incendios catro ou cinco cuestións que consideraba moi graves e que entendía que se debían corrixir antes do comezo da campaña de alto risco. “Escritos que non recibiron resposta algunha” e que levaron a iniciar esta campaña. Polo momento xa se presentaron, por parte dos comités provinciais escritos e tamén se informou da situación á propia Inspección de Traballo “á que a Lei de prevención de Riscos lle encomenda esa función, aínda na administración non ten capacidade sancionadora”.
Incumprimentos
Vázquez salientou algúns dos incumprimentos máis graves, como a falta de alimentos non perecedoiros -tendo en conta que ás veces as xornadas vanse ás doce horas-, tal e como obriga o plan, e a dispor de avituallamento líquido.
Xunto a este sinalou que, malia o plan consideralo unha alteración importante, os vehículos de extinción seguen tendo un equipo de autobomba con substancias inflamábeis; que se ten abandonada a formación e non se divulgan os procedementos propios do PLADIGA, que é o Plan especial que a Xunta elabora, cada ano, para a xestión e organización dos dispositivos para a temporada de alto risco.
Tampouco dispoñen de equipos de respiración de emerxencia, como o plan indica que debe haber; non hai sistemas individuais de comunicación para cada traballador/a e “hai unha falta de coordinación seria en varias accións que se dan habitualmente”.
A modo de exemplo sinalou os problemas de coordinación que se dan, cando interveñen medios aéreos, entre brigadas e equipos de terra. “Xa ten provocado varios accidentes, sobre todo no equipo de terra que é o que está abaixo sufrindo”.
Tamén denunciou que non se dá a máis mínima formación para a realización de contralumes, nin se establecen protocolos e mesmo a atomización continua que sofre este dispositivo, onde chegan a aparecer traballadores/as de até 14 entes diferentes, “porque a lei obriga a que se coordinen os plans de prevención das diferentes empresas, e iso tampouco existe”.