
Iníciase o peche indefinido no Concello de Cee contra a venda das centrais

Nun salón de plenos ateigado, o Comité de Ferroatlántica e representantes sindicais anunciaban o inicio dun peche indefinido no Concello de Cee. Unha acción que estará acompañada de concentracións diarias entre as 18:30 e as 19:30 horas e coa que se pretende por unha banda esixir ao Presidente da Xunta que reciba á representación social e doutra demostrar á empresa o rexeitamento unánime da comarca á venda das centrais hidroeléctricas.
Inicio do peche do Comité de Ferroatlántica
Inicio do peche do Comité de Ferroatlántica
Alén dos delegados da CIG no Comité de Ferroatlántica, no peche tamén participan o Secretario Confederal de Organización, Paulo Carril, e o responsábel da Unión Local da CIG de Cee, Xabier Santos. Ademais, membros da central nacionalista acudirán cada día a arroupar aos compañeiros e compañeiras tanto no peche como nas concentracións.
Así, está previsto que na xornada de mañá, martes día 22, o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, se sume á protesta da tarde diante da Casa do Concello de Cee.
O silencio cómplice da Xunta
Con esta nova acción reivindicativa, os traballadores e traballadoras queren demandar ao Presidente da Xunta que atenda "dunha vez" a solicitude reunión cursada polo Comité e cumpra coa legalidade vixente desautorizando a segregación das actividades enerxéticas e de ferroaleacións e, polo tanto, impedindo a venda das centrais hidroeléctricas.
Cada minuto que a Xunta permanece en silencio, dálle azos á empresa para seguir coa venda"
"Cada minuto que a Xunta permanece en silencio, estalle dando azos á empresa para seguir con esta operación. Temos que lograr que a Xunta diga claramente que non se poden vender as centrais e por outro lado, temos que presionar a Ferroatlántica para que cese de vez nas súas intencións", aseveraba Paulo Carril ao inicio do encerro.
A este respecto, Xabier Santos acusaba á Xunta de converterse coa súa actitude ambigua en "cómplice" da empresa, censurando que "mentres o PP na comarca se coloca detrás da pancarta contra a vendas das centrais, o PP na Xunta actúa como verdugo desta bisbarra".
Engadíao Secretario Confederal de Organización da CIG que, con este peche, quérese demostrar que a reivindicación contra a venda das centrais "non remata nos muros das fábricas, senón que o sentir común de toda a comarca", nunha semana decisiva, xa que previsibelmente a empresa presentará o contrato de preventa nos vindeiros días.
"Nada mudou que permita autorizar a segregación"
Os cambios administrativos dos fluxos do sistema eléctrico non amparan esta operacion especulativa"
Neste senso, Alfonzo Mouzo, delegado da CIG, lanzaba un chamamento a toda a cidadanía para que se sumen ás protestas e "manifestar o noso rexeitamento unánime á venda". Unha operación especulativa, "que suporía a ruína da comarca" e que, lembrou, o Grupo Villar Mir xa tentara consumar no ano 1992, cando adquiriu o complexo industrial e as plantas hidroeléctricas.
Daquela foi o Parlamento de Galiza, nunha decisión posteriormente ratificada polos tribunais de xustiza, quen impediu a separación de actividades, coa finalidade de salvagardar o interese público da explotación dos nosos recursos naturais. "Nada mudou dende entón que permita autorizar a segregación das actividades", aseverou Mouzo, "nin os cambios administrativos dos fluxos do sistema eléctrico amparan as pretensións da empresa, nin a suposta repercusión da venda na comarca xustifican esta operación".