Inician un peche nas dependencias de Portos do Estado en Madrid contra o incumprimento do convenio
Os sindicatos asinantes do III Convenio Colectivo de Portos do Estado e Autoridades Portuarias -CIG, UGT e CCOO- veñen de iniciar un peche nas dependencias de Portos do Estado en Madrid para denunciar que non se cumpre o acordo laboral pactado nin se aplica a suba salarial acordada para o conxunto do persoal público.
A medida de presión adoptouse tras a reunión mantida cos responsábeis do organismo este martes día 26, na que, a demanda da parte social, informouse da situación da aplicación económica do III Convenio Colectivo, publicado no BOE en xuño do ano 2019, e do incremento salarial do 2,3% acordado para o conxunto de empregados/as públicos/as para o exercicio 2020. A resposta foi que carecen da autorización do Ministerio de Facenda para aplicar o pactado e determinado na correspondente Lei de Orzamentos Xerais do Estado.
O persoal soportou, e está a soportar, todos os recortes salariais e de dereitos que ao longo de 10 anos cernaron a posibilidade de establecer plans de desenvolvemento profesional e produtividade
Dende as centrais lembran que o III Convenio Colectivo de Portos do Estado e Autoridades Portuarias foi acordado o día 23 de abril de 2019, e publicado no BOE número 143 do 15 de xuño de 2019, tras obter as correspondentes autorizacións dos órganos de control, Ministerio de Facenda (CECIR), Comisión Nacional de Seguimento da Negociación Colectiva no ámbito das Administracións Públicas e Ministerio de Traballo Migracións e Seguridade Social.
“Tras solicitar información, de forma recorrente, a resposta de Portos do Estado sempre foi negativa, argumentando non dispoñer da autorización de aplicación das masas adicionais nin tampouco a que corresponde para a aplicación da subida prevista para o exercicio 2020 para o conxunto de empregados/as públicos/as”, indican dende as organizacións sindicais.
O mesmo tempo, sinalan que que unha vez máis queda clara a “debilidade” do sistema portuario público estatal na defensa dos dereitos dos persoais das distintas Autoridades Portuarias e Portos do Estado. “O conxunto dos traballadores/as dos portos soportaron, e están a soportar, todos os recortes salariais e de dereitos que ao longo de 10 anos consecutivos cernaron a posibilidade de establecer plans de desenvolvemento profesional e produtividade, tan necesarios para o sistema portuario, baseado en tráficos portuarios tan dinámicos como o tráfico internacional, tanto de pasaxeiros/as como de mercadorías, e con novas funcións e necesidades de prestación de distintos servizos provocados polo avance lexislativo en cuestións tan básicas como a seguridade, a aposta polo tráfico ferroviario, a transición ecolóxica e dixital e un longo etcétera”.
Beneficios económicos
Lembran que o sistema portuario público estatal é un sistema que se rexe polo principio da autosuficiencia económica, que é solvente, e que xerou beneficios nos anos máis duros da crise económica (ao redor de 200 millóns de euros/ano). De feito, o ano pasado tamén xerou beneficios a pesar do contexto de crise provocada pola pandemia. “Aféctannos normas orzamentarias, pero non afectamos os orzamentos xerais do Estado”, inciden.
Ao mesmo tempo, salientan que o acordo do III Convenio Colectivo (23 de abril de 2019) alcánzase tras a desconvocatoria de folga xeral para todo o sistema (26 de abril de 2019), e nun escenario de convocatoria de eleccións xerais, que tiveron lugar o 28 de abril (2019).
“É por todo o anterior polo que a CIG, UGT e CCOO procederon a tomar a mesma sala de reunións onde se lles comunicou que se volve castigar de forma impune o conxunto dos empregados/as públicos/as, traballadores/as que demostran cada día o seu compromiso coa prestación do servizo esencial público, garantindo o paso da mercadorías e pasaxeiros/as polos portos en condicións de seguridade e calidade, e que mesmo nos peores momentos da crise por pandemia cumpriron co seu deber e compromiso público; estiveron ao pé do canón a pesar de non contar cos medios axeitados e arriscaron a súa propia saúde e a das súas familias, achegando medios técnicos propios nas súas casas para que se garantise o paso de mercadorías esenciais”.
Tamén lamentan que polo de agora a resposta que obtiveron foi o “desprezo” cara ao futuro do conxunto de traballadores/as. “Alguén caeu no erro de confundir compromiso de servizo público con sometemento dos dereitos laborais e económicos que lles ampara ao conxunto de persoas traballadoras”. Nesta liña, consideran que nun Estado “moderno e serio” debera rexer o principio de que “os convenio colectivos se se asinan, aplícanse, independentemente da cor do goberno de quenda, e se está presionado ou non pola proximidade dunhas eleccións xerais”.
Finalmente, adiantan que “non imos dubidar” na loita pola dignidade do conxunto de traballadores/as, empregados/as públicos/as, “dende o convencemento de estender as mobilizacións á totalidade do sistema portuario estatal”.