Inician un peche indefinido no hospital Meixoeiro de Vigo para rexeitar o seu desmantelamento
Segundo explican dende a federación de Saúde da CIG de Vigo, que a apoia e participa activamente nas mobilizacións, a convocatoria ten por obxectivo reivindicar a importancia do Meixoeiro na sanidade pública da bisbarra e denunciar que “este centro é unha das vítimas das privatizacións e dos recortes, con peche de camas e perda de servizos, polo que non está a xogar o papel que tería que xogar no sistema sanitario público”.
Diante disto, reclaman que o hospital teña unha ocupación do 100% en todas as súas camas, que dispoña dos recursos que permitan tratar patoloxías máis complexas e que contribúa á redución das listas de espera. “Por iso pedimos que teña unha unidade de coidados de pacientes críticos que permita atender cirurxías máis complexas e o ingreso de pacientes con patoloxías máis graves”.
Isto permitiría descargar o Álvaro Cunqueiro, “para que poida xogar o papel de hospital de doentes agudos”. Ademais, consideran necesario complementar a oferta sanitaria co Nicolás Peña, “xa que sen estes tres centros non é posíbel que a sanidade pública dea un servizo axeitado de atención especializada”.
Entenden que para que isto sexa posíbel é necesario contármonos con xestores públicos que aposten pola sanidade pública: que recuperen o Álvaro Cunqueiro para a cidadanía, para o sistema público, e que se incremente o número de camas e de servizos. Ao mesmo tempo, o Meixoeiro debera ser o centro de referencia en oncoloxía, mediciña interna, coidados paliativos, xeriatría e cirurxía ambulatoria e programada de maior complexidade.
Diante isto, no día de onte desenvolveron unha concentración ás portas do Meixoeiro e unha marcha posterior polas inmediacións do edificio, tras o que se iniciou un peche indefinido por quendas no que xa hai anotadas máis de 500 persoas. Os promotores/as anuncian que non o suspenderán até que a Consellería de Sanidade non se comprometa a elaborar un plan quue garanta o futuro do centro médico.