Inician mobilizacións para rexeitar despidos na empresa Vertifil de Moraña
O cadro de persoal de Vertifil Industrial, empresa do sector téxtil con sede na localidade pontevedresa de Moraña, desenvolveu hoxe unha concentración diante da empresa para rexeitar os despedimentos anunciados pola compañía. A dirección da firma pertencente ao grupo Vertisol procedeu a rescindir cinco contratos 10 minutos despois da xuntanza na que anunciou a decisión de presentar un ERTE.
A protesta tivo lugar de 13:30 a 14:30 horas ás portas das instalacións da empresa, situadas no polígono industrial de Mirallos, onde se despregou unha faixa na que se podía ler “Despidos non, readmisión!” e se berraron consignas como “Non aos despidos en Vertifil”, “Vertisol, escoita, Vertifil está loita” ou “Despedidos readmisión”.
O pasado martes 9 de marzo o comité de empresa (3 delegados/as da CIG e 2 da CUT) mantivo unha xuntanza coa compañía no marco das negociacións para o cambio e mellora do anexo do convenio, xa que logo de moito tempo de conversas existía unha proposta da empresa que se ía debater e negociar.
“A nosa sorpresa foi que a dirección envía, ademais dos interlocutores habituais, a un asesor que di falar en nome do accionista único; esta persoa toma a palabra en primeiro lugar e ante a noso estupor explica que van despedir a cinco compañeiros/as, e que a continuación iniciarán a constitución da comisión negociadora para presentar un ERTE por causas obxectivas. Evidentemente amosamos o noso desacordo e tentamos parar os despedimentos pedindo que esas persoas se inclúan no ERTE”, explica Xabier Magariños, presidente do comité (CIG).
Mala fe da empresa
Segundo a empresa, o que se pretende con esta decisión é un adelgazamento de estrutura por mor da crise sanitaria e a gran baixada de vendas e pedidos. “Pero nós pensamos que estes despedimentos non atenden a criterios económicos, xa que van dirixidos a xente de moita antigüidade e con indemnizacións altas”.
En consecuencia, a xuntanza rematou sen acordo entre as partes ante a negativa da compañía a paralizar os despidos e a abrir unha negociación do ERTE na que se debatan as necesidades reais para a viabilidade da empresa. “A dirección non accede a retirar os despedimentos, que finalmente leva a cabo 10 minutos despois de finalizada a reunión”.
Para analizar a situación, “e en protesta polos despedimentos e a mala fe da empresa á hora de proceder”, a representación sindical optou por celebrar unha asemblea de traballadores/as, na que que por amplísima maioría se decidiu convocar a protesta de hoxe “como punto de partida dun calendario de mobilizacións”, remata Magariños.