Inician mobilizacións para reclamarlle a Frigodeza o pago dos salarios pendentes

A empresa do alcalde de Dozón presentou un ERTE, que o persoal rexeita, e non abona os soldos dende decembro
Lalín - 12 Feb 2024

Traballadores/as do matadoiro Frigodeza mobilizáronse este venres en Lalín coincidindo cun mitin do PP que contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do máximo responsábel do partido conservador a nivel estatal, Alberto Núñez Feijóo, para reclamarlle á empresa propiedade do alcalde de Dozón, tamén do PP, o pago dos salarios pendentes.

 

Dende a CIG explican que o comité de empresa convocou a protesta para instar a familia Campos, propietaria da compañía, a que liquide canto antes as débedas co cadro de persoal, que leva dende o mes de decembro sen cobrar. Un dos administradores de Frigodeza é o alcalde de Dozón, Adolfo Campos, mentres que outro é o seu curmán e presidente da patronal do Deza, David Campos.

“A representación dos traballadores/as non acepta o ERTE presentado pola empresa, xa que non existe un plan de viabilidade que garanta o futuro dos empregos”, lamentan. Un total de 40 persoas deberán acollerse a un ERTE de tres meses, mentres que outras 15 traballarán unicamente tres días á semana.