Inician dilixencias previas para investigar os accidentes nas obras do AVE en Ourense
A titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Verín vén de tomar a decisión de incoar dilixencias previas para a investigación dos accidentes de traballo, algúns deles mortais, ocorridos nas obras do AVE na provincia de Ourense en base á denuncia presentada pola Unión Local da CIG de Verín e A Limia.
No auto xudicial feito público o pasado 29 de xaneiro recoñécese que os feitos denunciados pola central sindical <<presentan características que fan presumir a posíbel existencia de delito contra os dereitos dos traballadores/as, cuxa instrución corresponde a este órgano xudicial, segundo os artigos 14.2 e 15 da Lei de Enxuizamento Criminal, e demais normativa concordante>>.
Ademais, como primeira dilixencia a practicar ordena que se lle requira á Inspección de Traballo e á Seguridade Social de Ourense que remitan copia dos expedientes tramitados e das actas de inspección e/ou infracción levantadas con ocasión dos sinistros laborais que figuran na denuncia.
Unha vez feitas as dilixencias de investigación, a CIG, que fai parte do proceso en calidade de acusación particular, solicitaralle á instrutora que a practique novas dilixencias que se irán dando a coñecer no seu momento, entre as que se incluirán a citación para que presten declaración os responsábeis das UTE adxudicatarias dos treitos do AVE na provincia e mesmo os responsábeis do Ministerio de Fomento.