O comité de Losán reclámalle á Xunta unha mesa negociadora urxente ante o risco de perda de 200 empregos
O comité de Industrias Losán reclámalle á Xunta de Galiza a convocatoria inmediata dunha mesa negociadora na que participen todas as partes implicadas (Administración galega, SEPI, empresa e representación sindical) coa finalidade “de atopar solucións urxentes á crítica situación que atravesa a compañía”.
Lembran que o 29 de abril “preséntase como unha data límite clave, e a incapacidade da empresa para sacar adiante o plan de reestruturación coloca en serio risco uns 200 postos de traballo directos en Galiza”, repartidos nas plantas de Curtis e Vilasantar e as oficinas da Coruña.
Por iso, o comité considera imprescindíbel a implicación directa da Administración autonómica “para facilitar un espazo de diálogo real e efectivo entre empresa, as persoas traballadoras e as institucións”, que permita desbloquear a situación e garantir o a viabilidade industrial e laboral.
A este respecto, explican que a dirección fixo en datas recentes unha ronda de visitas polas distintos centros de traballo do Estado para presentar o seu “suposto plan de futuro”, mais “sen facilitar os plans de reestruturación nin ofrecer información detallada á representación social, malia así terllo pedido en reiteradas ocasións”.
Propostas “irreais e inviábeis”
Os comités das diferentes fábricas de Galiza, Castela e León e Castela A Mancha coinciden na critica a esta falta de transparencia e consideran as propostas trasladadas pola empresa como “irreais e inviábeis”. Denuncian que a única opción formulada pola compañía pasa por manter a actividade nalgunhas plantas “sen regularizar as nóminas pendentes nin fixar un calendario de pagos que garanta o seu abono”.
Esta situación afonda na incerteza e na desesperación na que os cadros de persoal levan meses inmersos, con catro nóminas sen cobrar e sen actividade produtiva nas fábricas.
Para os comités non existe un verdadeiro plan de industrial con futuro, senón unha “estratexia orientada a salvagardar os intereses dos propietarios a través da redución da débeda e a posíbel venda de activos”. Ademais, lembran que a empresa arrastra unha elevada débeda que derivou no bloqueo das contas por impagos á Seguridade Social, así como no embargamento de facturas e o incumprimento do pago das indemnizacións recoñecidas en vía xudicial.
Desmantelamento industrial en zonas rurais
Nesta liña, a representación galega do persoal alerta que, de non producírense avances inmediatos no plan de viabilidade, “estaríamos ante un desmantelamento industrial en comarcas rurais e con gran potencial forestal e non se entendería que, cando a Xunta está deseñando un plan estratéxico forestal, non estiveramos incluídos neste”.
“O futuro de centos de familias galegas está en xogo e non podemos permitir que se perda máis tempo”, reitera o comité, que insiste na necesidade de actuar con responsabilidade e urxencia, polo que agarda que a Xunta atenda a petición e dea unha pronta resposta.