O persoal de Industrias Losán reclama o cobro inmediato dos seus salarios e un plan de viabilidade que garanta o futuro das fábricas
Traballadores e traballadoras de Industrias Losán concentráronse este xoves diante da Delegación do Goberno na Coruña en demanda dun plan industrial que garanta a continuidade dos empregos e da actividade produtiva e reclamar o cobro inmediato dos seus salarios, pois neste momento a empresa débelle a todo o seu persoal as nóminas de novembro, decembro e xaneiro e paga extraordinaria de nadal.
A situación nas factorías resulta cada máis insostíbel para os traballadores e traballadoras que enfrontan serias dificultades económicas e unha permanente incerteza sobre o seu futuro. Por iso, dentro do calendario de mobilizacións acordado entre os distintos comités, este xoves realizáronse accións de protesta simultánea para demandar a implicación activa da administración estatal, nomeadamente a través da SEPI, “ante a incapacidade da empresa de saír desta situación”.
O presidente do comité de Industrias Losán de Curtis, Xosé Anxo Sánchez (CIG), instou a SEPI a que esixa un plan industrial que garanta carga de traballo e o futuro produtivo e que asegure o mantemento do emprego: uns 200 postos directos en Galiza e máis de 800 no conxunto do estado. Con este obxectivo, o persoal fixo entrega dun escrito dirixido á Sociedade Estatal de Participacións Industriais pedíndolle que tamén supervise a xestión para que calquera recurso público estea vinculado á actividade e aos postos de traballo, e que estabeleza un sistema de seguimento con participación da representación do persoal.
“Até agora ninguén está contando coas traballadoras e os traballadores e incluso a empresa nos utiliza como un escudo nas negociacións coa banca. A SEPI ten ferramentas para sacar isto adiante e que poidamos retomar a actividade industrial das factorías e iso é o que estamos pedimos”, aseverou.
Sánchez criticou a incapacidade de xestión e a improvisación da dirección tras máis de dous anos arrastrando problemas financeiros e produtivos e destacou o impacto que ten a actividade destas factorías nos territorios onde están asentadas, eminentemente rurais. “Sería catastrófico perder estes postos de traballo no rural, onde as alternativas son escasas. Cremos que si hai futuro e viabilidade, pero cómpre que alguén tome o temón”, aseverou.
O próximo xoves, 12 de febreiro, o persoal ten convocada unha nova mobilización, desta volta diante da Consellaría de Industria en San Caetano (Santiago) para demandar tamén a implicación da Xunta de Galiza, máis aínda tendo en conta as axudas públicas que recibiu a empresa a través do IGAPE.