Industria demandará do Ministerio de Transición a convocatoria dunha xuntanza polo futuro de Endesa
O comité de crise, onde están representados os sindicatos, o comité de empresa, transportistas, concello, empresariado e comerciantes das Pontes, reuniuse este mércores co conselleiro de Industria, Francisco Conde e o Director Xeral de Enerxía e Minas, Angel Bernardo Tahoces, para abordar, máis unha vez, a situación da empresa e o futuro da comarca. Segundo explicou ao remate da xuntanza o representante da CIG das Pontes, Alberte Amado, o conselleiro comprometeuse a solicitar do Ministerio de Transición Ecolóxica a convocatoria dunha xuntanza na que participen todas as partes.
A reunión arrincou coa intervención do conselleiro, que deu conta dos resultados das últimas xuntanzas celebradas en Madrid, coa ministra, o concello e Endesa e en Compostela, nas que se abordou a cuestión das probas para avaliar como alternativa ao carbón os lodos como biocombustible.
Respecto desta cuestión Alberte Amado sinala que “entenden que traballando o tema poderíase axustar tanto técnica como ambientalmente. Mais valoran que a parte económica, de incio, non se vai axustar ao mercado da enerxía”. Por iso na xuntanza valorouse a necesidade de que, desde o Ministerio, se adopten medidas como a eliminación do céntimo verde ou algún tipo de bonificación por quilowatio.
Amado lembrou que este tema xa se debatera o 2 de outubro na mesa celebrada co ministerio. “Desde o propio ministerio xa manifestaron que o de bonificar o quilowatio non é tan sinxelo, polas contías que supón e, sobre todo, porque só se elimina unha parte do carbón, non todo”. Por iso vai haber un control estrito dos resultados das probas para que estes sexan reais e positivos.
Preparar o escenario futuro
Con todo, o representante da CIG advirte que aínda que as probas deran positivo e se utilizara o biocombustible como alternativa, no mellor dos escenarios “xa se dá por feito que calquera futuro nunca sería cos catro grupos, ou sexa, coa central ao 100%, senón ao 50%”. Isto tería un grave impacto no emprego tanto de auxiliares como de transportistas, como na propia economía, porque implicaría unha rebaixa da metade da produción.
Por iso considera Amado considera que urxe traballar en serio en alternativas de futuro para minimizar o peche parcial ou o total, dependendo dos resultados desas probas. “Imos tarde porque aínda non estamos formalmente no chamado “Equipo País” onde están incluídos todos os territorios afectados pola transición enerxética: Asturias, Castela-A Mancha, Castela-León, pero nós non e aí é onde se fala e se vai valorar como distribuír as axudas que veñan do Estado e de Europa”.
Mesa de Transición
Todo apunta a que a incorporación de Galiza a ese grupo terá lugar en breve aínda que o representante da CIG entende que “imos chegar cando xa estean os debates dados”. De aí que demande que esa inclusión sexa inmediata e que se constitúa, a maiores, a Mesa de Transición das Pontes, para buscar xa solucións para os transportistas, dar garantías á industria auxiliar e traballar na perspectiva industrial de futuro para minimizar o impacto do peche parcial ou total da central”.
Endesa en cuestión
Para Alberte Amado hai que preparase tamén para “o peor escenario” toda vez que Endesa xa puxo en cuestión que o seu proxecto fose o dos lodos. “Tal e como nos manifestou ás centrais sindicais, está disposta a facer as probas, pero o seu proxecto é a enerxía eólica, así que non valería de nada facer probas, dar un resultado x que podería ser aceptable, se logo, como empresa privada, non quere asumir ese negocio”.
Fronte a esta valoración posta sobre a mesa, a Xunta manifestou que ten o compromiso de Endesa e que, se iso funciona, vai se asumido.
Malia isto, Amado subliña que cando se presentou o peche a propia empresa manifestou “que se reserva o dereito a facer as probas e a tomar unha decisión nun camiño ou noutro saian como saian”.
Ao remate da xuntanza acadouse o acordo, por parte da consellaría de urxir ao ministerio a convocar unha Mesa de Transición na que estivese, ademais do comité de crise, a Xunta e a propia Endesa. Unha xuntanza para a que non hai data e que non se sabe cando se convocará.
Neste sentido, Alberte Amado lembra que o comité de crise ten enviada unha solicitude de xuntanza ao Ministerio de Transición Ecolóxica antes do Nadal e os sindicatos outra, desde hai máis de dous meses, para falar en concreto da industria auxiliar. “Non houbo contestación a ningunha, por iso entendo que tería sido mellor non quedar a expensas de ser convocados polo ministerio, senón que convocara a Xunta a todas as partes e se o Ministerio non aparecera, quedaría retratado”.
Concentración nas Pontes
Mentres se celebraba esta xuntanza, o persoal de Endesa concentrábase ás portas da central, á saída da quenda de mañá. Unha mobilización que se repite todos os mércores desde hai semanas.