INDRA pretende aplicar ERTEs, reducións xornadas e un recorte de salarios brutal a pesar de ter o 80% do seu persoal teletraballando
A CIG quere denunciar a pretensión de INDRA, a maior empresa tecnolóxica do Estado español e unha das poucas que conta con accionariado público estatal, de aplicar ERTEs e reducións de xornada a pesar de ter ao 80% do seu cadro de persoal teletraballando, en moitos casos realizando xornadas esgotadoras, e de encargarse de dar soporte técnico a servizos públicos esenciais como o SERGAS. A CIG entende que a compañía quere aproveitarse da situación de emerxencia sanitaria para tirar máis beneficio, a conta de recortar dereitos e desfacerse de traballadores/as.
O pasado 19 de marzo INDRA comunicou á representación legal das traballadoras e traballadores das distintas sociedades subsidiarias a súa intención de promover suspensións de contratos (ERTEs) e reducións de xornadas, sen descartar ademais aplicar outro tipo de medidas complementarias. En Galiza, estes ERTEs afectan fundamentalmente a Indra Producción de Software e a Indra Soluciones Tecnologías de la Información, que empregan a máis de 1400 traballadores e traballadoras.
A CIG traslada a absoluta estupefacción por esta noticia xa que estas empresas prestan servizos de soporte técnico a servizos públicos (como o SERGAS e a Xustiza) e privados (R Cable, Abanca, etc.) que na crise actual son de vital importancia para o funcionamento dos servizos básicos e esenciais.
A empresa, en menos de 24 horas, aproveitouse dun decreto orixinado por un estado de alarma para aplicar un ERTE, sen dar tempo sequera de avaliar as contas para xustificalo e tendo en conta que o 80% do cadro de persoal está nas súas casas teletraballando (e pondo os seus propios medios para poder realizar a actividade laboral). Ao tempo, o persoal que ten dificultades técnicas segue acudindo ás oficinas, que fican abertas a tal efecto.
Ademais disto, ao longo da semana pasada a empresa aproveitou para despedir a traballadores e traballadoras sen causa xustificada, cando non de forma manifestamente fraudulenta, aproveitando que os prazos de reclamación contra o despedimento están paralizados, co cal as traballadoras e traballadores afectados non terán posibilidade de reclamar indemnización algunha até finalizar a vixencia do estado de alarma. É de prever que, no colapso xudicial que se poida producir despois, estes preitos tarden bastante tempo en substanciarse.
Baixadas salariais de até o 25%
Pero o realmente impactante é a comunicación mantida no día de onte polo presidente de INDRA, Fernando Abril-Martorell, con representantes das distintas seccións sindicais, na que non admitiu ningunha pregunta e na que informou da intención da compañía de acompañar estes ERTES con “baixadas salariais de entre un 3% e un 25%”. A empresa, en lugar de buscar alternativas para amortecer o impacto da regulación aplica o que denomina medidas "complementarias conxunturais" que prexudicarán aínda máis o persoal.
A CIG rexeita totalmente este plan da tecnolóxica, máxime cando desde a compañía se pediu ao cadro de persoal un "esforzo extra" para salvar a situación que se está a crear en moitos organismos públicos e empresas na actual crise, estando moitos compañeiros e compañeiras facendo xornadas maratonianas para atender os servizos.
Este movemento, indigno en calquera empresa pero máis aínda nunha empresa que conta co ex-ministro Miguel Sebastián representando o Estado español no seu Consello de Administración, semella máis unha artimaña da compañía para aproveitarse dunha situación de crise mundial, e incrementar os seus xa abondosos beneficios. Por isto, a CIG esixe de INDRA que recúe inmediatamente nas súas intencións e proceda a asignar o persoal que puidera sufrir unha baixada de carga de traballo para reforzar os cadros daqueles servizos esenciais, e asegurar así que estes non se vexan afectados.
Aproveitar o talento e coñecemento do persoal
Nesta emerxencia sanitaria e social, a maior tecnolóxica do Estado español ten que poder achegar algo máis á sociedade que desempregados e desempregadas. Debe aproveitar o talento e coñecementos duns e dunhas profesionais altamente cualificadas para colaborar en proxectos e actividades con outras empresas e organismos na procura de solucións ás carencias e dificultades para conseguir materiais sanitarios.
INDRA non pode ser a ETT que subministre profesionais a prezo de saldos ás grandes compañías de telecomunicacións, bancos, enerxéticas, etc. E dende a CIG non se vai consentir que se aproveite do contexto actual para tentar desmantelar as condicións laborais e os cadros de persoal.