Indra aproveita o ERE para desfacerse da representación sindical que lle resulta máis incómoda
Grupo Indra, unhas das empresas de enxeñaría máis importantes do Estado español, está a aproveitar a reforma laboral (que o Goberno de coalición segue sen derrogar) para despedir a centos de traballadores e traballadoras e ao tempo desfacerse do persoal e dos sindicatos que lle resultan máis incómodos, aplicando despedimentos selectivos de delegadas e delegados que se opuxeron á sinatura do acordo do ERE para Indra Soluciones Tecnológicas de la Información.
Para denunciar esta actuación fraudulenta e a vulneración da liberdade sindical, a CIG ten convocada unha concentración o vindeiro venres, 19 de febreiro, ás 11:30 horas, diante das oficinas de Indra no Polígono da Agrela (nas inmediacións do CC Marineda City).
Carta branca á empresa para despedir
A Federación de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas da CIG lembra que no mes de novembro foi asinado un acordo de ERE para Indra Soluciones (que a CIG rexeitou) "que lle dá carta branca á empresa para despedir inmoralmente a centos de compañeiros e compañeiras, aducindo que non teñen empregabilidade, cando a empresa nunca quixo darlle formación nin recorrer a este persoal para acceder a novos nichos de negocio".
Pero ademais, Indra aproveita para incluír a ducias de delegados e delegadas de persoal que, curiosamente, pertencen aos sindicatos que se opuxeron ao ERE, nun intento evidente de deixar sen representación a todas as traballadoras e traballadores que votaron nas eleccións sindicais por organizacións "non compracentes coa empresa".
Para a CIG resulta vergoñento que unha empresa con participación pública, que vive en gran medida das contratas coas administracións, e que neste contexto de pandemia está obtendo beneficios millonarios, recorra aos aspectos máis lesivos da reforma laboral para aplicar despedimentos e vulnerar a liberdade sindical.
Unha reforma laboral que, a pesar dos compromisos do Goberno de PSOE-Podemos, segue plenamente vixente e deixa en exclusiva nas mans das empresas a decisión de aplicar despedimentos colectivos, ao eliminar a autorización administrativa previa que existía antes da reforma de 2012.
Xuízo de impugnación do ERE a finais de mes
A este respecto, a CIG-Banca sinala que o ERE de Indra non ten causa legal "e así o trataremos de demostrar no xuízo que se celebrará na Audiencia Nacional a finais do mes de febreiro". A central nacionalista esixe do Goberno español a derrogación inmediata da reforma laboral e pídelle á Autoridade Laboral que poña todos os medios ao seu dispor "para evitar estas accións criminais por parte desta empresa".