"Inditex non quere garantir empregos senón aproveitar os peches das tendas para recortar os nosos dereitos"
As traballadoras da Uterqüe en Santiago de Compostela (que Inditex pechará definitivamente este domingo) secundan este venres a segunda xornada de folga para esixir recolocacións sen perda de dereitos. Con motivo do paro, as traballadoras van realizar unha concentración ás 12:30h diante da tenda situada na rúa Doutor Teixeiro e posteriormente, ás 13h, a CIG ten convocada outra mobilización no Zara Home dar/República do Salvador, por este mesmo motivo.
Na reunión que tivo lugar onte pola tarde coa dirección da empresa "volveu quedar patente que a Inditex non lle interesa garantir os postos de traballo, senón aproveitar estes peches para recortar os dereitos que fomos adquirindo a través da loita ao longo destes anos", denuncia Carmiña Naveiro, a secretaria de Acción Sindical da CIG-Servizos, delegada da CIG e traballadora de Zara.
Explica que a empresa se nega a garantirlles as traballadoras afectada polo peche os calendarios, a xornada ou incluso a categoría, rebaixándolle así as retribucións e impóndolles realizar quenda de tarde en exclusiva, "o que constitúe un ataque directo á conciliación, que tanto se gaba Inditex de respectar".
Subliña que "estamos falando de persoas que levan entre oito e dezaoito anos na empresa, que van ser recolocadas en Zara sen que se lle respecten as súas condicións mínimas e ás que se que lles quere impor os peores horarios de toda a cadea, pois non hai ningunha traballadora das tendas de Inditex que faga sempre tardes".
O obxectivo, que as traballadoras pidan a baixa voluntaria
En realidade, o grupo de Amancio Ortega vende que hai un acordo asinado con CCOO e UGT en Madrid para manter o emprego, pero ao non garantirse ningún dereito, nin sequera os calendarios ou que os traslados sexan na mesma localidade ou nunha próxima, o que vai acontecer é que as traballadoras acaben renunciando ao seu posto por non poder asumir estas novas condicións. "O que ofrece Inditex é unha chantaxe que ten como obxectivo que as traballadoras pidan a baixa voluntaria", advirte a representante sindical.
Por iso, Naveiro xa adianta que a folga de Uterqüe Santiago é a primeira, "pero haberá máis" se Inditex non senta negociar un acordo que realmente permita manter os dereitos laborais e salariais de todo o persoal afectado polos peches das tendas. De feito, hoxe mesmo hai concentración diante do Zara Home da r/República do Salvador, onde van ser recolocadas as compañeiras da tenda das Cancelas que vai pecha.
"Xa hai moito tempo que dende a CIG vimos denunciando que a xente das tendas somos o último eslabón da cadea, e que a precarización no grupo vai ligada ás tendas. O que está facendo Inditex é aproveitar a escusa pandemia para meter man nos nosos dereitos, a pesar de estar rexistrando beneficios", critica. Neste senso, Carmiña Naveiro asevera que "nos parece moi ben que Inditex queira cambiar o seu modelo de negocio, pero non pode facelo a conta dos nosos dereitos".