Inditex afonda na centralización das relacións laborais e négase a negociar na Coruña as demandas específicas do persoal da provincia
Un non rotundo foi a resposta que recibiron as representantes da CIG nas tendas de Inditex a negociar as súas condicións laborais. As traballadoras tiveron que forzar unha reunión coa empresa ante a falta de resposta aos escritos remitidos dende os diferentes comités solicitando que se retome a mesa provincial para tratar catro puntos específicos. Ante este silencio, un grupo de 19 delegadas e delegados da CIG acordaron, como medida de presión, pecharse este mércores na garita de control de acceso á sede da multinacional en Arteixo.
O seu obxectivo era seren atendidas polo departamento de Recursos Humanos, entregarlle as sinaturas individuais recollidas entre máis do 70% das traballadoras das tendas da provincia da Coruña, e demandar que a apertura dunha mesa similar a de 2016 para tratar os puntos que só afectan á provincia da Coruña e que, polo tanto, "deben ser negociadas neste territorio".
Ao pouco de comezar a acción de protesta, o persoal de seguridade comunicáballe as traballadoras que serían recibidas por alguén da empresa, convidándoas a trasladarse até un auditorio dentro das instalacións. Alí agardaron até que se presentaron os responsábeis do departamento xurídico quen, tras escoitalas, pecháronse nunha rotunda negativa a negociar as demandas expostas, malia tratárense de cuestións específicas das traballadoras da provincia: revisión do plus sede e do plus provincia a partir de 2025, recuperación da antigüidade existente no convenio, estabelecemento do servizo de comida e homoxeneización e equiparación das condicións entre todas as cadeas (calendarios, libranzas de sábado, licencias, descansos etc.).
Inditex rexeitou negociar sobre os tres primeiros puntos aducindo que xa se están abordando na mesa de Madrid e soamente se abriu a tratar a equiparación entre cadeas, mais limitando a negociación a cada un dos comités e rexeitando facelo de maneira conxunta. Para as delegadas da CIG esta postura enmárcase no proceso de centralización e afastamento das relacións laborais iniciado por Inditex, buscando un ámbito de negociación fóra da provincia no que a CIG non teña maioría e tratando de evitar a resposta sindical que as traballadoras son quen de dar aquí.
Hai que subliñar que o pasado 15 de abril, cada un dos comités das diferentes cadeas xa trasladou a Inditex un escrito solicitando a apertura desta mesa provincial, mais a proposta "nin sequera foi respondida por escrito, o que supón un exemplo máis do pasotismo e a indiferenza da empresa cara á representación legal das súas traballadoras", valora Lucía Domínguez, presidenta do comité de Stradivarius da Coruña.
Neste contexto, foi que as delegadas da CIG acordaron desenvolver esta acción directa de protesta porque "nos vemos na obriga de levarlle en persoa a Inditex o sentir das traballadoras, para que nos respecten e sexamos tidas en conta, como xa fai con outro persoal desta provincia". Neste senso, advirten que as dependentas están fartas de seren tratadas pola empresa como traballadoras de segunda e reclaman formar parte tamén do reparto deses milmillonarios beneficios que axudan a xerar.
Melloras nas condicións e equiparación entre as cadeas
Sobre as reivindicacións concretas, Domínguez sinala que se trata de cuestión que só afectan a provincia como o plus sede, a recuperación do plus de antigüidade, ou o estabelecemento do bono comedor -ou medida equivalente-. Mais tamén se demandan medidas para a homoxeneización e a equiparación de todas as condicións entre as distintas cadeas: calendarios, libranza dos sábados, licencias e descansos, xornadas, categorías etc. "É inxusto e discriminatorio que dentro da mesma provincia teñamos condicións diferentes polo simple feito de traballar nunha cadea ou noutra", apunta.
A representación da CIG subliña que tanto as cuestións acordadas no pacto de 2016 como a aplicación doutras melloras e a recuperación de dereitos (principalmente o complemento de antigüidade) "deben ser negociadas e melloradas aquí".
A este respecto, poñen o foco no feito diferencial nas condicións nas que teñen que desenvolver o seu traballo e as presións adicionais que lles supón a proximidade á sede mundial da compañía, o contacto continuo e directo coas altas direccións e que as tendas da Coruña sexan o campo de experimentación e proba de todas sa iniciativas e campañas comerciais da empresa.