Indignación entre o persoal da sanidade compostelá por recortar o goce de vacacións
A Xunta de Persoal da área sanitaria de Santiago-Barbanza vén de amosar o seu rexeitamento ás instrucións da Xerencia que prohiben gozar das vacacións no mes de decembro, decisión que está a causar indignación entre os profesionais.
Dende a representación do persoal lembran que a Xerencia leva anos intentado que as traballadoras/es non poidan coller vacacións no mes de decembro, “máis até o de agora puidéronse coller”. Pois ben, agora a Xerencia prohibe librar na última quincena de decembro, mentres que nas quendas de vacacións só un de cada catro profesionais pode coller vacacións.
“Non se pode concibir que non permitan coller vacacións en decembro cando está suspendida a actividade lectiva e moitas/os profesionais están obrigadas/os a exercer a súa condición de nais e pais, ben sexan familia monoparental ou familia nuclear, que os dous membros traballen ou outras situacións”. Entenden que nas quendas de vacacións pódese garantir a saída de profesionais da unidade sempre que quede a metade de persoal con experiencia ou de plantilla.
Critican que se adopte esta decisión nun contexto en que estas profesionais foron obrigadas/as a realizaren un esforzo extra pola covid19. “Non hai que esquecer que loitaron e arriscaron a súa saúde, que antepuxeron a atención aos doentes á súa vida familiar, que traballaron e colaboraron para darlle á cidadanía unha asistencia sanitaria digna nunhas condicións de precariedade”.
Consideran que con este xeito de actuar a Xerencia “queda en evidencia” ao recortar un dereito básico dos profesionais como é o goce das vacacións dentro do ano natural, cando é obrigación da Xerencia garantir o seu goce intentando elaborar unhas quendas ordenadas e equitativas e que garantan a participación do persoal. “Con esta medida, en lugar de agradecer o esforzo do persoal cunhas medidas conciliadoras na organización das vacacións, penalízao”.