Indignación en Maderas Iglesias tras instar o conselleiro de Industria a que abandonen a folga
O comité da empresa de fabricación de tarima flotante con sede no Porriño rexeita tanto o contido das declaracións como as “malas formas” do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que este sábado os instou desde a prensa a depoñer a folga indefinida. Entenden que tenta “botar balóns fóra” culpabilizando o persoal da situación e reiteran a solicitude dunha xuntanza despois de nove meses de incomparecencia.
O persoal de Maderas Iglesias acada este luns sete días de folga indefinida para reivindicar o pago dos salarios adebedados (dúas pagas extra e máis o salario de xullo) e esixir un futuro para unha factoría que xera 200 postos de traballo, na súa maioría mulleres.
Despois dos sacrificios realizados durante os últimos oito anos de dificultades económicas da empresa, que incluiron sete EREs aprobados pola Xunta, non entenden que o máximo responsábel de Industria os pretenda responsabilizar agora da situación e pretenda “que traballemos sen cobrar e sen convenio”. “Algunha responsabilidade terá el pola súa falta de xestión”, engaden.
Fronte a isto, continúan a demandar que dea pasos en firme e procure solucións, comenzando por entrevistarse fisicamente e sen intermediarios co comité, en ningún caso “con ese tono e desde a prensa”. Aseguran, ademais, que levan 9 meses agardando a súa presenza no conflito e a participación activa na solución”.
Esta pasada fin de semana, e sen que de momento se dese ningún paso por parte da dirección, decidiron intensificar a loita e facer garda as 24 horas ante as instalacións da empresa para evitar calquera actividade ou retirada de material. A folga continúa a ser secundada pola totalidade do persoal, que está disposto a continuala até lograr os os seus obxectivos.