Indignación do persoal de mantemento de Navantia ante as actuacións do xerente de Tecman
Os traballadores da UTE Tecman-Rayman e de Indasa acordaron hoxe en asemblea acudir aos plenos municipais que se van celebrar este xoves, día 26, no Concello de Narón (ás 09:00 h) e no Concello de Ferrol (ás 19:00 horas), con motivo do debate e votación dunha moción de apoio ás súas reivindicacións. Porén, a indignación estoupaba entre os traballadores a última hora desta mañá, tras coñecerse que o xerente de Tecman, JR Franco, quen en ningún momento se puxo en contacto co comité de folga e mantén unha actitude pasiva ante o conflito aberto, estaba solicitando reunións cos voceiros dos distintos grupos municipais de Narón.
"Parécenos totalmente indignante a actitude deste empresario: fai como se a folga non existira e en vez de reunirse coa representación sindical para tentar buscar unha solución, dedícase agora a pedir xuntanzas cos concelleiros de Narón, co claro obxectivo de condicionar o seu posicionamento no debate da moción que terá lugar mañá", denuncia Ramón Fernández, da CIG-Industria de Ferrol.
A este respecto, lembra que nesta terceira xornada de paro, o seguimento segue a ser total, polo que non hai actividade nin nas cabinas de chorreo e pintura de Fene nin nas grúas de Ferrol. E non obstante este éxito, a interlocución con compañías afectadas "segue a ser nula".
Necesidade de dotar os estaleiros de carga de traballo
Así as cousas, o persoal asistirá a ambos plenos municipais, nos que ademais intervirá o presidente do comité da UTE, Roberto Carlos López, quen explicará as razóns do conflito, como se está a desenvolver a folga indefinida e cales son as demandas da parte social. No texto das mocións, presentadas polo BNG, tamén se apela ás Corporacións locais para que insten a Xunta de Galiza e ao Goberno español a dotar os estaleiros de ría de Ferrol de carga de traballo para os próximos dous anos, de maneira que se garantan os niveis de emprego e as condicións nas auxiliares.
Non cómpre perder de vista que tanto Indasa como a UTE queren xustificar como obxectivos os despedimentos de 15 operarios, precisamente pola comunicación de baixada do mantemento por parte de Navantia. A este respecto, explica Ramón Fernández, o persoal dá especial relevancia ao debate nas institucións locais destas mocións, dado o carácter público de Navantia e a necesidade de que exista un control político sobre "como se fan as cousas nesta empresa".
Apelan a Navantia a tomar un posicionamento activo
Doutra banda, no marco da asemblea de traballadores/as tamén se acordou convocar unha reunión entre o comité da UTE, e os comités de Tecman e de Electrorayman para avaliar posíbeis accións conxuntas.
De xeito paralelo, a Comisión de Auxiliares e a de Seguridade do comité de Navantia Ferrol mantivo esta mañá unha xuntanza coa dirección do estaleiro para tratar a folga do persoal de mantemento e instar a empresa naval a tomar un posicionamento activo que facilite unha solución favorábel ás demandas sociais. "Navantia é a titular dos contratos e como tal debe asumir a súa responsabilidade no mantemento dos empregos e garantir que se respectan os dereitos dos traballadores".