Indasa anula os despedimentos dos seis traballadores de mantemento que ía cesar hoxe mesmo
Paso adiante no conflito que se está a vivir no mantemento de Navantia, logo de que Indasa anulara o despedimentos dos seis traballadores que ía cesar este mesmo luns, día 30, e optara por negociar medidas alternativas, como unha suspensión temporal de emprego, tal e como a representación social lle demandou dende un primeiro momento.
Tras ser entregada a comunicación revogando a carta de despedimento inicial, o persoal de Indasa e da UTE celebraron asemblea na que se acordou suspender a folga en operacións e mantemento das cabinas de pintura, de maneira que os traballadores de Indasa se reincoporarán mañá mesmo ao posto. Pola contra, os traballadores da UTE continúan adiante co paro indefinido, xa que nesta compañía non se produciu ningún avance.
Segundo as informacións trasladadas á CIG-Industria, Navantia comunicou hoxe a Indasa unha prórroga dun mes do contrato que dea tempo a resolver o conflito (antes de facer efectiva a renovación por un ano máis recollida nos pregos). Neste contexto, apunta Ramón Fernández, da CIG-Industria de Ferrol, "a dirección de Indasa dá un paso, anula os despedimentos que hoxe se ían efectivizar e considera negociar un ERE temporal, que era o que se lle viña demandando".
Fernández Alfonzo lembra que a folga segue adiante na UTE Tecman-Rayman, "o que deixa en evidencia a actuación dos directivos da UTE, pois unha semana despois de iniciarse o paro, continúan sen pórse en contacto co comité de folga para buscar solucións". Así as cousas, o representante sindical adiantou que as centrais sindicais tentarán manter contactos coa UTE na busca dunha saída similar á que se deu en Indasa, e con Navantia, de cara a coñecer os termos da prórroga e en que condicións pretende licitar o contrato.