Indalecio Gómez, reelixido secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense pola III Asemblea da federación
Indalecio Gómez López foi reelixido secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense por unanimidade na III Asemblea da federación celebrada o pasado xoves. No proceso -ao que só concorreu unha única candidatura- tamén se escolleron as persoas que integrarán a Executiva comarcal, a Dirección comarcal, o Consello comarcal e máis o Consello federal.
A Executiva comarcal, que tamén saíu adiante por unanimidade, está formada por Indalecio Gómez López, José Ramón Álvarez Dacoba, Marta González Pérez, Mauro Araújo Arenosa, Mar Fernández Seoane, María Jesús Álvarez Canitrot e Francisco Xabier Vázquez Álvarez.
No proceso celebrado nos locais do sindicato repasouse a acción sindical desenvolvida nos últimos catro anos, un tempo caracterizado pola fonda crise industrial que asola Galiza, polo aumento da precariedade laboral e pola a paralización da negociación colectiva.
Fíxose fincapé en que a continuidade do PP na Xunta e a chegada de PSOE/Unidas Podemos ao Goberno do Estado non fixo máis que acelerar o recorte de dereitos sociais e laborais, o desmantelamento dos servizos públicos, a recentralización do Estado, a non derrogación das reformas laborais, a perda de postos de traballo, o peche de empresas, o desmantelamento de sectores clave, o aumento da precariedade precariedade, o abuso da subcontratación, a baixada dos salarios, etc.
A isto hai que sumarlle a crise económica e social derivada da pandemia da covid, e o feito de que o sindicalismo español siga a afondar na centralización da negociación colectiva e nos pactos a través do chamado diálogo social “co único fin de branquear unhas políticas estatais e autonómicas que en ningún caso serven para frear as consecuencias da grave crise industrial que vive o noso país”.
Con este proceder as centrais pactistas validan as reformas laborais e os recortes de dereitos e liberdades públicas, “fomentando os descolgues salariais, facilitando os ERE e os ERTE, non freando a discriminación salarial entre homes e mulleres, etc”.
Intensa acción sindical
Xa no que ter que ver coa acción sindical, entre os principais conflitos que protagonizou a federación salientáronse o de Ferrovial Servicios, concesionaria do servizo de mantemento do CHUO; Coasa; Mosa, Gaesa Rubi, GRI Towers, Faurecia, Pérez Rumbao, Iberdrola, Ilunion, Viaqua ou a negociación do convenio provincial do siderometal.
Precisamente por esta elevada conflitividade apelouse á necesidade de fortalecer a organización en base aos piares básicos que sustentan o proxecto sindical da CIG: asemblearismo, combatividade, solidariedade e unidade de clase, así como a ampliar a afiliación e a representatividade nos centros de traballo co obxectivo de “construír seccións sindicais fortes para garantirmos que a CIG vai ter capacidade de resposta ante os ataques da patronal”.
Durante a Asemblea aprobouse tamén unha resolución en apoio e para reclamar a absolución de Chema Naia, activista ao que lle piden catro anos de prisión por participar nunha manifestación tras o desaloxo do centro social Escarnio e Maldizer.