Incremento da precariedade e despedimento de delegados/as sindicais: dúas caras dunha mesma moeda
O Secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, apuntaba que os incumprimentos das empresas (neste caso concreto, as do sector de siderometal, nomeadamente auxiliares de Navantia) refírense tanto á xornada e ás condicións salariais, como ás altas taxas de eventualidade e ao incremento dos contratos en precario que se están a rexistrar.
Un deterioro das condicións laborais e salariais que atribuíu directamente ás contrarreformas laborais aprobadas polo goberno de Rajoy. Esta precariedade e a elevada rotación nos contratos tamén teñen consecuencias nos procesos de eleccións sindicais, xa que “moi poucos operarios/as podan presentarse con garantías de non seren represaliados/as”, alertou.
Nesta circunstancia atópase un dos traballadores de Gabadi, membro do comité, ao que a empresa despediu pouco despois de saír elixido delegado pola CIG. Unha manobra cunha clara intención exemplarizante e coa fin de amedrentar ao resto dos seus compañeiros e compañeiras.
Dúas testemuñas desprazadas pola empresa a traballar fóra
Precisamente, este mércores celebrouse o xuízo polo despedimento do compañeiro. O avogado da CIG, apunta Vidal, tentou aprazalo despois de coñecer que dúas das testemuñas citadas polo xulgado, foran trasladadas a pasada semana pola empresa a traballar fóra: unha a Malasia e outra a Canadá. Porén, a xuíza rexeitou a solicitude e continuou adiante co xuízo.
Para o Secretario comarcal da CIG-Industria resulta curioso que pola patronal acudira como testemuña o Presidente do Comité, “cunha clara intención de darlle validez a todo o argumentado pola empresa, chegando incluso no seu descaro a afirmar que despois de revisar a documentación presentada pola empresa o traballador non tiña motivo para demandala, xa que claramente era eventual e tan só o facía para buscar un beneficio persoal”.
Nesta liña, Vicente Vidal criticou que as empresas se aproveiten das facilidades introducidas polas reformas laborais para precarizar a clase traballadora, mais tamén “para extorsionala no eido individual e tamén no colectivo, conseguindo a través da ameaza e o medo, mesmo influír na constitución de comités de empresa e no seu labor”.
Unha actuación que, reiterou, vai claramente contra os principios da democracia, xa que o obxectivo “é mermar a capacidade de resposta do persoal fronte a aquelas decisións da dirección que atacan os seus dereitos”.
Só un 25% do persoal de Gabadi é indefinido
Sobre as condicións laborais en Gabadi, o Secretario da CIG-Industria lembrou que a empresa conta cun cadro de persoal de máis de 200 traballadores/as, unha carteira de pedidos nacionais e internacionais moi estábel nos últimos anos, e ten previsión de manter o mesmo nivel de contratación no futuro. Porén, “só un 25% do seu persoal é indefinido”.
A dirección, engade Vidal, somete ao persoal a unha rotación “endiañada” para que non consiga “antigüidade, seguridade, nin dereitos”. Para evitar ter que facer indefinido ao persoal a empresa fainos pasar polo paro “un mínimo de 6 meses cada 18 meses. Ese é o caso que están a xulgar aquí hoxe”, apunta. Nesta carreira por sortear a lexislación laboral, explica Vidal, Gabadi mesmo recorre “a cambiar os traballadores para outras empresa do grupo”.
Estas prácticas, que cualificou de “abusivas e fraudulentas”, son ilegais, tal e como ditaminou a Inspección Provincial de Traballo nunha acta de infracción contra a empresa.
Porén, estes incumprimentos non son exclusivos de Gabadi, senón que se están implantando progresiva e aceleradamente en todas as empresas e sectores, mesmo naqueles que tradicionalmente rexistraban menores índices de precariedade. Tal é o caso do metal.
No caso de Ferrolterra, Vidal responsabilizou directamente a Navantia de fomentar e permitir esta precarización entre as súas auxiliares, e demandou do estaleiro público que obrigue as subcontratas a cumprir o recollido nos acordos laborais e salariais de 2001.