Increméntase a precarización do profesorado interino e substituto coa oferta de 273 vacantes a media xornada

Nacional - 05 Set 2025

A CIG-Ensino critica que, segundo se reflicte na páxina da Consellaría de Educación, haxa máis de 1.600 vacantes sen cubrir neste inicio de curso. Esta situación, denuncian, demostra a falta de planificación da Consellaría -xa que moitas destas vacantes deberan adxudicarse no CADP- e o interese por aforrar en persoal, “co mantemento de contratos só até o 30 de xuño no caso das prazas do programa Proa+ e dos nomeamentos MEGA a media xornada”.

O curso escolar comezou o día 1 de setembro, con moi pouco tempo para que o profesorado poida facer toda a burocracia á que se ve obrigado por parte da Consellaría de Educación e para preparar o inicio das clases en apenas 5 días hábiles. A CIG-Ensino xa denunciou na Mesa Sectorial que non era tempo suficiente e ademais as actuacións do Goberno do Partido Popular na Xunta “están a complicar máis o comezo do curso”.

Explican que durante esta semana deberíase adxudicar as máis de 1.600 vacantes que aparecen na web da Consellaría, das cales 463 son interinidades a curso completo, PROA+ e MEGA. “É dicir, correspóndese case na súa totalidade con necesidades estruturais dos centros que non foron adxudicadas no Concurso de destinos provisionais para este curso, o que demostra a falta de planificación da Xunta e o seu interese por aforrar en persoal”.

Isto vese tanto na finalización de moitos destes contratos a 30 de xuño, aforrando o pagamento do verán, como que este profesorado non se vai incorporar até o vindeiro luns, día 8, o que implica que non poderá acudir ao centro durante esta semana e coñecerá o seu horario, grupo e materias/módulos a impartir no momento en que chegue a aula por primeira vez.

Coberturas a ‘conta gotas’

Desde o sindicato nacionalista bótanse en falta moitas máis prazas por cubrir, que levan reclamando os centros, que a CIG-Ensino levou ás Xuntas de Persoal nos meses previos ao período vacacional de agosto, e que non foron cubertas no concurso de adxudicación provisional.

Esa cobertura, advirten, “está chegando a conta gotas, dependendo das presións das familias a través das ANPA, de ameazas de dimisións dos equipos directivos, así como da convocatoria de mobilizacións por parte da CIG-Ensino”. Non é casualidade que o mesmo día que a central anunciaba a manifestación e a folga para este mes “a Consellaría apurase os centros a publicar todas as vacantes e comezaran os chamamentos antes que os cursos anteriores adiantando tamén nalgún caso a data dos nomeamentos”. Con todo, estas melloras seguen concentrándose nalgúns centros de infantil e primaria e deixan fóra a secundaria,  FP e ensinanzas de réxime especial, seguindo a tendencia marcada no mal chamado Acordo de Melloras.

Precarización do persoal docente

A esta tardanza e á improvisación á hora de cubrir as vacantes súmase o afán economicista da Consellaría dirixida por Román Rodríguez: máis da metade das prazas que se están publicando este días son a media xornada, concretamente 273 das 463 que se ofertan entre interinidades, MEGA e Proa+.

 Isto incide na precariedade laboral do persoal interino e substituto, con condicións que apenas chegan para cubrir os gastos de vivenda e transporte. Ademais ten consecuencias para o rural galego, xa que ao tratarse de vacantes voluntarias “é moi difícil que alguén acepte traballar fóra do seu domicilio habitual pola metade do salario”.

CIG-Ensino salienta algúns casos que chaman moito a atención como as 32 e 43 interinidades a media xornada das provincias da Coruña e Lugo, respectivamente, no corpo de Secundaria. Ademais hai centros, sobre todo desta última provincia, que recibirán un número moi relevante de profesorado nestas condicións a partir da semana que vén. Tal é o caso do IES Sanxillao, con 10 interinidades a media xornada, 5 na IES  Virxe dos Ollos Grandes, 6 no IES Muralla Romana, todos eles na cidade de Lugo; ou 8 no IES Lama das Quendas de Chantada, entre outros.

Así mesmo, tamén sorprende que no primeiro día de chamamentos a Consellaría priorizase, ademais das persoas que forman parte das listas de mestras de primaria, as que están nas de relixión católica deste corpo, con medio cento de adxudicacións en cada unha, e non realizase chamamentos doutras especialidades.

Manifestación o día 13 e folga o 25

A CIG-Ensino instan a Consellaría a modificar os nomeamentos do persoal, que a incorporación sexa inmediata, e que desde xa se comecen a cubrir todas as necesidades solicitadas polos centros educativos.

Tamén animan a comunidade educativa a acudir á manifestación convocada en Compostela para o sábado 13 de setembro e ao profesorado en particular a secundar a folga do 25 de setembro para esixir tamén estabilidade e condicións dignas para o persoal interino e substituto, con contratos a curso completo para o primeiro e co pagamento do verán para quen traballe máis de 5 meses e medio, e que os centros poidan planificar con antelación o inicio de curso.