Incerteza na economía mundial

Julio C. Gambina - 29 Abr 2022

A desaceleración da produción mundial é un fenómeno que vén de atrás, mesmo previo á pandemia, con antecedentes na crise do 2007/09 e mesmo a primeiros do século XXI, nomeadamente nos Estados Unidos

 A primeira consideración que realizar sobre os prognósticos do FMI para o 2022/23, na xuntanza de primavera en Washington, é a corrección á baixa da economía mundial para o presente e o futuro mediato, non só pola continuidade da pandemia pola COVID e os novos surtos, senón polo impacto na economía mundial da guerra en Ucraína.

 O prognóstico para o 2022 sitúase no 3,6%, con China por encima, na orde do 4,4% e a India co 8,2%. A rexión latinoamericana e caribeña aparece por baixo da media, alcanzando un 2,5%, e as dúas máis grandes economías de América Latina e o Caribe, crecendo por baixo; Brasil co 0,8% e México co 2%. Lembremos que a rexión é a zona máis afectada pola COVID e a zona onde se verifica a maior desigualdade no ámbito global. Para os países epicentro do conflito bélico, augúrase unha caída do -8,5% para Rusia e nada menos que do -35% para Ucraína. A iso deben sumarse as sancións xeneralizadas contra Rusia e variados apoios de asistencia económica e militar a Ucraína, mesmo financiamento do FMI. O certo é que as sancións contra Rusia, promovidas polos EUA e acompañadas polos seus socios occidentais, teñen impacto na economía mundial, especialmente afectando aos sectores sociais e países máis vulnerábeis. Un detalle non menor, apunta a cambios que operan na orde mundial, sexa no plano da produción e da circulación, especialmente na esfera comercial, de servizos e especificamente financeiro. As sancións levan empuxan novos ordenamentos políticos e económicos, que á vez que debilitan a potencia hexemónica do dólar, axigantan a potencialidade de China no eido económico.

 Por iso aparece a interrogante sobre cambios na orde global, e por iso a titular do FMI fala dunha situación de mutación desde fins da segunda guerra mundial, momento de urxencia da dominación estadounidense e do dólar no sistema mundial; mesmo, máis aló da bipolaridade e competencia naquela altura coa URSS (1945-1991).

Inflación e desaceleración da economía

 Resulta interesante considerar a preocupación do FMI sobre a evolución económica, centrada no baixo crecemento (desaceleración e elevada inflación). A suba de prezos, especialmente de alimentos e a enerxía, golpea os sectores de menores ingresos e os países dependentes da provisión externa de ambos. Lembremos que a inflación é un mecanismo de transferencia de ingresos, polo que non toda a poboación aparece castigada e, así, o incremento de prezos constitúe salvagarda para aqueles sectores que definen os prezos no mercado. Para o caso, as transnacionais da alimentación e a biotecnoloxía e no tecido petroleiro e derivados. É unha situación que amplía a potencia de produción de hidrocarburos cara a xacementos máis custosos, xustificados agora por un maior prezo, por riba dos 100 dólares o barril, que atende os elevados custos de explotación.

 Ao mesmo tempo, ante as restricións produtivas, adíase calquera intento de avance na transición enerxética. Moi ao contrario, ratifícase a produción en hidrocarburos e poténcianse os efectos negativos sobre o medio ambiente e o cambio climático. A inflación elévase en todo o mundo, agravada pola guerra en Europa, o que ten arrastre nos intentos de recuperar a taxa de ganancia sobre a flexibilización do peche económico pola pandemia.

 En efecto, se o 2020 foi altamente recesivo polo peche compulsivo das economías no mundo, a perspectiva da vacinación e diminución de casos supuxo a recuperación do 2021 e un imaxinario de sostido crecemento. Ese crecemento privilexiou a apropiación de ganancias por riba dos ingresos populares. Por iso, a reactivación impuxo alzas de prezos ante os desaxustes da demanda coa oferta, segundo explicaron durante o 2021. Isto agudiza o problema; por iso na mensaxe do prognóstico para este ano, o FMI alude a unha conxuntura de desaceleración e inflación. O impacto en territorio do conflito é grave, pola especificidade produtiva de Rusia e de Ucraína. Nese sentido, o FMI destaca:

“A guerra súmase a unha serie de shocks da oferta que atinxiron a economía mundial en anos recentes. Como unha onda sísmica, os seus efectos propagaranse por todo o mundo, pola vía dos mercados de materias primas e os vínculos comerciais e financeiros. Rusia é un importante provedor de petróleo, gas e metais, e, xunto con Ucraína, de trigo e millo. A redución do abastecemento destes produtos básicos fixo que os seus prezos se disparen. Os importadores de materias primas en Europa, o Cáucaso e Asia central, Oriente Medio e Norte de África e a rexión de África subsahariana son os máis afectados. Mais a alza de prezos dos alimentos e os combustíbeis prexudicará os fogares de menores ingresos de todas as rexións do mundo, incluídas as Américas e o resto de Asia”.

 A desaceleración da produción mundial é un fenómeno que vén de atrás, mesmo previo á pandemia, con antecedentes na crise do 2007/09 e mesmo a primeiros do século XXI, nomeadamente nos EUA. Nese contexto, o FMI e a corrente principal na disciplina económica promoven políticas de austeridade, á vez que favoreceron unha xigantesca ampliación da emisión monetaria e da débeda pública e privada (empresas e familias). A realidade maniféstase entón como unha xigantesca burbulla que se debe soster: pola contra, producirase unha explosión con secuelas sociais coñecidas, as que se anticipan co crecemento da desigualdade e o empobrecemento de millóns de persoas no planeta.

 Resultan curiosas as contradicións no discurso oficial. Por unha banda solicítase austeridade e axuste das contas públicas. Pero polo temor fronte ao conflito demándase atender a situación social con medidas fiscais -é dicir, con maior gasto público- dirixidas aos sectores máis necesitados e afectados polas restriciónss que impón a realidade de crise, pandemia e guerra.

Que agardar?

 Nada que supoña expectativas favorábeis para os pobos e os máis necesitados. A realidade é de aumento do gasto militar en detrimento doutros necesarios para resolver necesidades alimentarias, sanitarias, educativas, de reformas produtivas contra o desemprego e a miseria social. O propio gasto militar demanda un incremento de orzamentos a curto e medio prazo, afastando toda capacidade de propostas públicas para atender demandas sociais insatisfeitas.

 A pregunta que atravesa os debates no movemento popular ten a ver coa urxencia de avanzar nun rumbo alternativo, que dispute os recursos públicos en prol doutra orde económica, política, social e cultural. En si mesmo supón avanzar contra a lóxica do capital e o seu obxectivo de beneficios, acumulación e poder, para substituílo por unha organización económica e social de cooperación, solidariedade, autoxestión e organización comunitaria. Trátase dunha visión que só se pode materializar se gaña consenso masivo en gran parte da poboación, en cada país, rexión e no mundo. É unha cuestión que volverá aparecer no conclave do Foro Social Mundial que se inaugura o próximo 1 de maio cunha mobilización nas rúas en Ciudad de México.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 26 de abril de 2022]