Incerteza na economía mundial

Julio C. Gambina - 15 Out 2021

A explotación da forza de traballo e o saqueo dos bens comúns son a causa do empobrecemento de boa parte da sociedade e do efecto invernadoiro que destrúe o hábitat. Difícil ler conclusións similares nos organismos internacionais ou nas consideracións que levan adiante os gobernos dos principais países da orde capitalista

 Resulta preocupante confirmar a información provista na actualización das perspectivas económicas para o 2021 que presenta na súa reunión anual de outubro o FMI[1].

 A tendencia descrita para outubro é menos optimista que a medición anterior en xullo 2021 e verifícanse as diverxencias entre os países máis avanzados do capitalismo mundial e o resto, nomeadamente os máis empobrecidos.

 O problema é a continuidade da pandemia e a non equitativa distribución das vacinas entre a poboación mundial. Por iso, comentando o informe, a Conselleira Económica e Directora do Departamento de Estudos do Fondo Monetario Internacional[2], salienta que:

“A perigosa diverxencia das perspectivas económicas dos países segue a seR un dos principais motivos de preocupación. Prevese que o produto engadido do grupo de economías avanzadas recupere a traxectoria da tendencia previa á pandemia en 2022 e a supre nun 0,9% en 2024. En cambio, espérase que o produto engadido do grupo de economías de mercados emerxentes e en desenvolvemento (excluída China) se manteña en 2024 un 5,5% por baixo das previsións prepandémicas, o cal provocaría un forte retroceso dos logros na mellora do nivel de vida”.

 Non debe sorprender o abismo axigantado entre os países de maior desenvolvemento relativo e o resto, mesmo, sendo un fenómeno que se traslada ao seo dos propios países, xa que nos países máis empobrecidos existe unha cúpula de poder que repite a falta de equidade na distribución dos ingresos e da apropiación concentrada do patrimonio e a renda. É a regra da orde capitalista que reproduce localmente a dinámica que devolve o Informe do FMI. Engade a economista do FMI:

“Mentres que case o 60% da poboación das economías avanzadas xa está completamente vacinada, e mesmo se están a administrar doses de reforzo, aproximadamente o 96% da poboación dos países de baixos ingresos segue sen vacinar”.

 Por iso e falando da concentración económica entre as transnacionais farmacéuticas, o seus beneficios e procesos de valorización, á vez que discute as “solucións” actuais da crise económica e sanitaria, Pasqualina Curcio sinala:

“A verdadeira solución á pandemia non pasa por ofrecer caridade, senón por intervir sobre a causa da desigualdade no acceso ás vacinas, referímonos a eliminar o monopolio do complexo médico-farmacéutico o que, á súa vez, pasa por levantar un dos mecanismos máis inhumanos que inventou o capitalismo para legalizar e lexitimar a maior concentración de capitais e con esta os devanditos monopolios/poderes privados: os dereitos de propiedade intelectual e as patentes”[3].

 Na apropiación privada do excedente económico é onde debe mirarse a situación de falta de equidade da economía mundial actual e non tanto no volume de recuperación do PBI, xa que aínda crecendo ao 5,9%, como indica o FMI, máis que a caída do -3,1% do 2020, ese maior volume de produción non só non mellora, senón que empeora as condicións de vida da poboación mundial. Ademais, á vez que se posterga a recuperación global para o futuro, de xeito moi especial chámase a atención sobre o “cambio climático”, coma se este non tivese nada que ver coa orde económica social capitalista.

 A explotación da forza de traballo e o saqueo dos bens comúns son a causa do empobrecemento de boa parte da sociedade e do efecto invernadoiro que destrúe o hábitat. Difícil ler conclusións similares nos organismos internacionais ou nas consideracións que levan adiante os gobernos dos principais países da orde capitalista. Nese sentido pódese asumir o conxunto de problemas que identifica o FMI no marco da crise económica e sanitaria, concentrados en: a) problemas do desemprego, b) o cambio climático, c) a inflación e con ela a inseguridade alimentaria, d) o crecemento da débeda, e e) problemas de educación da poboación.

 Como abordar eses problemas sen afrontar as causas esenciais derivadas da explotación e o saqueo?

 Imposíbel responder desde a lóxica do réxime do capital, que continúa apuntando a reaccionarias reformas laborais, de pensións e tributarias. Mesmo daqueles que imaxinan que se poden construír “reformas progresivas”, do estilo restricións á evasión e elusión fiscal, á economía especulativa e múltiples formas que asume a valorización asociada ao delito económico.

 Hai medio século, James Tobin propuña un mínimo imposto para gravar a compravenda de divisas e frear a especulación. A idea asumiuna unha rede global de loita contra a globalización capitalista, ATTAC e o mesmo nobel de Economía rexeitou que a súa idea sexa asumida por un movemento popular global.

 A ‘tax Tobin’ nunca se aplicou, como tampouco as resolucións do G20 de novembro do 2008 cando propoñía acabar cos paraísos fiscais, que hoxe non só se estenden en pequenas illas estados, senón que son propagados in extenso en Dakota do Sur, en Delaware, Florida, Nevada ou Texas. Son forma estendida de expansión da renda, forma transfigurada do plusvalor para sustentar a acumulación capitalista.

 Algo similar poderiamos dicir das propostas para establecer tributos globais ás grandes transnacionaos, sen prexuízo do control de xestión sobre o destino desa eventual recadación.

 Hoxe 12 de outubro, recuperando o repudio ao xenocidio xestado coa conquista, debemos afirmar que, se o problema deveu da inclusión da rexión na orde económica emerxente cara a 1492, inspirado na mercantilización e a explotación.

 A máis de cincocentos anos, as solucións non poden provir de reiterar o mecanismo da explotación e o saqueo, nin de reducilo, contelo ou reformalo.

 O que se necesita é outra orde económica e social, desenvolvendo as transicións necesarias para facer realidade a continuidade da vida social e natural.

_____________________________________________________________________________

Notas:

[1] FMI. “A recuperación mundial continúa, mais perdeu ímpeto e incerteza aumentou”. En Informes de perspectivas de la economía mundial, outubro 2021: https://www.imf.org/es/Publications/WEO/Issues/2021/10/12/world-economic...

[2] Gita Gopinath. “Unha recuperación obstaculizada por profundas fendas”. Blog do FMI, en: https://blog-dialogoafondo.imf.org/?p=16379

[3] Pasqualina Curcio. “La desigualdad en las vacunas: fracaso moral del capitalismo”, 28 de setembro de 2021. En: https://www.cadtm.org/spip.php?page=imprimer&id_article=20235

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo do sitio web Alainet, do 13 de outubro de 2021]