A CIG denuncia a inacción do Concello de Ames tras a caída de partes do teito do comedor da EEI do Milladoiro
A CIG-Servizos denuncia o desleixo do Concello de Ames tras o desprendemento de partes do falso teito do comedor da Escola de Educación Infantil de Milladoiro e reclámalle tanto ao Goberno municipal como a Xunta de Galiza (propietaria do inmóbel) que, de maneira urxente, tomen as medidas preventivas necesarias para evitar que o alumnado e o persoal do comedor sufran ningunha ferida.
O desprendemento produciuse na semana do 6 de maio e cando quedaba dentro do comedor unha traballadora que, por sorte, non sufriu ningún dano físico. Segundo o técnico que acudiu a revisar a zona, a caída produciuse pola auga que se acumula no tellado a causa dunha deficiencia nos desaugadoiros que están a distinto nivel da inclinación do tellado.
Isto fai que a auga da choiva quede embalsada, deteriorando a tela asfáltica e producindo perforacións polas que se filtra a auga cara ao interior do comedor, até provocar a caída dos paneis do falso teito.
O comité da empresa que xestiona o comedor (A Billarda) puxo de maneira inmediata estes feitos en coñecemento do Concello para que tomara as medidas oportunas e se dera solución urxente a este problema, especialmente diante o prognóstico de choivas persistentes que poderían agravar a situación De igual xeito, como parte afectada, tamén se informou do acontecido a AMPA.
Porén, a día de hoxe, as administracións seguen sen actuar, amosando unha absoluta falta de preocupación pola seguridade tanto do persoal traballador como das crianzas usuarias do comedor (que teñen idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos). Por iso, a CIG reclámalle ao Concello e á Xunta unha solución inmediata e evitar riscos innecesarios.