Imperialismo cultural: A perversión da linguaxe e a teima do imperio
O imperialismo dos Estados Unidos e da Unión europea enfróntase a adversarios tanto dentro como fóra das súas fronteiras. A oposición interna ergueuse contra as custosas guerras e os beneficios que supoñen para certas empresas e manifestouse a favor dun maior benestar
Introdución
No mundo actual, os propagandistas do imperio occidental - nomeadamente xornalistas e editores dos medios de comunicación de masas- recorren sistematicamente á perversión dos conceptos cotiáns e da linguaxe da política.
Utilizouse e abusouse da linguaxe política para culpar as vítimas e xustificar as agresións imperiais. As consecuencias desta manipulación son diversas e serven tanto para lexitimar crimes de guerra e espolio económico como para neutralizar á oposición interna.
Neste artigo comezaremos identificando a terminoloxía básica que serve de apoio ás agresións imperiais para continuar describindo os obxectivos económicos e políticos do imperialismo lingüístico. Concluiremos examinando as alternativas políticas e culturais que se presentan.
Crítica dos conceptos: nacionalismo e populismo
No léxico moderno do imperio, o concepto do que máis se abusa coa pretensión de confundir é o de “populismo”.
Na súa orixe, o termo “populismo” facía referencia aos movementos de masas dos obreiros explotados. Os movementos populares enfrontábanse á oligarquía bancaria e aos magnates da prensa.
No período final do século XIX e as primeiras décadas do século XX, os populistas crearon movementos e partidos políticos poderosos en Estados Unidos, Canadá, Rusia e Europa occidental.
Contra a metade do século XX, os movementos e partidos populistas multiplicáronse e, nalgúns casos, conseguiron o poder en Asia e América Latina. Os devanditos movementos lograron o apoio das masas en Arxentina, Brasil, Perú e México. Nos EUA representaban os granxeiros que loitaban contra o monopolio do ferrocarril, os banqueiros e os líderes políticos corruptos. O seu obxectivo era garantir prezos de mercado xustos para o transporte, tipos de xuros bancarios moderados e eleccións limpas, sen a corrupción dos líderes políticos. Os populistas elixiron algúns gobernadores, ducias de alcaldes e varios congresistas.
En América Latina, partidos populistas peruanos (como o APRA) loitaron polos dereitos dos indíxenas, opoñéndose aos gobernos oligarcas e neocoloniais. En Arxentina, Brasil e México, partidos populistas dirixidos por Juan Domingo Perón, Getulio Vargas e Lázaro Cárdenas loitaron para garantir os dereitos dos traballadores e a propiedade nacional dos recursos esenciais (especialmente os campos petroleiros), ademais de emprenderen procesos de industrialización nacional exitosos.
En China, Filipinas, Indochina e a India tiveron lugar procesos similares. O nacionalismo e o populismo foron os motores xemelgos da independencia e a xustiza social.
O nacionalismo propugnaba a fin da dominación imperial e a recuperación dos valores culturais nacionais, libres de imposicións coloniais. Ao comezo do século XXI, co ascenso e progreso de réximes poscoloniais, as potencias imperiais occidentais decidiron denigrar os movementos e os partidos que cuestionaban a súa lexitimidade.
As potencias imperiais xa non podían confiar no mito dos imperios benéficos (“a carga do home branco”*). Nin podían seguir afirmando que a explotación e o espolio levados a cabo polo capital estranxeiro servían para “a construción da nación”.
A ideoloxía imperial recorreu daquela a distorcer os conceptos positivos asociados coas loitas de liberación, asociando o populismo coas doutrinas autoritarias e os réximes regresivos. Baleirouse o populismo do seu contido emancipatorio orixinal e relacionouse cunha ideoloxía reaccionaria, racista, xenófoba e fascista.
Todos e cada un dos movementos populares de masas, con independencia do seu pano de fondo socioeconómico, foron considerados regresivos. Do mesmo xeito, asociouse o nacionalismo a neofascismo que quería expulsar as minorías e os migrantes.
Como corolario, as ideoloxías imperialistas presentaron os poderes imperiais de Estados Unidos e Europa como os únicos garantes dos valores democráticos, en loita contra os “nacionalistas”.
Uso e abuso do populismo e o nacionalismo
Os principais inimigos do “populismo” son as clases dominantes occidentais neoliberais e os seus envelenados escribas do Financial Times, New York Times, The Washington Post e o Wall Street Journal.
O antipopulismo que defende os “valores democráticos occidentais” actúa como unha propaganda progresista a favor do imperialismo. A retórica antipopulista amalgama a dereitistas e esquerdistas, chauvinistas e defensores da independencia nacional.
O obxectivo era xustificar as múltiplas guerras imperiais e os golpes de Estado por toda Asia, Oriente Próximo, norte e este de África e América Latina.
Á vez que condenaban os populistas, os demagóxicos e antinacionalistas medios de comunicación promovían e defendían as sanguinarias guerras occidentais e golpes de Estado en Iraq, Afganistán, Exipto, Libia, Palestina, Siria, O Líbano, Honduras, Somalia, Sudán do Sur, Venezuela e Ucraína.
O “antinacionalismo” serve para desarmar os críticos do imperialismo -favorábeis da independencia- e para “lexitimar” os líderes occidentais. Os ideólogos dos medios de comunicación atacan os nacionalistas de dereitas contrarios aos inmigrantes pero agochan o feito de que eses mesmos inmigrantes son vítimas das invasións militares occidentais.
Nacionalistas de dereitas e imperialistas neoliberais son as dúas caras da mesma moeda. Unha provoca a paixón nacionalista das masas e a outra procede a satisfacer o apetito voraz do capitalismo.
Antipopulismo e antinacionalismo son o motor das elites neoliberais que explotan a man de obra interna e atacan os servizos sociais e a democracia no lugar de traballo. Estas elites retratan os movementos sociais populares como versións do populismo que é preciso condenar por opoñerse ao libre mercado e ás eleccións libres.
Os nacionalistas que se opoñen ás agresións imperiais son denigrados como inimigos autoritarios da seguridade occidental, da globalización e dos valores democráticos.
Conclusión
O imperialismo dos Estados Unidos e da Unión europea enfróntase a adversarios tanto dentro como fóra das súas fronteiras. A oposición interna ergueuse contra as custosas guerras e os beneficios que supoñen para certas empresas e manifestouse a favor dun maior benestar.
Ao vérense desesperadamente obrigadas a atopar argumentos ideolóxicos no seu favor, as potencias occidentais fabricaron novos inimigos, aos que colocaron a etiqueta de “populistas”, para disimularen o seu apoio aos oligarcas. As elites occidentais pretenden debilitar os antiimperialistas comparándoos cos nacionalistas de ultradereita.
Pero os ideólogos do imperialismo occidental contan con outras ferramentas propagandísticas. Equiparan os militantes pola independencia nacional con “terroristas”. Os que defenden en Rusia a seguridade das fronteiras son descritos como expansionistas autoritarios. As redes económicas internacionais chinesas pasan a ser 2recadadores coloniais de débeda”.
O repicar de tambores dos medios de comunicación é imprescindíbel para escurecer a realidade. Estados Unidos e a Unión Europea teñen preto de 200 bases militares no exterior, repartidas por todo o mundo. China posúe unha pequena base no leste de África. EUA ten unha cadea de bases militares rodeando China. Pequín carece de base militar ningunha preto de Estados Unidos.
Mentres as elites occidentais coloniais e neocoloniais espolian Asia, África e América Latina, China financia infraestruturas, inviste en empresas produtivas e non ten bases militares para intervir en países do Terceiro Mundo.
Estados Unidos e Europa secuestran conceptos progresistas como o populismo, invertendo o seu significado e asimilándoo a movementos, partidos e personalidades reaccionarias.
Colócanse etiquetas de racismo e colonialismo a moitos “nacionalistas”, que demostraron ser defensores da soberanía nacional e opoñerse á hexemonía imperial. A linguaxe política ao servizo do imperio non está libre de pecado.
_____________________________________________________________________________
* Nota: “The White Man’s Burden” (A carga do home branco) é o título dun poema de Rudyard Kipling publicado en 1899. Aínda que tiña connotacións máis profundas, popularizouse a súa lectura directa desde os puntos de vista vixentes na época (racista, imperialista e eurocéntrico) que xustifican a intervención altruísta do home branco para axudar ao progreso das “razas inferiores”.
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 17 de novembro de 2018]