8M: mobilización feminista desde a perspectiva de clase
O 8M de 2019 demostramos a forza e a capacidade de mobilización das traballadoras galegas. Paramos para lembrar á sociedade que somos a metade da humanidade e que a metade nos pertence. Paramos para esixirmos xustiza
O pasado 8 de marzo de 2019 Galiza foi un dos territorios que participaron no Paro Internacional de Mulleres (PIM), conseguindo poñer no foco do debate social a problemática dos coidados e a discriminación que sufrimos as mulleres tanto nos lugares de traballo como fóra destes, nunha histórica xornada de manifestacións que colapsaron boa parte do noso país.
A CIG convocou, por segunda vez na súa historia, unha FOLGA SÓ DE MULLERES. Se o ano pasado convocamos paros de 2 horas por quenda de traballo, facilitando a súa participación nas máis de 40 concentracións convocadas con motivo do PIM, simbolizando o lugar baleiro que deixan as mulleres se deixaban de traballar, este ano decantámonos por ampliar a convocatoria dun día enteiro, convocando piquetes de traballadoras e manifestacións durante toda a xornada nas que as mulleres ocuparon e ultrapasaron por completo o espazo público que durante tantos séculos lles foi vetado.
Conscientes de que o feminismo debe ser unha prioridade para o movemento nacional popular galego, e tamén, da necesidade de recuperar o discurso de clase e incorporalo con forza á loita. Porque agora que estamos nun momento doce para a militancia feminista, cando o movemento goza de máis apoio e participación, é precisamente cando parece máis carente de ideoloxía revolucionaria e obreira.
Non é casual que desde as Nacións Unidas eliminásese o sufixo traballadora da conmemoración do 8M. Coa denominación Día Internacional da Muller, eliminaron de xeito definitivo da memoria colectiva o contido de clase que deu orixe á conmemoración. Porque ao poder non lle interesa a existencia de mulleres organizadas que manteñan unha actitude combativa e de confrontación aos poderes económicos, contra con quen nos explota como clase, nos discrimina por ser mulleres e nos oprime como nación.
Dentro do sistema capitalista colonizador, ao sistema interésalle un discurso homoxeneizado, light, que quede na superficialidade. Empregando os nosos símbolos, apropiándose de datas revolucionarias, fican co aparencial, pretenden invisibilizarnos, varrernos do mapa co seu discurso uniformizador.
Mesmo cando facemos uso de ferramentas revolucionarias como é a folga, fan dela un uso propagandístico, e non un instrumento de combate e de confrontación co poder. Pero nós apostamos por un modelo sindical asembleario, baseado en crear conciencia, mobilizar, activar e dinamizar as traballadoras deste país. Nós fuximos das convocatorias que pretenden ritualizar o 8 de Marzo, das que queren que quede nunha data festiva e carente de discurso crítico contra a patronal, os gobernos, o capitalismo e o patriarcado.
Promovemos unha folga de mulleres, porque é o instrumento do que dispoñemos as mulleres da clase traballadora para obtermos melloras nas nosas condicións de vida. Negándonos a realizar dun xeito total ou parcial o traballo que temos encomendado, estamos evidenciando que este sistema nos discrimina, nos agride, nos precariza. Estamos concienciando do traballo invisíbel que facemos as mulleres. Demostrando que o noso papel non é subsidiario, senón fundamental para o desenvolvemento da sociedade. Identificando e denunciando as desigualdades que nos inculcan tamén na esfera educativa. Participamos nunha folga de consumo como denuncia dun capitalismo salvaxe que explota os seres humanos e a natureza. Porque denunciamos un sistema económico que se vale do noso traballo gratuíto nos fogares e nos sitúa nunha posición de desvantaxe social e económica.
O 8M de 2019 demostramos a forza e a capacidade de mobilización das traballadoras galegas. Paramos para lembrar á sociedade que somos a metade da humanidade e que a metade nos pertence. Paramos para esixirmos xustiza. Porque non imos permitir que nos fagan retroceder nos nosos dereitos, cando aínda nos quedan tantos por conquistar. O futuro é noso!
[Artigo tirado do sitio web Alter Summit, maio de 2019]