8 e 10 de Marzo: recuperando os nosos dereitos, recuperando a orixe obreira e reivindicativa destas datas
Coa ollada posta no 8 de Marzo e no 10 de Marzo, a CIG realizou este martes asembleas de delegadas e delegados en todas as comarcas (agás en Ourense, onde será este mércores) para abordar a convocatoria de folga de mulleres, coincidindo co Día Internacional da Muller Traballadora, e as mobilizacións convocadas co gallo do Día da Clase Obreira Galega. Dúas datas senlleiras ás que a CIG quere devolver o seu contido de clase e reivindicativo e nas que efectivizar a campaña pola recuperación dos dereitos e a loita contra a pobreza.
O obxectivo destas asembleas, segundo explicaba o secretario xeral, Paulo Carril, que participou na asemblea da Coruña, é a posta en común das liñas de acción básicas da CIG neste 2018, baixo a " bandeira da reivindicación da recuperación dos dereitos laborais e sociais que nos roubaron e a necesidade, fronte á precariedade e a pobreza que se está a estender cada vez máis, de esixir a derrogación das reformas laborais" impostas baixo a escusa da crise.
Deste xeito, a CIG dá continuidade á campaña pola recuperación dos dereitos levada a cabo durante todo o pasado ano, e con dúas datas de referencia nas que evidenciar esa demanda: a folga de mulleres que a central ten convocada con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora; e as manifestacións que haberá en Ferrol e Vigo o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega.
"Como CIG, o próximo 8 de Marzo faremos realidade dende Galiza ese paro internacional de mulleres para, dunha forma revolucionaria, rachar co cinismo e a hipocrisía de quen abandeira o feminismo que se queda en reivindicacións aparentes, mais que na práctica só busca manter a situación de dominación e patriarcado nun sistema capitalista que para Galiza é unha ruína", aseverou o secretario xeral.
Nesta liña, Carril apostou por devolver o carácter de clase e reivindicativo a esta data, "porque o 8 de Marzo é o Día Internacional da Muller Traballadora, ao igual que o Primeiro de Maio é o Día Internacional da Clase Obreira, datas nas que facemos realidade o internacionalismo proletario en Galiza coa nosa existencia, mais tamén coa nosa acción sindical día tras día".
O secretario xeral da CIG denunciou que as reformas aplicadas nestes anos provocaron un evidente retroceso nos dereitos da clase traballadora, incrementando a precariedade laboral e producindo unha caída xeneralizada dos salarios. Nesta ofensiva foi obxectivo principal o debilitamento da negociación colectiva, favorecendo a centralización da mesma, e nestes momentos está no punto de mira o sistema público de pensións, ao que constantemente se ataca con mensaxes de corte catastrofista
Xunto a isto, Carril criticou as políticas aplicadas pola Xunta de Galiza, seguindo os ditados da troika, para desmantelar os servizos públicos e pór en marcha políticas industriais que destrúen o noso tecido produtivo e fomentan o espolio do noso recursos.
Fronte a esta realidade, Carril chamou a responder dende dous campos: a mobilización e a negociación colectiva, defendendo o emprego, os salarios e unhas pensións dignas "como a mellor maneira de loitar contra a pobreza". Pero coa campaña pola recuperación dos dereitos, a CIG tamén busca darlle unha resposta "á incapacidade das teóricas forzas políticas de esquerda no estado, que non son quen de deixar sen efecto toda a política do Partido Popular".
Por iso, animou a participar nas mobilizacións deste 8 e 10 de marzo e a avanzar na acumulación de forzas, "porque só se estamos organizados poderemos seguir na loita para esixir a derrogación de todas esas lesivas reformas. Ese é o único camiño".
Unha folga na que as mulleres serán as protagonistas
E por que unha folga só de mulleres? A esta pregunta respondía a secretaria confederal de Mulleres, Margarida Corral, apuntando tres cuestións: dunha banda o distinto impacto que ten o feito de ser, por primeira vez, só as mulleres as que nun determinado momento do día abandonen o seu posto de traballo, simbolizando así o espazo que deixan na sociedade; doutro lado, para evidenciar a invisibilización que sofren; e ao tempo, para trasladar aos centros de traballo e ás empresas o que a CIG leva anos denunciando: as discriminacións que padecen as mulleres, e que as reformas antiobreiras viñeron agravar.
No marco das actividades de axitación de cara a folga, a CIG xa realizou asembleas de delegadas e afiliadas en todas as comarcas para abordar esta convocatoria e como concretar o seu desenvolvemento. Porén nas asembleas deste martes incorporáronse tamén a este debate os delegados da central sindical, para tratar cal vai ser o papel dos homes na folga. "Terán un labor de axitación, levando o debate, as nosas propostas e demandas aos seus centros de traballo, pero trasladando tamén a mensaxe de que o papel dos homes ese día será de acompañamento, de reforzo, de solidariedade, porque o protagonismo correspóndelle ás mulleres", explicou Corral.
Lembrou que para a CIG o 8 de Marzo sempre foi unha data reivindicativa, mais este ano "queremos dar un golpe de efecto" e volver pór en relevo a súa orixe, "rachar coa hipocrisía deses datas comercializadas polo capitalismo e celebradas dende as institucións, e poñer o foco de atención na realidade: nesas discriminacións, nesas desigualdades, nesas agresións físicas, verbais, laborais, nos acosos, e en toda a hipocrisía que se dá nas empresas sobre a igualdade de homes e mulleres, que non conseguirmos aínda".
Desigualdades que se manifestan na fenda salarial que acada en Galiza o 23%, no feito de que as xornadas das mulleres son maioritariamente parciais e os seus contratos temporais, o cal afecta aos seus salarios, á súa cotización e diminúe a posibilidade de acceder a unha xubilación digna. Xunto a isto, seguen a sufrir atrancos na conciliación da vida familiar e laboral e a ser quen de xeito maioritario se acolle a solicitudes de excedencia por coidado. E ademais, "as mulleres continuamos a ser obxecto de agresións sexuais, na rúa e no lugar de traballo, sen que se adopten medidas urxentes que garantan a nosa integridade".
A este respecto, valorou que o 8 de marzo de 2018 "ten que ser un antes e un despois" na conmemoración desta data. "Hai que recuperar o xermolo proletario que ten e poñer de relevo que as mulleres non imos para até conseguir os nosos dereitos". Por iso, subliñou Corral, esta "é unha xornada revolucionaria, que vai máis alá dun paro laboral, e que debe implicar a todas as mulleres: asalariadas, desempregadas, xubiladas, estudantes, porque todas as mulleres somos discriminadas polo mero feito de ser mulleres".
Concentracións e mobilizacións de delegados e delegadas
Ao remate das asembleas, a CIG realizou unha manifestación polas rúas de Vigo e concentracións en Pontevedra, Lugo e Santiago de Compostela. Ademais, nas comarcas de Ferrol e da Coruña aproveitouse para levar a protesta a centros de traballo no que existen conflitos abertos que exemplifican esta loita pola recuperación dos dereitos e contra a pobreza.
Represión sindical en Sar Quavitae
No caso da Coruña, a protesta trasladouse até a Residencia Concepción Arenal, para esixir a readmisión dunha traballadora á que a empresa que xestiona o centro -que é de titularidade pública- despediu tan só un mes despois de presentarse na candidatura da CIG ás eleccións sindicais. Na concentración denunciouse a política de persecución que Sar Quavitae está a practicar contra da CIG, e demandouse a readmisión inmediata da traballadora.
O secretario comarcal da Coruña, Xabier Filgueira, explicou que no acto de conciliación que tivo lugar a pasada semana non foi posíbel unha avinza, porque a empresa se nega a reincorporar a traballadora. "Iso si, denunciou, a empresa si que está disposta a recoñecer a improcedencia do despedimento, porque prefire pagar a indemnización que ter traballadoras e traballadores que reivindican os seus dereitos".
A este respecto lembrou as manobras que a dirección de Sar Quavitae no centro levou a cabo para evitar que a CIG lograra representación nesta residencia. Porén, advertiu, continuaremos adiante na loita até conseguir que readmitan á esta compañeira e que respecten os dereitos laborais e a liberdade sindical".
Hormicasa Norte: traballar sen cobrar
Pola súa banda, a CIG de Ferrol levou a protesta até o supermercado "Mi tienda" de Ares, no que as traballadoras e traballadores levan dous meses sen cobrar os seus salarios, mentres a empresa que xestiona o estabelecemento "permanece desaparecida". Alí, delegadas e delegados botáronlle unhas divertidas coplas ao tempo que a dirección acordaba baixar a reixa do supermercado.
Dende o pasado mes de abril, o persoal deste supermercado, na súa maioría mulleres, ten problemas para poder cobrar os seus salarios de maneira regular e incluso no mes de outubro a empresa entregoulles cheques cruzados e algúns deles estaban sen fondos. Rocío Doce, secretaria de Organización da CIG-Servizos en Ferrol explica que, ademais, cada vez que as traballadoras se dirixían a empresa para preguntarlle cando ían cobrar, "recibían malas contestacións, e por se non fora dabondo traballar nesas condicións, os responsábeis aínda teñen o descaro de responderlles cun 'se non estás a gusto, xa sabes...'".
Advertiu que dende a CIG se tomarán as medidas oportunas "para evitar que se repitan situacións tan difíciles e desagradábeis como a de ir traballar sen cobrar".