42ª Edición da Conferencia Europea de coordinación e apoio ao pobo saharauí
Durante a pasada fin de semana, do 20 ao 22 de outubro, celebrouse a Conferencia do EUCOCO que ten lugar anualmente, nesta ocasión na localidade de Vitry-Seine, nas inmediacións de París, coa participación de máis de 320 persoas de Europa, África e América Latina. Como vén sendo habitual, entre as organizacións representadas estivo a CIG, dados os vínculos coas organizacións do Sáhara Occidental, o inquebrantábel apoio á súa causa e a colaboración que desde sempre vén prestando esta central sindical.
Representantes institucionais
O acto de apertura desenvolveuse en Plenario, coa presentación oficial da Conferencia e múltiples intervencións de representantes institucionais:
- Pierre Galand, presidente da Comisión Permanente de EUCOCO.
- Jean-Paul Lecoq, deputado no Parlamento francés e anterior alcalde de Vitry-Sur.
- Jitte Guteland, presidenta do intergrupo parlamentar europeo para o tema do Sáhara Occidental.
- Mohamed Ould Mouloud, presidente da Unión de Forzas de Progreso de Mauritania.
- Jean-Claude Kennedy, alcalde de Vitry
- Alban Bruneau, alcalde de Gonfreville l´Orcher.
- Abdelhamid Siafif, deputado e presidente da Comisión de Asuntos Internacionais da I´APN de Arxelia.
- Salah Goudjil, senador do Consello Nacional Arxelino.
- Carmelo Barrio Baroja, presidente do Grupo Interparlamentario no Estado español.
- Giuseppe Romanini, deputado italiano.
- Gabriela Jaramillo, embaixadora da República Bolivariana de Venezuela en Francia.
- Embaixador da República Sudafricana en Francia.
- Khatri Addouh, presidente do Consello Nacional da RASD.
- Carmelo Ramírez, presidente da FEDISSAH do Estado español.
- Mohamed Akeik, ministro dos Territorios Ocupados e da Diáspora.
- Mohamed Sidati, Ministro conselleiro para Europa.
- Francesco Bastagli, antigo representante especial para a MINURSO.
- Gilles Devers, avogado da Fronte Polisaria na Corte Europea que gañou recentemente dúas sentenzas sobre a explotación de recursos por muntinacionais e Marrocos.
- Ingrid Metton, avogada dos prisioneiros de Gdeim Isik.
A Conferencia desenvolveuse en diferentes seminarios que se celebraban simultaneamente, distribuídos en catro grandes bloques:
1. Política.
2. A construción do Estado saharauí no exilio.
3. Recursos naturais e o muro marroquí da vergoña
4. Dereitos humanos.
A CIG participou no de dereitos humanos, para coñecer de preto os procesos xudiciais que se levaron a cabo no que respecta á explotación dos recursos saharauís por empresas multinacionais en conivencia con Marrocos, e as últimas sentenzas que manifestan a súa ilegalidade sen contar co acordo da RASD. Neste seminario abordáronse os problemas e desafíos actuais en termos de dereito internacional e de Dereitos Humanos no Sáhara Occidental e Territorio Ocupado, así como nos organismos internacionais.
Propuxéronse as liñas de acción común para a coordinación e apoio ás organizacións saharauís que traballan pola protección e promoción dos dereitos Humanos. O debate seguiu o seguinte esquema:
-Situación xurídica do Sáhara Occidental e consecuencias para o Reino de Marrocos e outros estados.
-Mecanismos esenciais do Consello dos Dereitos Humanos e dos órganos de tratados.
Iniciativas coas que o Reino de Marrocos está asociado no CDH.
-Mecanismos da Comisión Africana de Dereitos Humanos e dos Pobos
-Iniciativas de Marrocos na CADHP.
-A presentación de informes feitos polas ONG´s.
-Apoio ás organizacións de Dereitos Humanos saharauís.
-Comisión Nacional Saharauí Polos Dereitos Humanos (CONASADH).
-Obxectivos para o 2018.
Malestar pola decisión de non contar cun obradoiros sindical
A diferencia de ocasións anteriores, esta conferencia non contou cun obradoiro ou seminario específico sindical, por unha decisión do Comité de Organización, da que non foron consultadas as propias organizacións sindicais. Por este motivo, as organizacións presentes na conferencia: UGTSARIO, CGTP, CGIL, CCOO, CGT, CI, SOLIDAIRES e CIG, expresaron o seu malestar e reclamaron para o 2018 a recuperación do tradicional espazo sindical.
O feito de non haber nesta ocasión o seminario sindical, nin declaración, nin listado específico de participantes, nin coordinación previa nin durante o evento, propiciou que cada representante das organización presentes escollera un deses obradoiros sen coincidir necesariamente. Aínda así, conseguiuse consensuar unha proposta de traballo de cara aos meses que veñen, así como á vindeira Conferencia do 2018 que se celebrará en Madrid.
A UGTSARIO formulou no obradoiro político as cuestión relativas ás reclamacións dos/as ex-traballadores/as da antiga colonia española, especialmente en Fosbucraa, e reclamou un espazo na sesión plenaria final para intervir neste senso.
Encontro con parlamentarios/as europeos/as
As organizacións sindicais que participaron no obradoiro político mantiveron un encontro con parlamentarios/as europeos/as presentes na Conferencia. Logo dese encontro faise a proposta de ter outro, posiblemente no mes de febreiro, xa en Bruxelas, cun formato de xornadas públicas de incidencia política e sensibilización, cunha duración de dous días, e no que se tratará de contar tamén coa participación da CES, CSI, OIT, Consello de Dereitos da ONU, etc.
Desde a CIG solicitouse que ese encontro sexa aberto a outras organizacións, tanto sindicais como políticas, no Parlamento Europeo. A participación da CIG estará condicionada a que se faga ou non. Así se fará constar na reunión que tamén se propón das organizacións sindicais, previo a ese encontro ou xornadas, e agárdase que se teña en consideración, pois, o realmente importante, é sumar forzas para axudar ao Sáhara Occidental a acadar o seu obxectivo, que non é outro que a independencia.
A Coruña, 25 de outubro de 2017
Dpto. de Relacións Internacionais da CIG.