29 de novembro: Mobilizacións en todas as comarcas contra a carestía da vida

Nacional - 11 Nov 2022

A CIG chama a mobilizarse en todas as comarcas, o vindeiro día 29 de novembro, en demanda dun verdadeiro Plan de Choque para frear os efectos devastadores dos altos prezos e para afrontar unha saída galega xusta da crise. A central sindical denuncia a insuficiencia das medidas articuladas desde o goberno do Estado e a inacción do goberno da Xunta de Galiza para paliar a carestía da vida.

A grave carestía da vida, presente antes da guerra, agravouse desde o seu inicio acelerando o aumento das desigualdades e da pobreza, cunha inflación descontrolada, prezos da electricidade e combustíbeis que non baixan e produtos de primeira necesidade que soben sen control. Unha situación económica e social extrema que está a ter un impacto brutal, con importantes sectores produtivos, como o agro e a pesca, xunto a comarcas enteiras, agonizando e con cada vez menos emprego e industria, con máis emigración e con máis poboación avellentada. 

A grave carestía da vida, presente antes da guerra, agravouse desde o seu inicio acelerando o aumento das desigualdades e da pobreza

Malia a gravidade da situación, a Xunta de Galiza non preveu ningunha medida para darlle solución, máis alá de facer de Galiza enteira un Camiño de Santiago como reclamo turístico, converter o noso país nun gran eucaliptal e facilitar un novo espolio dos nosos recursos enerxéticos, coa actual ofensiva eólica, en terra e no mar.

O Goberno do Estado puxo en marcha medidas claramente insuficientes a través do chamado Plan de Resposta Económica á Guerra, que vén acompañado dun duro paquete de reformas para satisfacer as inxustas exixencias da UE para acceder aos envelenados fondos europeos que, ademais, están a hipotecar o noso futuro.

Medidas inxustas

Tanto os orzamentos galegos como os do Goberno español son unha suma de medidas inxustas, porque discriminan a Galiza e non dan solución ás graves carencias e necesidades sociais. Increméntanse os cartos públicos para armamento ao tempo que se introducen lesivas reformas na Seguridade Social que se suman á última reforma laboral, na que nin recuperamos, nin gañamos dereitos. Avanza así, baixo novas formas, a precariedade laboral, mentres o SMI e as pensións seguen por baixo do que recomenda a Carta Social Europea.

Lonxe disto, as patronais escatiman os incrementos salariais, poñendo en marcha, mediante feitos consumados, o famoso pacto de rendas que só vai agudizar o empobrecemento xeneralizado que está a padecer a clase traballadora.

Por iso só queda un camiño: a mobilización ante a patronal, na negociación colectiva, e ante os Gobernos galego e español para que se aproben medidas de intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos. Porque está en risco que sexamos a clase traballadora quen paguemos, máis unha vez, esta nova crise, como xa pasou coas anteriores.

Lugares e horarios das mobilizacións: 

Vigo: A Dobrada, 19:00h.

A Guarda: Pr. Avelino Vicente ‘As de Copas’, 19:00h.

A Coruña: Praza de Vigo, 19:30h.

Pontevedra: Praza da Peregrina, 20:00h.

Vilagarcía: Casa do Mar, 20:00h.

A Estrada: Praza do Mercado, 20:00h.

Ferrol: Local da CIG (Avda. de Esteiro), 19:30h.

As Pontes: Praza do Hospital, 19:30h.

Compostela: Praza Roxa, 19:30h.

Lugo: Edificio Sindical (Ronda da Muralla), 20:00h.

Burela: Praza da Mariña, 19:00h.

Ourense: Praza Maior, 19:30h.

Verín: Praza do Concello, 19:00h.

O Barco: Praza do Concello, 19:00h.