28 de xuño, Día do Orgullo. Polos dereitos dos colectivos LGTBIQ+, nin un paso atrás
Os acontecementos de Stonewall o 28 de xuño de 1968 marcan a data de reivindicación a nivel mundial dos colectivos LGTBIQ+, o coñecido como Día do Orgullo. Desde 1970, primeiro en varias cidades dos Estados Unidos e posteriormente noutros lugares, comezouse a levar ás rúas a conmemoración da revolta de Stonewall. En Galiza a primeira celebración do día do Orgullo foi en Vigo en 1981.
Desde entón, a loita constante dos colectivos LGTBIQ+ conquistou dereitos democráticos que hoxe están sendo cuestionados abertamente, non só desde a extrema dereita en auxe, senón tamén desde posicións políticas consideradas progresistas e que noutros momentos pularon por cambios sociais e lexislativos imprescindíbeis para a normalización das diversidades afectivo-sexuais e de xénero.
Así, nos últimos anos estamos asistindo ao aumento de agresións homófobas e tránsfobas, que mesmo atentan contra a vida das persoas, como aconteceu co asasinato de Samuel Luiz en xullo de 2021 ou a moza trans empurrada desde a muralla en Lugo no mes de novembro pasado, entre moitas outras que non poden pasar desapercibidas.
Estas agresións son a punta do iceberg das múltiples violencias e discriminacións que padece unha parte da sociedade polo mero feito de manifestar disidencias respecto do modelo sexual e de xénero imposto. A involución afecta tamén ao conxunto das mulleres, como acaba de demostrar a sentenza do tribunal supremo dos EUA que derroga o dereito ao aborto.
Consideramos urxente acometer os cambios que permitan acabar con todo tipo de discriminación e erradicar as violencias machistas contra as persoas do colectivo LGTBIQ+ para seguirmos avanzando até acadar o dereito a vivir en liberdade sexa cal sexa a opción afectiva, sexual ou de xénero.
Por iso desde a CIG DENUNCIAMOS:
- A invisibilización dunha sociedade diversa, as discriminacións, a vulneración de dereitos e as agresións contra as persoas que exercen unha disidencia de xénero, afectiva ou sexual respecto á heteronormativa nas escolas, nos xulgados, nos traballos, nas rúas ou nos lugares de ocio da Galiza.
- As discriminacións tanto no eido laboral (vulneración do dereito á intimidade nos procesos de selección, non renovación de contratos, acoso, dificultades na promoción, denegación de prestacións e permisos á parella, na protección da saúde con perspectiva de xénero, riscos psicosociais, acoso, despedimentos...) como no social, e mesmo no ámbito educativo desde idades moi temperás (agresións, insultos, invisibilización, illamento, acoso e ciberacoso...), que sofren moitas persoas galegas pola súa opción afectivo-sexual, debido ao seu proceso de transición, ou pola súa identidade ou expresión de xénero.
- Que a pesar das múltiples denuncias contra o Plan galego anti VIH/SIDA e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) 2015-2018, por vincular a homosexualidade cun maior consumo de drogas ou cunhas prácticas sexuais proclives a contraer SIDA, o plan non foi modificado e, pese a chegar ao seu remate, non se redactou un novo libre da estigmatización e os estereotipos que contén o anterior, senón que segue prorrogado a día de hoxe.
- Sexismo e transfobia na sanidade pública: cuestionamento, condescendencia, infantilización e imposición de estereotipos, violación da privacidade, falta de respecto no uso do nome e do pronome escollido pola persoa.
- Que no ámbito educativo fica lonxe o obxectivo de acadar unha educación igualitaria e respectuosa coa diversidade de opcións sexoafectivas e de identidade. Mentres, a hipocrisía da Xunta conduce a graves carencias nos apoios á coeducación, á aplicación de plans de igualdade e protocolos de acoso efectivos nos centros educativos tanto en primaria, como en secundaria, na formación profesional, universitaria, etc., ao tempo que non apoia suficientemente a visibilidade da diversidade afectivo-sexual.
EXIXIMOS, un ano máis, ao goberno da Xunta:
- Que garanta o dereito á protección da saúde das persoas trans, incluíndo os tratamentos clínicos necesarios que así se soliciten, como a vaxinoplastia, glotoplastia, faloplastia, mamoplastia, mastectomía, entre outras no catálogo de prestacións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
- Transición sen sexismo na rede pública de saúde: acceso digno á atención sanitaria, que se permita realizar a transición en base aos desexos das persoas trans e non binarias, e non aos estereotipos e prexuízos do persoal sanitario que as atende.
- Respecto á diversidade das persoas cuxa identidade rexistral non coincide coa súa identidade de xénero, o cal inclúe tanto o respecto polo nome que soliciten que se empregue como o pronome escollido.
- Acceso á reprodución asistida no sistema sanitario público galego en condicións de igualdade.
- Dotación orzamentaria que permita poñer en marcha a Lei de Igualdade 2/2014 de 14 abril pola igualdade e non discriminación de persoas LGBTI+ en Galiza, e o Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero, facendo as modificacións oportunas na lexislación vixente co obxecto de estabelecer un réxime sancionador, incluíndo a protección integral contra os delitos de odio, axilizando as denuncias e a protección das persoas afectadas, así como formación transversal en diversidade a todos os colectivos implicados (persoal sanitario, persoal do ensino, operadores xurídicos, forzas e corpos de seguridade do estado).
- Exiximos que todas as persoas, independentemente da súa orixe, do seu estado civil, ou da situación legal na que se atopen, poidan ser atendidas nos servizos públicos de saúde e teñan cubertos os seus tratamentos médicos, durante todo o proceso, sen interrupcións, sen que teñan que facer alusión ás súas prácticas sexuais.
- A promoción dun ensino laico e de calidade que integre a dignificación e o recoñecemento das diferentes opcións sexuais e a diversidade familiar, educando na liberdade para enfocar a vida persoal e sexual de cada quen, a través da visibilidade desta realidade diversa nas materias educativas, impulsando e apoiando aquelas producións culturais que inclúan a realidade LGBTI+ para potenciar referentes positivos da homosexualidade, bisexualidade, transxeneridade, intersexualidade, ou a pertenza ao xénero non binario, poñendo especial fincapé na súa divulgación nos centros de ensino infantil, medio e superior.Con este fin, promoverase a creación de equipos de igualdade e diversidade en todos os centros educativos.
- Que se aprobe unha Lei Galega de Identidade de xénero que garanta o recoñecemento e a existencia da comunidade trans, a través da posta en marcha de medidas no ámbito educativo, sanitario e xudicial.
- Programas de prevención da LGBTI+fobia, e de asesoramento LGBTI+, dirixidos aos departamentos de orientación e equipos de igualdade e diversidade dos centros educativos e mesmo ás asociacións de nais e pais, combinando con campañas específicas para a prevención e erradicación do acoso escolar LGBTIfóbico.
- A modificación da composición do Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, garantindo a representatividade e participación de todos os colectivos da comunidade LGBTI+ na Galiza.
- A nivel laboral, a erradicación das actitudes homo/lesbo/bifóbicas/transfóbicas, instando a adoptar medidas que eviten calquera tipo de discriminación no acceso e mantemento do emprego, que eviten e persigan o acoso laboral, propiciando a igualdade de oportunidades e de trato de todo o persoal, con independencia do seu sexo, orientación, identidade ou expresión de xénero. Para tal fin, promoverase a negociación dun protocolo de prevención e actuación ante o acoso por identidade nas empresas.
Mobilizacións polo día do Orgullo
Desde a CIG facemos un chamamento a participar en todas aquelas actividades, concentracións e mobilizacións organizadas polos distintos colectivos na Galiza en torno ao 28 de xuño, pois é necesario construírmos entre todas unha sociedade galega inclusiva para todas as persoas que vivimos neste país.
Mobilizacións 28 de xuño:
- Santiago, ás 20h, manifestación con saída da praza 8 de Marzo
- A Coruña, ás 19:30h, manifestación dende a Praza de Ourense
- Ourense, ás 20h, manifestación dende a Praza do Bispo Cesáreo
- Lugo, ás 20h, manifestación dende da Horta do Seminario
Mobilizacións 2 de xullo:
- Vigo, ás 20:30h, manifestación con saída no cruce Vía Norte
- Pontevedra, ás 20h, manifestación dende a Praza do Hospital Provincial