Manifestación o xoves 28 para esixir políticas de reindustrialización para Ferrol, Eume e Ortegal
Ante a grave crise social, económica e laboral que atravesan as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO teñen convocada unha manifestación este xoves, 28 de novembro, para esixir das Administracións española e galega políticas prioritarias e urxentes "que senten as bases dun novo modelo de desenvolvemento para este territorio". A manifestación sairá ás 20 horas da Praza de España baixo o lema "Contra o esmorecemento das comarcas Ferrol-Eume-Ortegal. Reindustrialización Xa!"
As centrais sindicais denuncian que dende a mal chamada reconversión naval, estas comarcas están sumidas nunha crise que, a día de hoxe, "ameaza gravemente a este territorio", con consecuencias como a perda constante de poboación, un grao de envellecemento superior á media galega -principalmente polo efecto da emigración xuvenil-, e un incremento exponencial do número de persoas en risco de pobreza e/ou exclusión social.
Desde 2008, apuntan, o descenso de empresas superou en 6 décimas á media de Galiza, situación que se está a agravar no último período, coa conseguinte perda de postos de traballo. Mención especial merece o abandono das infraestruturas, cunha grave insuficiencia do transporte público que axude a vertebrar o territorio, tanto da rede ferroviaria para mercadorías ou pasaxeiros/as, como de infraestruturas que favorezan a intermodalidade.
"Desde a mal chamada reconversión todos e cada un dos plans postos en marcha, tanto por parte do Goberno estatal como do autonómico, incluídos os últimos Plan Ferrol e Plan Director da Industria de Galiza para o período 2015-20 resultaron un absoluto fracaso", denuncian as centrais na folla informativa que se está a repartir por toda a comarca para chamar á participación masiva nesta mobilización do xoves.
Por iso, engaden, as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal "necesitan medidas de choque urxentes, tanto a curto como a medio prazo,e directrices estratéxicas que senten as bases dun novo modelo de desenvolvemento para este territorio. De non ser así a situación de decadencia tornarase irreversíbel".
Demandas urxentes para as comarcas:
- Medidas para que Endesa poida seguir producindo, durante un período de transición que permita o asentamento doutras actividades
- Cubrir o baleiro de carga de traballo do sector naval e recuperar a construción civil
- Implantar unha tarifa eléctrica estábel para as industrias electro-intensivas
- Liña de alta velocidade eixo atlántico Ferrol-Vigo, con carácter urxente Ferrol-A Coruña
- Potenciar os servizos de FEVE, tanto para transporte de pasaxeiros/as como de mercadorías, na conexión léxica con Bilbao e Europa
- Diminuír as peaxes da AP9, eliminando as do tramo Ferrol-A Coruña
- Potenciar a actividade do porto exterior
- Diversificación, apostando polas enerxías renovábeis, recuperando o sector eólico terrestre e mariño
- Sector marisqueiro: rexeneración dos bancos e apoio as canles de comercialización
- Impulsar o sector forestal e ás súas industrias derivadas apostando polo peche dos ciclos
- Recuperar o patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico para potenciar o turismo
- Aumentar as axudas para a rehabilitación dos barrios e conxuntos históricos
- Plan de emprego específico para as comarcas que incentive a fixación da poboación
- Políticas sociais axeitadas a esta situación socioeconómica comarcal de emerxencia