28 de Abril do 2023: Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo
Aprobado o Marco Estratéxico da Unión Europea (UE) en materia de Seguridade e Saúde no Traballo, recentemente e cun importante e inxustificado retraso aprobouse a actual Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo (EESST) 2023-2027.
Se nos referimos ás anteriores EESST que veñen desenvolvéndose dende o ano 2007 até agora, hai que dicir que en ningunha delas se teñen acometido grandes reformas en relación aos eixos estruturais do Sistema Estatal de Seguridade e Saúde no Traballo, con importantes déficits en cuestións tales como o minguado compromiso de moitas das administración públicas, a falla de verdadeira colaboración dunha gran parte das asociacións empresariais que seguen a ver a prevención como un gasto oneroso e non como un investimento, ou unha actitude pouco ambiciosa e reivindicativa das grandes organizacións sindicais estatais, máis centradas na consecución de “pactos sociais” altamente cuestionables e máis beneficiosos para as súas propias organizacións que para o conxunto da clase traballadora.
No que ao noso País se refire, se temos en conta a histórica falla de compromiso político e económico coa prevención de riscos laborais na nosa terra dos sucesivos gobernos do PP que ocuparon a Xunta de Galicia, e o resultante déficit estrutural das políticas de SST que vimos arrastrando e cuxas consecuencias están ben á vista, situámonos na última década segundo as estatísticas nos máis altos postos do ranquing de sinistralidade laboral, destacando especialmente no que atinxe a accidentes graves e mortais, onde somos líderes absolutos no promedio do Estado nestes últimos anos. Así as cousas resulta evidente que as políticas de Seguridade e Saúde no Traballo na Galiza, necesitan dun importante impulso e un claro compromiso por parte dun Goberno da Xunta, que leva dúas décadas mirando cara aoutro lado, con evidentes e fatais consecuencias para a saúde e a integridade física da clase traballadora galega.
En calquera caso, no actual período temporal, unha vez aprobados e publicados o Marco Estratéxico Europeo de SST e a EESST, aquí no noso País a Xunta de Galicia a través do ISSGA e a Dirección Xeral de Relacións Laborais, atópase normativamente obrigada a promover unha comisión de traballo no marco do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que en concordancia e sintonía coas anteriores Estratexias ultimamente aprobadas, ten o obxectivo de elaborar a nova Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo, 2023-2027 (EGSST).
Máis aló do necesario e imprescindible cambio na xestión das políticas preventivas de riscos laborais na nosa terra, atopámonos agora coa posibilidade de realizar propostas e aportacións para a elaboración da definitiva EGSST 2023-2027, sobre a base dun primeiro borrador avanzado polo ISSGA que consta de 6 obxectivos xerais dos que penden 19 liñas de actuación. Dende a CIG entendemos que este grupo de traballo debería ser unha oportunidade para estabelecer un verdadeiro proceso de análise, discusión e realización de aportacións. Aportacións entre outras especialmente referidas ás medidas concretas e precisas, que deben proporcionar á EGSST unha capacidade operativa real para o logro dos fines propostos.
Debemos reseñar que en termos xerais, a mediocre e insatisfactoria experiencia acumulada das pasadas Estratexias Galegas de Seguridade e Saúde no Traballo, deberían comprometer a todas as partes implicadas nun significativo troco conceptual que mellore substancialmente a propia estrutura desta nova Estratexia Galega de SST, para facer dela unha ferramenta útil para gañar en eficacia e eficiencia na verdadeira consecución dos obxectivos estabelecidos.
Uns obxectivos xerais cuxas liñas de actuación estean sustentadas e artelladas sobre a base dun catálogo de medidas concretas e ben delimitadas. Medidas estas sobre as que necesariamente debe descansar a auténtica operatividade desta nova Estratexia Galega. Medidas oportunas, axeitadas e ben definidas, cunha redacción clara e inequívoca que aborde con compromiso e garantías o conxunto das actuacións a realizar.
Medidas concretas, temporalizadas e orzamentadas que teñan adxudicada a responsabilidade da súa xestión e consecución. Xestión e consecución de medidas nas que cada unha conte cos indicadores necesarios para medir o seu grado de execución e alcance dos obxectivos e finalidades asociadas ás mesmas.
En definitiva, dende a CIG apostamos por unha política preventiva máis democrática, eficiente e rigorosa, orientada a resultados medibles e cuantificables, e moi afastada dos verbos infinitivos (impulsar, promover, fomentar, potenciar, reforzar,…) desprovistos do contido e o compromiso real que debe amosar unha verdadeira política preventiva de seguridade e saúde no traballo. Menos papel con declaración baleiras e dificilmente cuantificables e máis realidades tanxibles, constatables e medibles froito do consenso e o compromiso real coas persoas traballadoras do noso País. Veremos en que queda este proceso, mais como é habitual moito nos tememos que novamente nos quedaremos sós neste primordial cometido de defender a ultranza a seguridade e a saúde laboral da clase traballadora galega, obxectivo e principio este ao que nós como sindicato galego nacionalista e de clase nunca imos renunciar.
Saúde, forza e loita!!!