A CIG ante o 28 de Abril, Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo
Dende o comezo desta diminuída e secuestrada democracia, as décadas de alternancia no poder ao regazo dun modelo bipartidista herdeiro do franquismo, amamantado nas teorías neoliberais do capitalismo económico, levan imposto como se fora algo natural e completamente asumible, un modelo de produtividade baseada nos baixos custos laborais e nun modelo de prevención de riscos laborais altamente ineficiente.
Un modelo exacerbado de explotación laboral que como todo dispositivo social deseñado pola dereita económica (banca, patronais empresariais, etc) e social, sitúa ao sacrosanto beneficio económico a ultranza por riba de calquera outra consideración que non implique a súa acumulación de riqueza e capital, o perpetuarse no poder político a través do control institucional, económico, xudicial, policial e dos medios de comunicación, como fórmulas demostradamente eficientes para manter sometidas e controladas unha gran maioría das aspiracións e reclamacións sociais de dereitos, equidade, xustiza, igualdade, sustentabilidade e reparto equilibrado da riqueza.
As sucesivas crises económicas que vimos sufrindo a clase traballadora, e moi especialmente a crise da pasada década xestionada polos sucesivos Gobernos do Partido Popular, a maiores dunha destrución sen parangón de dereitos políticos, sociais, económicos e laborais do conxunto dos traballadores/as, ten deteriorado como nunca antes en democracia a calidade das condicións de traballo da maioría social traballadora. Deterioro que ten incidido negativa e significativamente na consideración, priorización e financiamento da prevención de riscos laborais nas empresas e nos programas públicos de promoción e mellora dos sistemas de prevención de riscos laborais do noso sistema produtivo.
Como consecuencia daquela ofensiva de destrución de dereitos impulsada e dirixida pola dereita corrupto-neoliberal, a prevención de riscos laborais (PRL) e a seguridade e saúde no traballo (SST) deixou de ser unha prioridade, experimentando un enorme deterioro e retroceso no seo das empresas e centros de traballo.
Os sucesivos cambios lexislativos amparados por unhas extraordinariamente retrógradas reformas laborais sen parangón en Europa, remataron en definitiva estancando a evolución da progresiva mellora que en termos de seguridade e saúde laboral se viña experimentando nos últimos decenios. A consecuencia destas reformas tiveron nos últimos anos unha derivada directa e incuestionable en forma dun significativo incremento da sinistralidade laboral. Sinistralidade laboral que cobra especial alcance e significación na Galiza en correlación ao resto do conxunto do Estado, sendo o noso País dende aquelas “reformas laborais” -incluída a recentemente aprobada polo suposto Goberno “progresista” de coalición-, a Comunidade Autónoma que en máis ocasións liderou o índice de incidencia de accidentes graves e mortais no conxunto do Estado, ocupando na maioría dos casos un dos tres primeiros postos deste índice de sinistralidade, chegando en non poucas ocasións a dobrar o índice de sinistralidade laboral con resultado de morte da media Estatal. O que quere dicir, para que o entendamos ben, que cada día que unha persoa traballadora galega se incorpora ao seu posto de traballo, ten o dobre de posibilidades de morrer en accidente laboral e non volver a casa que o resto de persoas traballadoras do Estado ou doutras CCAA.
A maiores, consecuencia da reforma laboral de hai pouco máis de dous anos promovida polo Goberno de coalición do Estado español, tense instaurado na práctica unha importante inestabilidade laboral no mundo do traballo que está a derivar nunha sorte de institucionalización da pobreza laboral. Pobreza laboral sustentada nun incremento constante da precariedade e os baixos salarios como consecuencia do abuso da contratación a tempo parcial e á contratación fixa descontinua, así como ao encarecemento exponencial dos prezos. Factores estes que teñen reducido substancialmente a capacidade adquisitiva da clase traballadora, mentres as empresas e o gran capital non deixan de gañar cada vez máis e máis cartos.
Elevados niveis de precariedade
Mentres, máis do 50% das familias e o 26% das persoas traballadoras están en situación ou risco de pobreza e un de cada tres traballadores/as teñen ingresos inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI), especialmente a xente moza e as mulleres. Situación esta en gran medida derivada da xeneralización da contratación a tempo parcial e a fixa descontinua que substituíron á contratación temporal, experimentando este tipo de contratación un enorme incremento porcentual do 125%. Así mesmo, malia ter aumentado nun 20,7% os despedimentos, as indemnización percibidas teñen baixado de media un 34,9%. Cifras estas que confirman que ao amparo desta reforma laboral a patronal empresarial dispón de máis mecanismos legais que utiliza para empeorar e precarizar as condicións laborais e salariais da clase traballadora. Dificilmente podemos atopar un risco psicosocial máis destrutivo e nocivo para a saúde laboral dunha persoa traballadora e a súa familia que vivir na pobreza a pesares de traballar.
No período actual que nos está tocando vivir, ter un emprego xa non garante os ingresos mínimos necesarios para vivir con dignidade e acceder a dereitos básicos como son a alimentación, a enerxía ou a vivenda. É imprescindible esixir unha nova lexislación tanto laboral como social que restitúa os dereitos perdidos e favoreza novos dereitos e regulacións que nos fortalezan como clase traballadora galega. Neste contexto faise imperativo facer realidade un Marco Galego de Relacións Laborais que nos permita exercer o dereito a negociar e decidir na Galiza os nosos convenios colectivos e as nosas condicións de traballo, dunha forma directa e democrática, con solucións xustas adaptadas á nosa realidade laboral, social, industrial, económica e demográfica.
A reforma laboral fixo mudanzas que fixeron que as estatísticas ofrecesen en aparencia datos estupendos de incremento da contratación indefinida, máis a realidade non mudou e a precariedade estendeuse baixo outras formas, mesmo abusando as empresas do uso do período de proba como forma de contratación con despedimento libre. Precariedade e pobreza laboral estas, tamén favorecidas pola non derrogación da reforma laboral do Goberno do PP do ano 2012, que o suposto Goberno progresista de coalición non foi quen de eliminar.
Na actualidade, como esixencia polo cumprimento do plan de axuste para acceder aos fondos europeos, estanse a poñer enriba da mesa de negociación entre o Goberno do Estado, UGT e CCOO, medidas que van significar recortes no sistema público de pensións e no acceso á xubilación parcial. Unha mesa esta de “diálogo social” opaca e escurantista que ten demostrado nesta e outras ocasións que fundamentalmente serve para enterrar dereitos laborais da clase traballadora, nun momento político no que se pretende dar unha volta de porqueta máis ao proceso de privatización da saúde, coa derivación ás mutuas colaboradoras da Seguridade Social da atención sanitaria ás continxencias comúns do mundo do traballo ata agora en mans da sanidade pública.
No contexto do noso País, dende a CIG temos que dicir a todas as persoas traballadoras galegas que a clase traballadora non pode permitir que o resultado das eleccións na nosa terra do 18 de febreiro teña como consecuencia unha desmobilización que facilite o endurecemento das políticas reaccionarias, antisociais e antigalegas que o PP vén practicando nos últimos anos. Temos que frear o aumento do empobrecemento da nosa clase traballadora, a privatización do servizos públicos e a desertización social e industrial da nosa terra, nun contexto de progresivo avellentamento da poboación e a continua emigración dos nosos compatriotas por falla de emprego e oportunidades de traballo digno.
Na Galiza, o PP de Feijóo antes e Alfonso Rueda agora, teñen depauperado as políticas de prevención de riscos laborais na nosa terra e o que é aínda peor, teñen normalizado como algo natural e consubstancial á actividade produtiva no noso País uns elevados e inxustificables niveis de sinistralidade laboral, que a todas luces son por unha banda consecuencia directa dunha inoperancia e falla de vontade política manifesta para solucionar esta terrible lacra que tanto dano está a facer á clase traballadora galega e ás súa familias, e por outra banda consecuencia dos continuos e flagrantes incumprimentos normativos en materia de seguridade e saúde laboral por parte dun empresariado galego que en moitos casos practica a non prevención
Alta sinistralidade laboral
Así as cousas, a gran sinistralidade laboral que sofren as persoas traballadoras galegas na nosa terra, ten moito que ver, ou case todo, con esa noxenta, decimonónica e indefendible proposición ideolóxica neoliberal, coa que “comunga”, promove e se identifica o PP de Galiza e unha boa parte do empresariado, que considera (non nos enganemos) que a prevención de riscos laborais, a seguridade e a saúde no traballo, son fundamentalmente un lastre, un peso económico inxustificado e non prioritario que en última instancia supón unha lousa económica para as empresas e que pon en risco a súa viabilidade.
En consecuencia, na nosa terra, desgraciadamente o poder político da dereita e unha gran parte do “empresariado” van xuntos e da man nesta e noutras materias. Pensan o mesmo e actúan en consecuencia. Son moitos os empresarios/as que basicamente se limitan, cando o fan, a cumprir cos mínimos formais (sobre o papel) esixíbeis en materia de xustificación do cumprimento dos requirimentos mínimos legais en materia preventiva, mentres o poder político do PP vela para proporcionarlles toda a cobertura, protección e impunidade ao seu alcance.
É habitual e está normalizado na Galiza que cando se produce un accidente laboral como consecuencia da non prevención practicada polas empresas, todos os movementos políticos e administrativos vaian orientados, non a solucionar, perseguir e sancionar os incumprimentos preventivos nos que incorreu a empresa para que se producira o accidente; Ben ao contrario, as actuacións prodúcense noutro senso e diríxense a intentar que dito incumprimento empresarial teña as menores consecuencias posibles para a empresa. Á vista está. Aí están as estatísticas e o histórico de expedientes abertos e tramitados na Galiza pola Inspección de Traballo, a Fiscalía e Facenda Galega. Sorprendentemente, de todos os accidentes producidos na nosa terra cun significativo nivel de relevancia en termos preventivos de seguridade laboral, só unha ínfima parte ten rematado cun expediente sancionador que finalmente se teña executado e tido consecuencias económicas, administrativas e/ou xudiciais para os empresarios/as responsables.
Na Galiza do PP, incumprir a lexislación vixente en materia preventiva raramente ten algunha consecuencia punitiva para os infractores.
A vontade política na aplicación da normativa e a lexislación vixente en materia de prevención, seguridade e saúde laboral, así como a activación dos dispositivos de asesoramento técnico, inspección e control, son elementos esenciais e imprescindibles para implementar unha verdadeira e efectiva política de prevención de riscos laborais na nosa terra. Non facelo deriva en terribles e desastrosas consecuencias para a vida das persoas traballadoras galegas e as súas familias. Así as cousas a responsabilidade directa da inoperancia e falta de xestión político-laboral por parte do actual Goberno da Galiza nesta materia, indica clara e categoricamente o seu grao de implicación e responsabilidade no nivel de sinistralidade laboral que estamos a sufrir no noso País.