28 de abril, Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo: o capitalismo mata
Enfrontamos este 28 de abril de 2020 nun “estado de alarma” decretado polo actual Goberno, como consecuencia da pandemia da Covid-19 que está a padecer o planeta. O xeito de actuar de cada Estado diante desta emerxencia sanitaria, o escenario dende o que se enfronta e as medidas que estes adoptan, teñen dende logo moito que ver cunha cuestión ideolóxica, cunha cuestión de clase.
No noso caso, vivimos nun Estado onde os Gobernos, tanto o central como o galego, veñen aplicando políticas en función dos intereses do capital, dunha elite económica sen escrúpulos que só ten como horizonte a consecución de beneficios, sen importarlle as terríbeis consecuencias que iso poida ter para a saúde das persoas e mesmo para o propio planeta.
Nesta situación de pandemia tense evidenciado o efecto perverso desas políticas neoliberais no sistema público de saúde, mais tamén nas políticas relativas á seguridade e saúde no traballo.
A maioría das empresas conciben a saúde laboral como unha carga económica, como un cumprimento formal para cubrir a aparencia de legalidade esixida"
Estamos a enfrontar unha pandemia cun Sistema Público de Saúde debilitado polos Gobernos do estado e da Galiza (privatización de recursos e servizos sanitarios, recortes económicos, recortes humanos e materiais, transvase de recursos e cartos públicos á sanidade privada...etc.), nunha estratexia política que está a servir claramente aos intereses do capital, ao seu obxectivo de rematar coa sanidade pública, co dereito universal á saúde, fomentando a sanidade privada, exclusivamente pensada e deseñada para facer negocio, tendo acceso a ela só aquelas persoas que poidan pagala, obtendo así grandes beneficios.
Dende o punto de vista da protección da saúde das persoas traballadoras, o escenario de partida non é mellor. Desgraciadamente aínda agora a maioría das empresas conciben a saúde laboral como unha carga económica, como unha mera cumprimentación formal de certos documentos e xestións administrativas para cubrir a necesaria aparencia de legalidade requirida e esixida. As medidas preventivas na maioría dos casos non pasan de ser uns folios gardados nun caixón.
Falta de instrumentos para o efectivo cumprimento da normativa
A día de hoxe os distintos Gobernos non teñen disposto os instrumentos precisos para o efectivo cumprimento da normativa preventiva de xeito real (a defensa dos dereitos das persoas traballadoras por parte da Inspección de Traballo nesta crise, nin existe nin se lle agarda ). Unha vez máis, diante da disxuntiva entre defender os intereses do capital ou os intereses das persoas traballadoras, estes Gobernos teñen demostrado a súa defensa a ultranza dos intereses dos poderosos en detrimento, neste caso, da saúde das persoas traballadoras.
Tras a declaración do “estado de alarma”, fomos comprobando como as medidas dos Gobernos non perseguen protexer a saúde das persoas traballadoras, senón que pretenden salvagardar o máximo posíbel os intereses das empresas e dos mercados. Así, obrígaselle ás persoas a acudir aos seus postos de traballo sen que a actividade que desenvolven sexa esencial para cubrir as necesidades básicas da poboación, sen que existan en todos os casos protocolos de seguridade nin a protección debida contra da Covid-19. Esta obriga faise extensiva incluso, de xeito tremendamente irresponsábel, ás persoas especialmente sensíbeis a esta enfermidade.
A saúde das persoas especialmente sensíbeis, en mans do interese empresarial
No caso das persoas especialmente sensíbeis, a súa seguridade e a súa propia vida pode depender do criterio ou da actuación que en última instancia teña un servizo de prevención contratado por unha determinada empresa, que en definitiva neste momento e por mor dos procedementos habilitados, é o único servizo que pode emitir un informe de recomendación á sanidade pública primaria, necesario para xestionar e obter a baixa laboral por incapacidade temporal (IT) da persoa traballadora vulnerábel, sempre e cando se acredite no informe a imposibilidade ou incapacidade da empresa para garantir a seguridade da persoa traballadora fronte a unha posíbel infección por coronavirus no seu posto de traballo.
Tras a declaración do estado de alarma, as medidas dos Gobernos foron encamiñadas a salvagardar ao máximo posíbel os intereses das empresas e dos mercados"
Deixar en mans dun terceiro que traballa para a empresa interesada a facultade de determinar se se tramita ou non a baixa por IT dunha persoa traballadora especialmente vulnerábel fronte á Covid19, é na práctica unha enorme neglixencia e un extraordinario deixamento de responsabilidades por parte do Goberno en materia de protección e seguridade laboral destas persoas traballadoras. Este procedemento amosa a complicidade e permisividade do Goberno fronte ás actuacións empresariais, á vez que revela os intereses aos que están sometidos os sindicatos UGT e CCOO, que quedaron claramente retratados ao ter avalado este nefasto procedemento.
Cando chegue o momento e podamos retrospectivamente analizar os datos de sinistralidade asociada á morte de persoas traballadoras vulnerábeis a causa da Covid19, como consecuencia da inacción, a falta de criterio preventivo e a falta de actuación dos servizos de prevención e das propias empresas en relación a estes riscos, darémonos conta da terríbel barbaridade que supuxo ter mantido este criterio procedimental, en lugar de permitir que foran os Servizos Públicos de Saúde, afastados de intereses espurios, os que en última instancia determinaran a necesidade ou non de conceder a baixa por IT ao persoal especialmente vulnerábel para protexer a súa vida e integridade.
O comportamento do Goberno do Estado e da Xunta de Galiza a respecto dos colectivos máis vulnerábeis ten sido nefasto e incapaz. É publicamente notoria a falta de medidas de seguridade no traballo do persoal sanitario e de coidados, sectores altamente feminizados, deixándose entrever tamén a faciana da desigualdade de xénero nesta crise.
A crise sanitaria evidencia as desigualdades do capitalismo
Estas accións e inaccións dos Gobernos Central e da Xunta de Galiza, non son inocentes, e responden a como actúa o xeito de produción capitalista, onde os medios de produción están en mans privadas e os Gobernos poñen o Estado ao servizo de intereses privados e non da maioría social. É en situacións como estas onde se pode observar con claridade a necesidade de rematar con este sistema.
En situacións como estas evidénciase a necesidade de rematar con este sistema"
Nesta crise sanitaria evidénciase que un sistema baseado na desigualdade e na prevalencia do capital non pode dar resposta ás necesidades da maioría social. Mesmo os servos mediáticos e políticos do neoliberalismo claman a intervención do Estado, dese Estado que levan décadas saqueando e esgazando con continuas privatizacións.
Por suposto, esa intervención non a reclaman para pór os recursos das empresas privadas ao servizo do conxunto da sociedade nestes críticos intres, senón para rescatar (por suposto cos cartos da cidadanía) a quen estiveron repartíndose os beneficios da explotación laboral e social dun xeito insolidario e mesquiño.
Necesidade de autogoberno
Outra evidencia desta crise é a necesidade obxectiva de contar cun verdadeiro autogoberno na Galiza. Un autogoberno ao servizo das persoas traballadoras e que polo tanto defenda tamén a súa seguridade e a súa saúde no traballo.
A nosa capacidade de decidir como pobo galego e de actuar na defensa dos nosos intereses como maioría social é o único instrumento que pode garantir de xeito eficaz que a prevención de riscos e a saúde laboral deixen de ser só palabras e teñan a innegociábel e necesaria plasmación real.
Adiante coa defensa da saúde no traballo!
Adiante coa CIG !
Confederación Intersindical Galega
Galiza, 28 de abril de 2020