25 de xullo, Día da Patria Galega
A CIG, primeira forza sindical en Galiza, chama a reivindicar, nos actos que o nacionalismo convoque en Compostela o vindeiro 25 de xullo, Día da Patria Galega, o dereito das galegas e galegos a decidir por nós mesmas o noso futuro como nación e a autogobernarnos para poder vivir e traballar dignamente na nosa Terra.
A crise provocada pola covid veu agravar a crise económica na que aínda estabamos inmersos. Comarcas enteiras, nomeadamente no norte de Galiza, están en pleno proceso de desmantelamento. A chamada descarbonización e dixitalización da economía non busca o benestar, a xustiza social ou o reparto do traballo, senón aumentar a marxe de beneficios do capital, causando máis desemprego, máis desigualdades e máis pobreza laboral.
É imprescindíbel termos soberanía para decidir sobre o aproveitamento dos nosos recursos e sobre o noso modelo económico e social
O oligopolio das empresas eléctricas segue campando ás súas anchas sen asumir os custos sociais, laborais e ambientais que causaron, e seguen a causar, mentres encabezan un novo boom especulativo ligado ás enerxías renovábeis. Máis espolio dos nosos recursos derivado da situación de dependencia da Galiza, para que sigan saqueando o pobo galego e estragando o noso territorio.
Soben o prezo da luz malia Galiza ser exportadora de electricidade e subministradora dos recursos para que outros territorios teñan máis emprego e industria, mentres aumentan a pobreza enerxética, a emigración e as ameazas para milleiros de postos de traballo no noso país.
A acción de Feixó e do PP está contribuíndo a agravar aínda máis esta situación. A saída que teñen deseñado para a crise, servil ao poder económico, pretende facer do noso país un eucaliptal, un gran parque eólico e un enorme Camiño de Santiago, como reclamo do turismo. Un modelo que non crea emprego e que o pouco que crea é precario e temporal.
Os fondos europeos Next Generation van provocar máis débeda pública, máis recortes e reformas antisociais. Millóns de cartos públicos que van parar ás mesmas empresas que, grazas á reforma laboral, ameazan os postos de traballo e despiden sen piedade como está a ocorrer co Banco Santander, co BBVA, co Grupo Inditex, co peche das centrais térmicas galegas, coas industrias electrointensivas, co sector naval, o de automoción ou o de carburantes e biocarburantes, entre outros.
Por unha saída galega xusta
Ante esta situación a CIG leva meses mobilizándose por unha saída galega xusta e por un verdadeiro Plan de Recuperación Económica, Industrialización, creación de emprego, dereitos e servizos públicos.
Por iso fai un chamamento a participar nos actos do Día da Patria Galega, co convencemento de que é imprescindíbel termos soberanía para poder decidir sobre o aproveitamento dos nosos recursos e o noso modelo económico e social; diversificar as nosas capacidades produtivas e industriais; procurar un mellor equilibrio territorial e ambiental que estea ao servizo dunha rendibilidade social e non privada, evite a destrución de emprego e a emigración, consolide o respecto polos dereitos laborais e mellore as condicións de traballo e de vida do pobo galego.