
25 de novembro. Por un traballo digno e sen violencias

A secretaría das Mulleres da CIG centra a campaña deste 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, na denuncia contra a permisividade das empresas á hora de combater o acoso, chegando mesmo a utilizalo como mecanismo coercitivo contra as traballadoras.
Baixo o lema “Traballo digno e sen violencias”, a CIG anima a todas aquelas persoas que poidan estar expostas ou ser coñecedoras dunha situación de acoso ou violencia no traballo, para que acuda ao sindicato a asesorarse sobre como combater esta situación.
Porque, como apunta a secretaria confederal das Mulleres, Nicolasa Castro, “detectar, previr e actuar contra a violencia e o acoso no traballo é responsabilidade da empresa”. Por esta razón, o propio venres 25, a CIG manifestarase ás 12h dende o edificio sindical na Coruña (Avda. Alfonso Molina) até a sede da Confederación de Empresarios.
Ademais, antes da mobilizacións celebrarase o Encontro Nacional de Mulleres de CIG no que se abordarán as múltiples situacións de violencia que sofren as mulleres en cada un dos sectores de traballo, así como as respostas que o feminismo de clase ten para combatelas.
Neste sentido, Castro advirte que, malia a vixencia dunha lexislación dirixida a protexer os dereitos das mulleres, o certo é que os protocolos “fican en papel mollado e non existe unha verdadeira cultura da tolerancia cero co maltrato, nin se impoñen sancións exemplarizantes contra o acoso e outras situacións de violencia no traballo”.
Feminismo de clase
Ao contrario, denuncia, persiste unha cultura patriarcal que pon en dúbida a palabra da vítima, que cuestiona o seu comportamento, que fiscaliza a súa profesionalidade e resta importancia á situación vivida.
Só coa presión das mulleres e do feminismo de clase poderemos combater esta violencia exercida no traballo
Lembra que a violencia machista está vinculada a normas de xénero desiguais e a estruturas de poder socioeconómico, tanto no ámbito público como no privado, que contribúen a reforzar e perpetuar a desigualdade de xénero.
Fronte a esta realidade, Castro insiste en que “só coa presión das mulleres, do feminismo de clase, de organizacións sindicais como a CIG estaremos en condicións de combater esta forma de violencia exercida no traballo: presentando propostas, solicitando información sobre o seu uso, facendo seguimento e denunciando a inaplicación dos protocolos e a responsabilidade manifesta das empresas que exercen e consenten a violencia contra as mulleres nos lugares de traballo”.