2018, o ano das esquerdas posíbeis en América Latina
O ano que comeza vai ser fundamental para determinar se se consegue remontar e consolidar o ciclo progresista na rexión, ou a vella-nova dereita avanza posicións e conquista máis espazos de poder, neste caso algún dos seis gobernos que serán electos durante os próximos 12 meses
Os nove anos transcorridos entre 2009 e 2017 deixáronnos unha contraofensiva conservadora contra os gobernos progresistas da rexión. Os diferentes proxectos progresistas, de esquerda e/ou nacional-populares, que se incorporaron ao ciclo aberto polo Comandante Chávez en 1998, chegaron a acumular ao mesmo tempo once gobernos no conxunto de América Latina e o Caribe.
Porén, o golpe de Estado contra Mel Zelaya en Honduras en 2009, o golpe parlamentario contra Fernando Lugo en Paraguai en 2012, o impeachment contra Dilma en Brasil en 2016, e a vitoria electoral de Macri en Arxentina (o único goberno de esquerda perdido nas urnas) lograron cristalizar parcialmente o intento de restauración conservadora. Se a iso sumamos a manipulación informativa que se dá contra os gobernos actuais, como Venezuela ou Bolivia, e a persecución xudicial contra ex mandatarios como Lula en Brasil e Cristina en Arxentina, o panorama complícase. Aínda máis, se engadimos que en ocasións nin sequera fai falta que a dereita chegue ao poder mediante a vía electoral ou o golpe, senón que os propios sucesores dos grandes líderes se converten en cabalos de troia, como é o caso de Ecuador onde o goberno de Lenin Moreno destituíu o vicepresidente Jorge Glas, e manobra no ámbito político-electoral para impedir unha futura reelección de Rafael Correa.
Os últimos meses de 2017 sintetizan a nova etapa do ciclo progresista en América Latina: fraude electoral descarado en Honduras; indulto a Fujimori por un Kuczynski cuestionado tras recibir cantidades millonarias da construtora brasileira Odebrecht; e vitoria de Piñera en Chile malia que o conxunto do centroesquerda superara o 50% dos votos en primeira volta, nun país que mantén vixente a Constitución de Pinochet.
En todos os casos citados podemos ver motivos estruturais e debilidades dos gobernos progresistas (non sempre as mesmas), que foron explotadas pola dereita para lograr o poder: un Estado herdanza do neoliberalismo que só foi reformado parcialmente e que conta cunha institucionalidade débil; ausencia dun partido que controle o territorio, e en moitos casos, substitución do partido polo Estado; falta de formación política e de cadros dirixentes; corrupción inherente a calquera espazo de poder amplificada polos oligopolios mediáticos; incapacidade para construír ferramentas que disputen a batalla mediática en igualdade de condicións; e un longo etcétera de debilidades lóxicas en procesos que andan pola década de existencia e que, ao contrario que a revolución cubana, non tiraron abaixo o Estado para construír un novo (tamén con debilidades, pero novo á fin e ao cabo), senón que constrúen sobre os alicerces do anterior. E ás veces os alicerces son máis sólidos do que parece.
Así e todo, e malia a necesaria autocrítica que se debe facer, todos estes procesos lograron, en maior ou menos medida, recuperar o Estado da devastación neoliberal, e avanzar cara a un escenario de dereitos e xustiza social, redistribuíndo a riqueza e reducindo a desigualdade.
Seis procesos electorais en 2018
O ano que comeza vai ser fundamental para determinar se se consegue remontar e consolidar o ciclo progresista na rexión, ou a vella-nova dereita avanza posicións e conquista máis espazos de poder, neste caso algún dos seis gobernos que serán electos durante os próximos 12 meses.
Costa Rica o 4 de febreiro, Paraguai o 22 de abril, Colombia o 27 de maio (cunha máis que posíbel segunda volta o 17 de xuño), México o 1 de xullo, Brasil o 7 de outubro (a posíbel segunda volta sería o 28 dese mesmo mes) e Venezuela cunha data por definir, pero con total seguridade antes de decembro, son os seis escenarios de disputa xeopolítica electoral para 2018. Tamén no Salvador o 4 de marzo se realizarán eleccións municipais e parlamentarias, que poden ser un indicador da fortaleza do FMLN de cara ás presidenciais de 2019.
Aínda que sería importante o triunfo do centro-esquerda da Fronte Ampla en Costa Rica, e en Paraguai da Alianza (Ganar) entre o Partido Liberal Radical Auténtico (quen pon o candidato a presidente, Efraín Alegre) e a Fronte Guasú de Fernando Lugo (que sitúa a Leo Rubín como candidato a vicepresidente), probabelmente son as outras 4 eleccións presidenciais (sumadas ás de Bolivia e Arxentina en 2019) as que van determinar o rumbo da rexión nos próximos anos.
México, a terceira é a vencida?
Pola súa localización xeopolítica, o país que moitos cualifican como fronteira sur dos Estados Unidos, nunca gobernado pola esquerda, é a elección máis importante de 2018 para Nuestra América.
Tamén para México é probabelmente a elección máis importante da súa historia electoral, pois ademais da Presidencia da República, o 1 de xullo elíxense 128 senadores, 500 deputacións e 9 gobernacións (entre elas unha fundamental como é a da Cidade de México), ademais de centenares de cargos locais.
E por terceira vez Andrés Manuel López Obrador, o candidato dunha ampla alianza con raíces na tradición do nacionalismo revolucionario de Benito Juárez, Francisco I. Madero e Lázaro Cárdenas, ademais da esquerda do PT, e un sector da dereita como o PES (Partido Encuentro Social), preséntase como favorito en todas as enquisas(1) para gañar unha elección onde pode pesar máis que nunca o descontento cidadán cara á clase política tradicional.
En fronte terá a José Antonio Meade, postulado polo PRI, que tivo que recorrer ao candidato menos priísta de todos os seus candidatos (un tecnócrata que tivo altos cargos en diferentes administracións do PRI e do PAN).
Así mesmo, o terceiro en discordia é Ricardo Anaya, candidato dunha coalición anti natura entre a dereita do PAN e a ex esquerda do PRD que, despois de enterrar o proxecto histórico para o que naceu, vai de comparsa do partido de Vicente Fox e Felipe Calderón. O maior perigo é que logre instaurar no electorado non politizado a mensaxe de centralidade fronte aos “extremos”, o PRI e Morena.
Tamén é necesario destacar a presenza doutros candidatos e candidatas como Marichuy, a voceira do CNI e EZLN, que malia que previsibelmente non logre reunir as sinaturas necesarias para se poder postular, é importante o percorrido que está facendo polo país, levando a voz dos sen voz. Quen se parece que reunirán as sinaturas para se presentaren como candidatos independentes son a ex panista e muller(2) de Felipe Calderón, Margarita Zavala, e o ex priísta e Gobernador de Nuevo León, Jaime Rodríguez ‘El Bronco’. As porcentaxes de votación que poidan rabuñar estas candidaturas independentes poderían ser determinantes para o resultado final.
O escenario da contenda electoral non é sinxelo. Un goberno en horas baixas acosado por escándalos de corrupción e malversación de fondos públicos durante todo o sexenio; unha renegociación do Tratado de Libre Comercio de América do Norte (TLCAN) entre México, Canadá e a administración Trump, favorábel mesmo a romper o acordo; violencia estrutural, co narcotráfico cada vez enraizado na economía mexicana e 40 xornalistas asasinados durante o sexenio de Peña Nieto; e unha Lei de Seguridade Interior que permite entregar o control da seguridade interna ás Forzas Armadas nun escenario de, por exemplo, protestas populares ante unha posíbel fraude electoral ao máis puro estilo Honduras.
Ante iso, López Obrador rodeouse dun equipo onde destacan varios nomes como Esteban Moctezuma, ex secretario de Gobernación de Zedillo; Víctor Villalobos, denunciado por Greenpeace(3) e outras organizacións por ser un home de Monsanto e os transxénicos; ou o seu coordinador de programa, e estratexia de campaña, Alfonso Romo, empresario vinculado no pasado con Pinochet(4).
A aposta é clara, pragmatismo para gañar (e, sobre todo, que as elites económicas que gobernan México, e os Estados Unidos, permitan facelo), sen sacrificar o horizonte do proxecto político. Un goberno de López Obrador, aínda desde a moderación, que combata frontalmente a corrupción, afronte de verdade o problema do narcotráfico, redistribúa a riqueza mellorando as condicións materiais dos sectores populares, e recupere a soberanía en política exterior, sería un importantísimo avance para todo América Latina e o Caribe.
Brasil, eleccións sen Lula?
Todo semella indicar que, tras o impeachment contra Dilma, e tras meses onde Lula aparece primeiro en todas as enquisas, o 24 de xaneiro se vai consumar o golpe parlamentario, xudicial e mediático, se como todo parece indicar Lula é finalmente condenado (sen unha soa proba) en segunda instancia, e, polo tanto, inhabilitado para se volver postular como candidato.
Nese caso, o PT e os seus aliados de esquerda, como o PCdoB, teñen a tarefa de gañar con outro candidato ou candidata que non sexan Lula ou Dilma, coa ensinanza de que se chegan de novo ao goberno non se pode pactar coas elites económicas nin o agronegocio esperando que non te traizoen.
Todo iso nun escenario de alta complexidade social onde o segundo candidato con mellor intención de voto é Jair Messias Bolsonaro, un ex militar de ultradereita, a versión brasileira de Trump ou Le Pen.
Venezuela, ofensiva chavista
2017 foi o ano da contraofensiva chavista, no país onde a loita de clases se expresa de xeito máis descarnado en forma de chavismo contra antichavismo.
É probábel que as eleccións sexan convocadas canto antes, ao que rematen as negociacións entre oficialismo e oposición en República Dominicana. A vitoria nas sucesivas eleccións, Asemblea Constituínte, Gobernacións (19 de 23) e Alcaldías (máis do 90% para o PSUV e forzas aliadas), así como a fragmentación e división opositora (entre quen aposta polo diálogo e quen o fai pola violencia), permiten enxergar un escenario de recuperación para o chavismo.
Aínda así, garantir a cohesión das Forzas Armadas (elo que intenta romper a oposición e o imperialismo), loita frontal contra a corrupción, e o maior desafío de todos, recuperación económica despois do terrorismo político, económico e mediático sufrido pola Revolución Bolivariana tras a morte de Chávez, son os principais desafíos dun proxecto que seguirá tendo a Nicolás Maduro (o mellor chanceler que tivo o ALBA, o mellor presidente que puido deixar Chávez a cargo) á fronte.
Colombia, consolidar a paz
Entrementres, en Colombia está en xogo moito máis que a presidencia do país. Nas primeiras eleccións tras os Acordos da Habana, a antiga guerrilla das FARC-EP, agora Forza Armada Revolucionaria do Común, preséntase a unhas eleccións que non vai gañar, pero onde é necesario situar o discurso da paz e a esixencia de cumprimento dos acordos. Xa van máis de 30 ex combatentes das FARC-EP asasinados desde o asinamento da paz, e un longo número de acordos aínda por cumprir nesta fase de posconflito, como a amnistía para os máis 600 presos e presas políticas farianas.
Nese escenario, son numerosos os candidatos e candidatas que se presentan ás eleccións, e aínda incerto o desenlace.
O peor escenario posíbel, unha segunda volta entre o candidato do uribismo, Iván Duque, e o ex Vicepresidente de Santos, Germán Vargas Lleras, que mostrou publicamente a súa discrepancia con algúns puntos dos Acordos da Habana. Este escenario sería certamente peor que o das anteriores eleccións presidenciais, cando houbo que escoller entre o uribista Zuluaga, e o ex Ministro de Defensa de Uribe, e actual Presidente, Juan Manuel Santos.
Outro escenario podería ser o de Vargas Lleras, apoiado polo uribismo, fronte a unha alianza máis ampla como a que se está conformando en torno ao ex Alcalde de Medellín e ex Gobernador de Antioquia, Sergio Fajardo, co apoio do Polo Democrático e o Partido Verde (Jorge Enrique Robledo e Claudia López serían candidatos ao Senado pola Coalición Colombia).
Neste contexto, será determinante o discurso e a porcentaxe de votos que poidan obter en primeira volta non só as FARC, senón outros candidatos como o ex Xefe Negociador de Santos na Habana, Humberto de la Calle, avalado polo Partido Liberal, ou a defensora dos Dereitos Humanos, Piedad Córdoba, que reuniu as sinaturas necesarias para ser candidata independente, así como Gustavo Petro, ex Alcalde de Bogotá, que podería terminar sumándose ao bloque de Fajardo.
As esquerdas posíbeis
Na meirande parte dos escenarios electorais que repasamos, as candidaturas son a esquerda posíbel en cada lugar e momento histórico.
Con excepción de Cuba (cuxa Asemblea Nacional do Poder Popular tamén escollerá Presidente da República o 19 de abril), onde 59 anos despois do seu triunfo se segue construíndo unha revolución socialista, no resto de América Latina, a por outra banda única rexión no mundo onde se constrúen escenarios posneoliberais, cómpre seguir apoiando as alternativas posíbeis de esquerda para facer fronte ao auxe, noutras parte do continente e o planeta, do populismo de dereita que lexitima as políticas criminais de Estados Unidos e a Unión Europea, no económico terminando de desmontar, coa complicidade da socialdemocracia, as conquistas sociais da clase obreira; e levantando muros, físicos ou mentais, que lexitiman o racismo e a xenofobia. Todo iso amparado un brazo armado, a OTAN, que abre paso ao saqueo dos recursos naturais dos países de Medio Oriente, provocando un circulo vicioso de bombardeos, mortes, migracións e máis mortes nas fronteiras, como a invisíbel do Mar Mediterráneo.
Entrementres, o desafío para estas esquerdas posíbeis é o de construír alternativas ao capitalismo no ámbito económico, onde a aposta é a uberización da economía, a desregularización total desta (agás cando se necesite o Estado para desmontan as conquistas do ciclo progresista); pero sobre todo, construír alternativas no ámbito cultural, disputar a hexemonía capitalista no ámbito cultural (e mediático) para construír pobo e non cidadáns consumidores diluídos na falsa ilusión da clase media.
Todo iso nun mundo devorado polo penúltimo intento de Estados Unidos por manter a súa hexemonía e onde a vitoria de Trump (que malia as ameazas vía twitter e a súa vergoñenta política cara a Cuba ou Palestina, até o momento provocou menos guerras que Obama e Hillary Clinton) só é un síntoma da época que nos tocou vivir, e dunha enfermidade chamada capitalismo.
_____________________________________________________________________
Notas:
(1) Un dos múltiplos inquéritos realizados estes días por medios do réxime. En todos eles aparece AMLO en primeiro lugar https://www.eleconomista.com.mx/politica/AMLO-sigue-al-frente-Anaya-en-segundo-sobre-Meade-20180117-0007.html
(2) Non debería ser argumento para ningunha muller candidata ser a esposa de ninguén, pero neste caso é necesario suliñar que non se lle coñece a Zavala ningunha traxectoria política propia, máis aló de ser a muller do ex Presidente Calderón, nunha operación destinada a debilitar a Anaya e fortalecer, en última instancia, a Meade, que foi Secretario/Ministro de Enerxía, e de Facenda Crédito Público de Calderón.
(3) http://www.greenpeace.org/mexico/es/Noticias/2017/Noviembre/Con-Victor-Villalobos-en-el-gabinete-de-Morena-el-campo-mexicano-esta-en-riesgo/
(4) http://www.jornada.unam.mx/2017/12/19/politica/017a2pol
_____________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 22 de xaneiro de 2018]