200 veciñas e veciños de Monterroso mobilízanse coa CIG contra a privatización do Servizo de Axuda no Fogar
Arredor de 200 veciños e veciñas de Monterroso participaron na concentración convocada pola CIG na tarde deste luns en rexeitamento á decisión do Goberno municipal de privatizar o Servizo de Axuda no Fogar. A CIG reitera que non existen motivos de ningún tipo para levar adiante esta privatización e demándalle ao Concello que recúe nunha medida que só vai traer máis precariedade para as traballadoras e menos calidade asistencial.
Na concentración, o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, subliñou que esta decisión non responde a necesidades organizativas ou asistencias, senón que ten un carácter ideolóxico, pois non cómpre esquecer que o PP -membro da coalición de goberno- xa contemplaba a privatización dos servizos públicos no seu programa electoral.
Neto acusou o goberno municipal de estar creando o escenario propicio para xustificar esta privatización, posto que renunciou a convocar unha bolsa de emprego na que non se obrigara as persoas participantes a ter as titulacións esixidas para desenvolver o traballo, "tendo en conta que a lei contempla que no caso de zonas rurais se poderá contratar a persoas sen dita formación mentres non haxa persoal coa formación necesaria.Tampouco fixo nada o Concello para que se convocaran accións formativas para que as traballadoras e traballadores puideran obter a titulación requirida", engade.
Neste senso, subliñou que aínda que legalmente poidan avanzar no proceso ao ter a maioría absoluta no pleno, "a súa decisión non está lexitimada porque esta maioría non se corresponde coa maioría social que hai no pobo, senón que está conformada a base de compoñendas políticas".
Precarizar un sector altamente feminizado
Xunto a isto, Lois Neto advertiu das consecuencias que este tipo de privatizacións supoñen tanto para a calidade do servizo que se presta como para as condicións laborais das traballadoras e traballadores, pois fica claro que o principal interese dunha empresa non é nin o benestar dos usuarios e usuarias, nin os dereitos do persoal, senón o beneficio económico.
Unha precarización que afecta a un sector pouco valorizado, cunhas condicións laborais e salariais cativas, e altamente feminizado. Por iso, Neto quixo denunciar a hipocrisía do goberno de Monterroso que o 8 de Marzo, mentres facía campaña nos colexios a prol da igualdade aprobaba na Xunta de Goberno a privatización do SAF. "Non vale sacar pancartas feministas o 8 de Marzo e ao mesmo tempo aplicar políticas que fomentan a precarización dun mercado laboral maioritariamente feminizado", conclúe.
Así as cousas, a CIG continuará coas mobilizacións e levará adiante todas cantas medidas estean ao seu alcance para evitar a privatización dun servizo tan necesario, e que durante esta pandemia se ten demostrado tan esencial, como a axuda no fogar.