19 de xaneiro: primeira vitoria contra a reforma de pensións de Macron

Josu Egireun - 23 Xan 2023

Ninguén pode obviar que a importancia do resultado desta confrontación social afecta ao proxecto neoliberal da UE, que ten como un dos seus obxectivos prioritarios o desmantelamento dos sistemas de pensións de repartición

 Cunha cifra de manifestantes que xa en boca do ministro do interior (1,2 millóns, os sindicatos anunciaron dous millóns) son superiores ás que prevían os sindicatos os días previos, todo o mundo dá por bo que esta xornada de mobilización constituíu un éxito para o movemento sindical. Non só pola cantidade de xente que se mobilizou, senón tamén pola extensión que tivo a mobilización en cidades pequenas e medianas a todo o longo e ancho do hexágono.

 Desde Perpignan (15.000) a Nantes (50.000), desde Le Havre (35.0009 a Baiona e Pau (15.000), ou desde Brest (13.500) a Niza (20.000), nunca se coñeceron manifestacións -un total de 200- tan concorridas. Mobilizacións que en ocasións superaron as cifras das históricas mobilizacións de 1995, nas que se logrou botar atrás a reforma de pensións de Alain Juppé.

 A estas manifestacións hai que engadir as significativas folgas no sector da enerxía (nuclear, refinarías, servizo eléctrico), o transporte (longas distancias e proximidades), o ensino (elemental, secundario e universidade) e, moi importante, o desenvolvemento de folgas no sector privado: industria alimentaria, sector do automóbil, electrónica, etc.

 E todo iso a pesar da brunete mediática posta a disposición do goberno, como denuncia a asociación Acrimed (Action Critique Medias): “Desde os informativos matinais ás revistas de actualidade e os debates televisivos, o goberno conta cun forte e nutrido escuadrón de pedagogos, que teiman en aprenderlles aos recalcitrantes que necesariamente son ignorantes ou están mal informados”.

 O éxito desta mobilización, o seu seguimento masivo, baséase en dous elementos: o primeiro, a unidade de todos os sindicatos (CFDT, CGT, FO, CFE/CGE, CFTC, UNSA, Solidaries e FSU) e, sobre todo, a participación da CFDT –sindicato maioritario e que até o momento optou sempre máis pola vía do diálogo que da confrontación–; o segundo, que aínda que o detonante desta gran mobilización é a reforma das pensións, o que se expresa na rúa é un enorme cansazo tanto pola degradación continua das condicións de vida e de traballo da maioría social, das súas clases máis desfavorecidas (polos efectos da inflación, a deterioración dos servizos públicos, ou os recortes nas prestacións por desemprego) como pola arrogancia dun goberno que, fiel ao seu credo, só ten como obxectivo enriquecer os máis ricos, até o punto de que o ministro de economía, Bruno Lemaire, nos días previos á folga non tivo ningún reparo en se burlar da proposta que lanzaron 200 multimillonarios do planeta ante a cimeira de Davos, exixindo máis impostos para os ricos para saír da crise provocada pola covid-19. Sobre todo, cando a razón para esta reforma das pensións é enxaugar o déficit orzamentario do goberno.

 Todo un xesto que mostra a dureza coa que vai actuar Macron e o seu goberno fronte á mobilización social. Máis tendo en conta que na tramitación parlamentaria da lei conta co apoio da dereita tradicional (Les Republicains), o que lle permite obter unha maioría no parlamento.

 De feito, o mesmo día 19 (na conferencia de prensa xunto a Pedro Sánchez en Barcelona), a Macron faltoulle tempo para mostrar a súa determinación para seguir adiante coa reforma, partindo da base de que neste conflito o goberno está a cubrir todos os trámites democráticos (léase, diálogo social -fracasado- cos sindicatos e tramitación parlamentaria) para aprobala. Con iso trata de opor a legalidade institucional á opinión maioritaria no país que rexeita a reforma e, sobre todo, tenta restar lexitimidade democrática á dinámica de mobilización na rúa iniciada o 19 de xaneiro[1].

 Así pois, a loita contra a reforma das pensións non fixo máis que empezar; e para gañala, a mobilización social de sindicatos, asociacións e partidos políticos de esquerda iniciada o 19 de xaneiro deberá gañar en extensión e intensidade, porque para que o goberno dea marcha atrás nesta reforma das pensións non abonda con contar coa opinión dunha maioría social en contra, senón que é necesario crear unha correlación de forzas para enviala ao vertedoiro da historia, para forzar a quen goberna a recoñecer que se non se retira a lei o caos será total.

Botando a vista atrás

 Neste sentido, non está de máis lembrar o balance da derrota das mobilizacións de 2010. Naquel momento, como sinalou Alain Bihr, “A estratexia sindical, claramente expresada e repetida a vontade polos distintos dirixentes sindicais (François Chérèque e Bernard Thibault, en particular), consistía en ‘gañar a batalla da opinión pública’: demostrar, mediante manifestacións na rúa masivas e repetidas, apoiadas por algunhas xornadas de folga, que a reforma gobernamental era impopular porque se percibía como profundamente inxusta e que, por tanto, o Goberno estaba privado de toda lexitimidade democrática na materia, aínda que tivese a lei da súa parte. O presuposto era que un goberno democrático non pode gobernar contra a rúa e levar a cabo unha reforma tan evidente e masivamente rexeitada polo pobo (no sentido político do termo: todos os cidadáns). (…) Tal estratexia non era absurda a priori. Poderíase basear no precedente de novembro-decembro de 1995, cando, ante un movemento social a grande escala, Alain Juppé (o daquela primeiro ministro) e Jacques Chirac (presidente) tiveron que modificar de xeito importante o seu proxecto de ‘reforma’ do seguro de enfermidade. Mesmo podería invocar un éxito máis recente, o do movemento contra o ‘contrat premier emploi’ (CPE) na primavera de 2006 (…). E, con todo, esta vez, esta estratexia fracasou (…) [Porque] O Goberno actual xa non considera que a súa lexitimidade proveña das urnas e que deba render contas aos seus electores e, máis amplamente, a todos os cidadáns, dos seus compromisos anteriores ou, máis en xeral, do ben público. A súa única lexitimidade é agora a que ostenta a partir do seu total servilismo aos intereses do capital e en particular da súa fracción hexemónica, o capital financeiro”. E, máis en concreto, a estratexia sindical no outono de 2010 non podía pasar por alto a guerra social declarada en Europa a partir do 8-9 de maio na reunión urxente do BCE, do ECOFIN e do FMI para definir un plan de rescate para saír da crise de 2008[2] e da que Macron é un alumno avantaxado”.

 Por iso, a cuestión que se dá agora é como construír un movemento forte para gañar. Porque non hai outra alternativa.

Facer fronte ás dificultades, construír un movemento para gañar

 Todo o mundo é consciente que a situación non se presenta nada doado, por iso a marxe de erro para a estratexia sindical é, tamén, pequena. Son moitos anos acumulando derrotas e esta mobilización dáse no medio dunha crise económica e social na que cada vez hai máis xente que non chega a fin de mes co salario, o que pode incidir na capacidade de manter un movemento sostido de folgas. Por iso é polo que a resposta a esta ofensiva gobernamental terá que ser dunha intensidade superior á que coñecemos en anos pasados.

 A magnitude da mobilización do día 19, a vontade da maioría social do país de reverter as políticas e a arrogancia gobernamental e patronal impoñen importantes responsabilidades á esquerda social e política. Para que Macron retire a súa reforma será necesario elevar o nivel de mobilización co obxectivo de atraer a novos sectores e bloquear o país. Ese é a única linguaxe que entenden Macron e o seu goberno.

 Polo momento, tras a mobilización do 19, á que seguiu a manifestación do sábado 21 (convocada polas organizacións xuvenís e apoiada por La France Insoumise, NPA e Generation-s mobilizou unhas 20.000 persoas), o conxunto de organizacións sindicais convocou xa unha nova xornada de folga xeral para o martes 31, ao mesmo tempo que chaman a “multiplicar accións e iniciativas en todo o territorio, nas empresas e nos servizos, nos centros de ensino... mesmo convocando folgas, sobre todo en torno ao 23 de xaneiro no que o Consello de ministros debaterá o proxecto de Lei”. Unha orientación que, en determinados sectores, como o transporte e refinarías ou educación, xa anima debates para levar adiante folgas renovábeis [na nosa linguaxe, unha folga indefinida que se decide día a día]. Este sábado xa se coñece que o conxunto de sindicatos da SNCF convoca unha folga renovábel a partir do día 31, o que é unha boa nova.

 A diferenza doutras folgas nas que a xustificación do rexeitamento ás propostas gobernamentais exixía un traballo importante de explicación e pedagoxía, nesta ocasión, estando gañada de antemán a batalla de opinión sobre o despropósito da reforma, o reto de cara ao día 31 vai estar en organizar asembleas xerais de debate nos centros de traballo e ensino para reforzar e ampliar a mobilización, e en crear e estender ao máximo os espazos de debate e reflexión a nivel local sobre a necesidade de elevar o nivel da mobilización para parar a reforma.

 Por último, ninguén pode obviar que a importancia do resultado desta confrontación social afecta ao proxecto neoliberal da UE, que ten como un dos seus obxectivos prioritarios o desmantelamento dos sistemas de pensións de repartición. De aí o interese en difundir a experiencia desta loita e de se solidarizar con ela.

_____________________________________________________________________________

Notas:

[1] Nese contexto non está de máis lembrar que no que vai dos anos 2000, polo menos en dúas ocasións a lexitimidade institucional foi totalmente deslexitimada cando se expresou a vontade popular. A primeira, en relación ao referendo sobre o proxecto de constitución europea: votado con 760 votos a favor, 66 en contra e 96 abstencións na asemblea conxunta do Parlamento e Senado, o 27 de xaneiro de 2005;  o proxecto foi rexeitado no referendo celebrado en maio dese ano. A segunda, en marzo do ano seguinte, cando o goberno de Villepin tivo que retirar a Lei de Contrato do primeiro emprego aprobada no parlamento o 2 de abril, dada a forte oposición social na rúa.

[2] http://alencontre.org/economie/une-guerre-sociale-nouvelle-s%e2%80%99ouvre-en-europe.html

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 21 de xaneiro de 2023