1846, insurrección en Galiza: para que nos teman e nos respecten

Manuel Mera - 24 Mar 2021

O carácter que adquiriu a revolución de 1846 implicou un salto cualitativo do soberanismo en Galiza, que agromaba cun carácter progresista e galeguista, opoñéndose á colonización do país e reivindicando a súa unidade administrativa

 Van cento setenta e cinco anos do levantamento militar que fixo que os ollos de todo o Estado español mirasen cara a Galiza. Todo comezou o 2 de abril cando se pronunciou en Lugo o segundo batallón do Rexemento de Zamora que estaba de paso para Valladolid, baixo o mando de Miguel Solís. O obxectivo era afastalo da Coruña, unha cidade liberal, na que xunto con Ferrol se estaba a preparar unha insurrección contra o goberno conservador de Ramón Narváez, reinando Isabel II.

 Axiña se sumarían ao levantamento Compostela, a onde se dirixiron as tropas de Solís, e días despois fixérono tamén Pontevedra, Vigo e Tui. Mentres que as tropas con base na Coruña se convertían no centro do apoio ao goberno xunto con Ferrol e Ourense. En total as forzas rebeldes sumaban uns 5.000 homes, polo que eran equivalentes ás que permaneceron fieis ao Goberno, e axiña recibirían grandes reforzos. Hai que destacar que o exército que respondía á Xunta Superior de Galiza era moi heteroxéneo, xa que estaba composto por militares, garda civís, carabineiros, milicias “nacionais”, licenciados e dúas compañías de “literatos” (300 homes). Foron convocados veteranos retirados do exército, dos que se sumaron 150 en Compostela e 800 entre Pontevedra e Vigo. Os civís voluntarios deberon ser numerosos, xa que se destaca que: “As armas necesarias para armar os centos de voluntarios que se presentaron en Vigo e a súa bisbarra, que era a parte de Galiza onde máis prendera o alzamento; pois esperábase a chegada de 10.000 fusís enviados polas Xuntas progresistas de París e Londres” (De Espartero a la Revolución Gallega de 1846; Ediciós do Castro; Emilio González López).

 O 15 de abril constituíase en Compostela a Xunta Suprema do Goberno da Galiza, da que era nomeado presidente Pío Rodríguez Terrazo e secretario Antolín Faraldo. Este último destacou nos anos previos pola defensa que fixo dos intereses de Galiza en xornais como: La Situación de Galicia, El Idolatra de Galicia, El Recreo Compostelano, El Porvenir... Segundo Murguía foi Faraldo quen na Xunta Suprema de Galicia reunida en Lugo o 15 de xullo de 1843, co gallo do pronunciamento progresista contra Espartero, propuxo votar a independencia de Galiza, e que se perdeu por un voto. Murguía viviu indirectamente estes feitos, e como espectador a batalla en Compostela, era un rapaz, xa que naceu no ano 1833. Os pronunciamentos de 1846 tamén se fixeron en moitas vilas: Muros, Noia, Vilagarcía, Rianxo, Padrón, Caldas, A Pobra do Caramiñal...

 Decididos a tomar o resto das cidades do país galego os insurrectos comandados por Miguel Solís crean dúas columnas. Unha ao seu mando que se dirixe á Coruña e Ferrol, e outra comandada por Rubín de Celis co obxectivo de ocupar Ourense. Tanto nun caso como noutro, por parte dos militares alzados, dominou a falta de iniciativa e evitar o enfrontamento; polo que para alén dalgunha escaramuza en Sigüeiro, Ourense e preto de Ferrol, non se conseguiron os obxectivos marcados, a non ser a conquista de Betanzos. Esta falta de iniciativa deu tempo á chegada de forzas do goberno, que nese intre tiña un novo presidente do Consello de Ministros, o conservador Francisco Javier Istúriz, as tropas estaban dirixidas polo xeneral Gutíérrez de la Concha para esmagar o levantamento.

 O día 23 de abril foi decisivo, pois as tropas de Solís que volveran a Compostela días antes e decidiran repregarse sobre Pontevedra entraron en contacto coas enviadas polo Goberno en Cacheiras. A esta altura, os efectivos do xeneral Gutiérrez eran sobre uns 5.000 homes, numerosa cabalaría e artillaría, ou sexa, dobraban os efectivos de Solís. Ademais, da parte galega a forza era como xa se dixo heteroxénea xa que estaba formada por militares, estudantes e paisanos, e mal armada, ademais esperaron en balde que Rubín viñese axudalos. Despois das primeiras escaramuzas en Cacheiras os insurrectos víronse forzados a recuar cara a Compostela.

 De la Concha atacou en tres columnas a cidade, “a loita foi teimuda, pois os soldados de Solís disputaban palmo a palmo as rúas de Compostela, até que se retiraban pola pouca ou carencia de munición” (De Espartero a la Revolución Gallega). O mosteiro de San Martiño Pinario converteuse no último reduto duns 2.000 revolucionarios, até que se lles remataron as municións. Tettamancy no seu libro (un verdadeiro e completo estudo do tema) di, sobre a batalla en Cacheiras, que houbo sobre 60 mortos e 180 feridos por ambas as partes, aínda que foron máis os do goberno. Sobre o total de mortos e feridos en Cacheiras e Compostela, dá a cifra de cincocentos (La Revolución Gallega de 1846).

 Os xefes e oficiais (56 en total) foron conducidos a Coruña, xulgados por un Tribunal Militar no traxecto (sen ningún tipo de defensa), serán fusilados Solís e 10 capitáns o 26 de abril en Carral, e un sarxento o día 4 de maio en Betanzos. Na vila de Carral foi construído un monumento no ano 1931 en lembranza dos fusilados, a maioría destes oficiais non eran galegos senón militares que estaban trasladados; na placa son descritos como “Mártires da Liberdade”. O día 27 de abril rendeuse Lugo, dando por terminado o levantamento. Ocupadas as cidades e prisioneiros os rebeldes só continuaron coa loita pequenas partidas de guerrilleiros progresistas, capitaneados por militares; na provincia de Lugo uns 80 homes e outros 50 na provincia de Ourense, seguiron a estratexia das partidas carlistas contra as que tiñan combatido.

 Sobre estes feitos o historiador galego, Emilio González López, que pertenceu á Organización Republicana Gallega (ORGA), salienta que a dureza da represión causou graves danos físicos e morais ao noso pobo. E que, como consecuencia, deron lugar a unha riada de exiliados, especialmente a Portugal, só comparábel coa que provocaron en Galiza as intervencións dos Trastamara no século XIV, a de Fernando IV e a dos Reis Católicos. Ademais non foron poucos os que serían expatriados ás posesións españolas de ultramar dende o porto de Ferrol, cidade na que estiveron detidos máis de 2.000 rebeldes.

 Por último, cómpre salientar o carácter que adquiriu a revolución en Galiza, xa que implicou un salto cualitativo do soberanismo, que agromaba cun carácter progresista e galeguista, opoñéndose á colonización do país e reivindicando a súa unidade administrativa (nunha soa provincia) tal como se constata nas proclamas da Xunta Suprema. Esta editou tres números do periódico “Revolución”. Saíu o primeiro número o 17 de abril, e nel afírmase: Galiza arrastrando ata aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha colonia da Corte, vaise levantar desta humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do país, consagrarase constantemente a engrandecer o antigo reino de Galiza (...) galegos contando co voso apoio logrará –a Xunta- que a nosa provincia sexa temida e respectada”. Unha boa parte do texto está adicado a xustificar o levantamento progresista contra o Goberno, oporse ao sistema tributario e exixir unhas Cortes Constituíntes.

 O historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández salienta que nesta insurrección o máis destacábel, ao que sen dúbida axudou que o levantamento non se alargase ao resto do Estado español, é que permitiu agromar con forza a primeira xeración galeguista, da que nos di: “non só aportan unha nova doutrina política, o provincialismo, senón que ademais conseguen controlar a dirección política do pronunciamento” (Historia de Galicia, volume 15, Ediciones Gamma). Cómpre lembrar que este levantamento precede aos que en 1848 van abranguer a gran parte de Europa, e nos que cuestión nacional e social son a bandeira de loita nas barricadas.

 

[Vigo, 24 de marzo de 2021]

https://obloguedemera.wordpress.com/