17 de novembro: Folga xeral comarcal para esixir "Futuro para A Mariña"
A Mariña, ao igual que todo o norte do país, vive un proceso de desmantelamento industrial e esmorecemento económico, laboral e social agónico, tras anos de peches de empresas sen alternativas para asentar novas industrias que permitan xerar postos de traballo de calidade, déficit histórico de infraestruturas e deterioración progresiva dos servizos públicos, nomeadamente da atención sanitaria.
Ano e medio despois de Alcoa presentar o ERE, os Gobernos aínda non tiveron valentía nin vontade política para encetar a intervención pública da fábrica, malia ser a última do Estado español que produce aluminio primario e o evidente boicot da multinacional a materializar unha operación de venda.
A esta absoluta incerteza na continuidade da planta de San Cibrao, súmaselle agora o despedimento colectivo e o peche da planta formulado por Vestas, así como a constatación de que nin os Orzamentos Xerais do Estado nin os Orzamentos da Xunta de Galiza contemplan investimentos que permitan reverter a desertización industrial, a perda de servizos, a pobreza e o despoboamento da comarca.
“Pero desta volta non nos imos cruzar de brazos. Imos demostrarlles a nosa firme decisión de loitar para arrancar compromisos reais e palpábeis que se teñen que plasmar nos orzamentos”. E con este obxectivo, a CIG promoveu a iniciativa, ante CCOO e UGT, de convocar folga xeral na comarca para o mércores 17 de novembro, cunha demanda básica: reclamar “futuro para A Mariña”.
Dereito a vivir e traballar na nosa terra
Unha folga que, explica Xorxe Caldeiro, responsábel da Unión Local da CIG da Mariña, non só afecta a todos os traballadores e traballadoras da empresa privada e do sector público da comarca, senón que atinxe tamén ao pequeno comercio, persoal autónomo, hostalaría, portos pesqueiros e, “en definitiva, a toda a veciñanza. Porque estamos reivindicando o dereito a poder traballar e vivir dignamente na nosa terra”.
Caldeiro fai un chamamento a secundar e participar de maneira masiva neste paro comarcal (que se desenvolverá das 00 ás 24 horas do día 17) porque non pode ser que “a única que se nos ofreza sexa un sector turístico completamente estacionalizado e que os únicos investimentos industriais que se contemplan para A Mariña sexan para a instalación de macro parques eólicos (afianzándose así o noso papel colonial e de fornecedor de recursos e materia prima), mentres se permite que se destrúan os empregos e se deslocalice a produción dos compoñentes eólicos”.
Non nos imos cruzar de brazos. Imos demostrar a nosa firme decisión de loitar para arrancar compromisos reais e palpábeis que se teñen que plasmar nos orzamentos"
“Queremos feitos, non palabras”, asevera o representante da CIG. De aí a pertinencia de convocar unha folga cando se están a tramitar as contas do Estado e da Xunta para lograr, coa presión social, o que a vontade política non quere: que se recollan partidas concretas para A Mariña, “pois esa é a única maneira de demostrar o compromiso real coa nosa comarca”.
Faltan políticas públicas
Nesta liña, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia a falta de intervención pública nos distintos sectores da economía e a ausencia de políticas para dirixir o proceso de transición enerxética, ao abeiro do que A Mariña e o conxunto do país viven unha ofensiva enerxética colonizadora cun enorme impacto social, ambiental e económico, “sen que poidamos tirar proveito desta actividade, porque non se obriga a que a instalación de renovábeis teña que levar vinculados plans industriais para súa implantación nos territorios afectados”.
Subliña Carril ademais que o conflito de Vestas e Alcoa evidencian a indefensión que supón manter plenamente vixente a reforma laboral, “permitíndose así que todo o poder de decisión sobre despedimentos colectivos estea en mans das empresas”, polo que urxe a derrogación íntegra das reformas laborais de 2012 e de 2010.