17 de Maio: por unha lei galega de identidade de xénero
Desde que no ano 2005 diferentes organizacións pola liberación sexual e colectivos en defensa dos dereitos de gais, lésbicas e mulleres e homes trans promoveran a institucionalización do 17 de Maio como Día Internacional de Loita contra a Homofobia, a Lesbofobia e a Transfobia, na CIG consideramos que, do mesmo xeito que animamos a todas as galegas e galegos a defender combativamente as agresións contra a nosa lingua, reivindicando as Letras Galegas e a necesidade de protexer e revitalizar o noso idioma, hai que pular porque a diversidade sexual e de xénero sexa contemplada como un dereito tanto na esfera social como na educativa, a laboral e por parte das políticas públicas.
Porque foi un 17 de maio do ano 1990, cando a Asemblea Xeral da OMS aprobaba a retirada do código 302.0 (relativo á homosexualidade) da Clasificación Internacional de Doenzas. A nova clasificación entrou en vigor entre os países-membro das Nacións Unidas en 1993.
Dende aquela foron moitos os avances en igualdade acadados: desde os cambios normativos na denominación rexistral para as persoas transexuais, a inclusión de artigos específicos na lexislación respecto da non discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, mesmo a adopción, ou o matrimonio e as unións de feito entre persoas do mesmo sexo.
A igualdade aínda non está conseguida de pleno
Porén, a igualdade aínda non está conseguida de pleno. En preto de 80 países os actos sexuais entre persoas do mesmo sexo son tipificados como delito no código penal e as persoas que son detidas baixo esta acusación poden ser condenadas a cadea perpetua e a pena de morte.
Mesmo naqueles países que contemplan recoñecementos legais a prol da diversidade sexual existen casos de discriminación cara ao colectivo de lésbicas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais (LGBTI). Discriminación que, en demasiados casos, vai acompañada de agresións verbais, acoso e violencia física.
Do mesmo xeito que rexeitamos as agresións contra o idioma galego, denunciamos os retrocesos derivados do recorte de liberdades propiciado polos gobernos da dereita, tanto na Galiza, como no Estado español, e en moitos países, mesmo do continente europeo.
Hipocrisía do PP
Denunciamos a hipocrisía do goberno do Partido Popular, quen deu o visto bo hai xa catro anos, á Lei 2/2014, de 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galiza, ou hai dous anos ao Protocolo educativo para garantir a Igualdade de xénero, a non discriminación e a liberdade de Identidade de xénero das/os menores trans, mais ao tempo permitiu e consentiu que a organización ultracatólica Hazte Oír pasease o "bus da xenreira" o pasado ano polas rúas de Compostela.
Facíao na mesma semana na que as organizacións Arelas, Amizando e Ultreia rexistraran no Parlamento galego a iniciativa para poñer en marchar unha Lei galega de Identidade de Xénero que recoñecese os dereitos do colectivo trans, sendo rexeitada polo Goberno do Partido Popular, uns días antes da conmemoración precisamente do 17 de maio, Día internacional de combate da LGTBI fobia.
Previr as discriminacións
Desde a CIG instamos a abordar a diversidade afectivo sexual desde un enfoque global que axude a previr calquera discriminación homofóbica e transfóbica. Consideramos urxente contar cunha lei galega de identidade de xénero, así como abordar a diversidade afectivo sexual desde un enfoque global que axude a previr calquera discriminación homofóbica e transfóbica e revisar a cultura heteronormativa que existe na sociedade.
Hai que poñer en marcha políticas reais antidiscriminación e antiacoso que especifiquen a orientación afectivo sexual e a expresión de xénero; a formación do profesorado, dos servizos sociais e de saúde para saber como actuar naquelas situacións de acoso e vitimización relacionadas coa orientación afectivo sexual e a expresión de xénero; e introducir no currículo información acerca das diferentes orientacións afectivo sexuais e expresión de xénero.
En definitiva: normalizar, educar na aceptación e normalización de calquera tipo de mostra de afecto entre persoas, independentemente da súa orientación ou identidade sexual, o cal significa aceptar sen prexuízos a diversidade.
Queda moito por facer:
Esiximos que todas as persoas, independentemente da súa orixe, do seu estado civil, ou da situación legal na que se atopen, poidan ser atendidas nos servizos públicos de saúde e teñan cubertos os seus tratamentos médicos.
A nivel laboral, debemos amosar o noso compromiso coa erradicación das actitudes homofóbicas nas relacións laborais, instando a adoptar medidas que eviten calquera tipo de discriminación e acoso laboral, propiciando a igualdade de oportunidades e de trato de todas e todos os traballadores, negociando cláusulas específicas nos convenios colectivos nas empresas, e instando á negociación de Protocolos de prevención e actuación ante o acoso sexual, por razón de sexo e identidade afectivo sexual, tal e como vimos de facer en moitas das empresas do país, de xeito paralelo á negociación dos planes de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Esiximos o financiamento de tratamentos para persoas transexuais, facilitando o acceso a bloqueadores, e a inclusión do tratamento integral de reasignación de sexo no catálogo de prestacións sanitarias. Así mesmo, que se garanta o acceso ás técnicas de reprodución asistida na rede pública ás parellas compostas por mulleres (ás que se lles impide ser nais por considerar que non teñen un problema de infertilidade) e a posibilidade de crionizar ou preservar gametos dos homes e mulleres trans para poder ter descendencia.
Esiximos que todas as persoas, independentemente da súa orixe, do seu estado civil, ou da situación legal na que se atopen, poidan ser atendidas nos servizos públicos de saúde e teñan cubertos os seus tratamentos médicos, sen que teñan que facer alusión ás súas prácticas sexuais.
A nivel xurídico, debe facilitarse o cambio de nome e xénero nos rexistros civís aos e ás menores de 18 anos que así o manifesten, así como ás persoas migrantes.
Educar na diversidade
Consideramos que a nova lei educativa, a LOMCE, non só é unha agresión contra a nosa lingua, contra a necesidade de acadar un sistema educativo propiamente galego, público, gratuíto, laico, científico, coeducativo e democrático, senón que ademais impide un tratamento adecuado da diversidade afectivo sexual no ámbito educativo e, por tanto, fica lonxe o obxectivo de acadar unha educación igualitaria e respectuosa coa diversidade de opcións sexoafectivas e de identidade.
Por iso, instamos a que o sistema educativo integre a dignificación e o recoñecemento das diferentes opcións sexuais, educando na liberdade para enfocar a vida persoal e sexual de cada quen, a través da visibilidade desta realidade diversa nas materias educativas, impulsando e apoiando aquelas producións culturais que inclúan a realidade LGTBI para potenciar referentes positivos da homosexualidade, bisexualidade, transexualidade e intersexualidade, poñendo especial fincapé na súa divulgación nos centros de ensino infantil, medio e superior.
Ás portas dun novo 17 de maio, as persoas que formamos parte da Confederación Intersindical Galega amosamos o noso compromiso coa diversidade afectiva e sexual, e instamos a combater o sexismo, o heteropatriarcado e a LGTBI fobia.
Galiza, 17 de maio de 2018