10 de Marzo: Traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos

No Día da Clase Obreira Galega, a CIG convoca mobilizacións nas sete cidades e en Vilagarcía
Nacional - 05 Mar 2025

O 10 de Marzo é o Día da Clase Obreira Galega, que a CIG chama a conmemorar en todas as comarcas para reivindicar, con 12 medidas, traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos.

Horas e lugares das mobilizacións
  • Ferrol: ás 12h, ofrenda floral no monumento ao 10 de Marzo. Ás 20h, manifestación con saída do Local Sindical.
  • A Coruña: 20h, dende a Praza de Vigo.
  • Compostela: 19:30h, dende a Praza Roxa.
  • Lugo: 20h, dende o Edificio Sindical (Ronda da Muralla).
  • Ourense: 20h, dende o Edificio Sindical (Parque San Lázaro).
  • Pontevedra: 20h, na Praza da Peregrina.
  • Vilagarcía: 20h, na Casa do Mar.
  • Vigo: 19h, dende A Dobrada.

Os dereitos conquístanse

Reclamamos as loitas protagonizadas pola clase traballadora galega en 1972 durante as que foron asasinados en Ferrol, pola policía franquista, os traballadores da antiga Bazán, Amador e Daniel. Loitas que comezaron en Ferrol no mes de marzo e que, meses despois, se estenderon a Vigo por mellores condicións de traballo e por defender a negociación colectiva en Galiza.

Todos os indicadores públicos sobre a realidade laboral e social reflicten un empeoramento dos empregos e da perda de poder adquisitivo dos salarios. Cada día é máis a precariedade a e pobreza laboral, a desigualdade, a fenda de xénero e a desprotección social.

Ter traballo non implica acceder a dereitos básicos como a alimentación e a vivenda, nomeadamente entre a xente nova e as mulleres.

Está na nosa capacidade de organización sindical e loita frearmos este retroceso e precariedade que representa a fórmula perversa de neoliberalismo-diálogo social-estatalización

Esta realidade laboral é resultado das reformas laborais aprobadas polos gobernos, utilizando o diálogo social para branquealas, onde o capital avanza a súa axenda, cun papel entregado á desmobilización de CCOO e UGT.

Na Galiza, o impacto negativo de todo isto multiplícase polo Goberno do PP, que aproveita estas políticas españolas para levalas máis lonxe. Con formas antidemocráticas e autoritarias impón un deseño ao servizo das grandes corporacións empresariais que veñen espoliar os nosos recursos, reforzando o papel de colonia de Galiza.

Un Goberno que busca reforzar a dependencia económica e política galega ao sistema centralista español, mentres agonizan máis sectores produtivos e a desertización social e industrial é maior, así como a emigración e o avellentamento da poboación.

Nesta realidade cuestiónase o noso dereito a negociar e decidir en Galiza os nosos convenios colectivos para termos mellores condicións de traballo e salarios dignos.

Recoñecer este dereito é poder democratizar a negociación colectiva ante a permanente centralización en convenios estatais negociados por cúpulas sindicais sen a participación das persoas traballadoras.

Está na nosa man e na nosa capacidade de organización sindical e de loita frearmos este retroceso e precariedade que representa a fórmula perversa de neoliberalismo-diálogo social-estatalización.

Debemos confrontar esta situación ante os gobernos e ante a patronal desde o convencemento de que as políticas favorábeis para a clase traballadora e para o pobo galego non son concesión bondadosa dos gobernos nin nacen do diálogo social. Os dereitos conquístanse loitando.

Son tempos de loita.

Este 10 de Marzo mobilízate coa CIG.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.