10.000 persoas mobilízanse en Viveiro para esixir solucións de futuro para o complexo industrial de Alcoa San Cibrao
Unhas 10.000 persoas participaron este domingo en Viveiro na manifestación convocada polo comité de Alcoa San Cibrao para esixir solucións que garantan a continuidade da actividade e do emprego no complexo industrial que "é o motor económico da Mariña dende hai corenta anos".
Baixo o lema "Enerxía solución. Polo futuro da Mariña", a marcha, na que tamén participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, representantes dos Concellos e de entidades sociais e empresariais da comarca, saía pasadas as doce da mañá do antigo Casino de Viveiro e remataba na praza Maior. Alí, o presidente do comité e delegado da CIG, Xosé Paleo, agradeceu a altísima participación da cidadanía da comarca nesta manifestación e no resto de mobilizacións que o persoal de Alcoa está a realizar en defensa do emprego e da actividade produtiva.
Paleo demandou do próximo goberno español que "teña como prioridade" o establecemento dun novo marco enerxético máis xusto, estábel e competitivo. A este respecto lembrou que resulta fundamental a creación dunha tarifa industrial que recoñeza as particularidades da industria electrointensiva e que permita producir e competir en condicións semellantes ás do resto de fábricas de aluminio de Europa.
Termos un novo marco regulador da enerxía "é unha decisión política", subliña, necesaria para garantir a continuidade do complexo de San Cibrao. Unha fábrica que, salientou, é competitiva pero que se ve lastrada polo elevado custe da electricidade, que supón até o 40% dos custes de produción do aluminio.
Falta de solucións
Paleo reiterou as críticas á falta de medidas, malia a situación dramática que atravesa a comarca, apuntando que as únicas decisións adoptadas até agora, como a publicación das axudas por compensación de CO2, "non supoñen unha solución definitiva. É un paso máis, pero que nos deixa moi lonxe de chegar a bo porto. O único que pode facer é que as contas do grupo de empresas (alúmina e aluminio) dean beneficios e que Alcoa teña este resultado en conta para atrasar as medidas de axuste que, se non hai cambios normativos urxentes, todo apunta que nos van aplicar", alerta.
Non cómpre perder de vista que hai unhas semanas a multinacional anunciaba un plan de axuste mundial que contempla peches, vendas e redución de produción. E aínda que a dirección de Alcoa manifestou que non adoptaría novos recortes en San Cibrao antes das eleccións, "non temos garantía de nada". De feito, apunta Paleo, nos últimos meses o complexo da Mariña viu como se recortaba a súa produción en máis dun 11%.
Por iso hai que incidir no feito de que o garantir o futuro da fábrica pasa por termos unha electricidade máis barata que nos permita competir en condicións de igualdade co resto de fábricas europeas, pero tamén por esixirlle á multinacional norteamericana compromisos claros de inversión, permanencia e mantemento do emprego.
Intenso calendario de mobilizacións
Con esta mobilización dáse continuidade as concentracións realizadas en Xove, San Cibrao e Burela nas últimas catro semanas e que foron precedidas de protestas dos traballadores/as na rotonda do Castelo e diante da propia fábrica de Alcoa.