Iberdrola confirma o peche do centro de control da Rúa e o seu traslado a Salamanca
A dirección de Iberdrola vén de confirmar o inicio da actividade no Centro de Operación Hidráulico (COHI) de Salamanca, o que confirma o peche do Centro de Operación de Cuenca (COC) do Sil, na localidade ourensá da Rúa, e o do resto de instalacións deste tipo existentes no Estado.
A compañía informou o pasado día 10 que o centro de Salamanca comezará a funcionar o vindeiro 6 de abril, a medida que cada quincena se vaia incorporando o persoal dos diferentes centros de control. Isto supón o peche dos catro centros existentes no Estado, entre eles o da Rúa, e dá por rematada esta operación.
Dende a CIG-Industria denuncian que está a acontecer co COC do Sil non deixa de ser consecuencia da falta dunha política industrial e enerxética por parte da Xunta e constitúe “un paso máis no proceso de desertización industrial que atravesamos”.
Lamentan que o Goberno galego permita o traslado destas instalacións fóra do país, “mentres Iberdrola segue a aproveitarse da explotación dos recursos naturais públicos e a ignorar o forte impacto que isto supón nunha comarca rural como a de Valdeorras; e aínda por riba esta compañía vai optar a conseguir máis megavatios de enerxías renovábeis aquí”.
Po riso se preguntan se os responsábeis autonómicos analizaron as consecuencias desta decisión, non só no que ten que ver coa perda do centro de control senón tamén a respecto da propia seguridade das centrais hidroeléctricas, “xa que non será o mesmo ter xente sobre o terreo que poida actuar ante unha posíbel eventualidade que facer este seguimento a distancia”.
Imposicións da empresa
Ao mesmo tempo, critican que Iberdrola impuxese “coma sempre” os calendarios, os traslados e as indemnizacións, “non atendendo a ningún outro criterio que non fora obrigar o persoal, a pesar de que agora se escusa asegurando que todos/as os traballadores/as eran coñecedores/as dunha decisión que responde unicamente ao aforro de custes sen ter en conta a destrución de postos de traballo nin os problemas que isto lles supón aos afectados/as e ás súas familias”.
Censuran tamén que a empresa tampouco estea a tomar en consideración o que a sociedade civil lle está a demandar, xa que existe un rexeitamento social “rotundo e evidente” á decisión, tanto dos Concellos da contorna como da propia Deputación de Ourense, así como doutras institucións públicas.
Consideran que Iberdrola está a actuar en contra das súas premisas básicas no sentido de que estas actuacións se leven a cabo no marco do interese social, “xa que isto se está a facer en contra da vontade da cidadanía, tendo en conta que a sociedade galega oponse a un peche inaceptábel porque a modernización e os investimentos feitos en Salamanca pódense facer aquí”.
De feito, a propia compañía presume nas redes sociais do coidado das zonas onde opera, “pero logo vemos que realmente prefire seguir pechando centros de traballo, e con iso eliminando empregos nos lugares nos que extrae a enerxía que logo vende aos seus usuarios/as, para despois repartir un beneficios que no 2020 supuxeron 3610 millóns de euros, un 4’2% máis que en 2019.
Diante disto, dende a CIG adiantan que van seguir loitando para que o COC e os postos de traballo se manteñan na Rúa, e para rexeitar a política de centralización de servizos de grandes empresas como Iberdrola, “que se aproveitan dos nosos recursos naturais e pechan os centros de traballo onde se producen estes recursos”.
Por iso fan un chamamento á participación da cidadanía nas vindeiras mobilizacións convocadas pola central sindical para reclamar o mantemento en Galiza tanto das instalacións dende as que se supervisan as centrais hidroeléctricas da compañía, como de todos os postos de traballo que xeran. “Porque todas as operacións de control dos recursos enerxéticos galegos teñen que permanecer en Galiza”.