Homenaxean en Fornelos aos brigadistas Xulio Martínez e Rodrigo Amo, finados nun incendio en 2010
Os compañeiros brigadistas que pereceron nun lume forestal en Fornelos de Montes en 2010, Xulio Martínez e Rodrigo Amo, foron lembrados no III Encontro Nacional de Traballadores e Traballadoras de Seaga organizado pola CIG-Servizos.
O acto consistiu nun roteiro pola senda da Fraga de Barragán que comezou ás 10:30 horas até chegar ás Eiras, contra as 13:30. Posteriormente, as compañeiras e compañeiros de Seaga e da CIG-Servizos depositaron unhas flores ao pé da placa conmemorativa colocada na súa memoria na praza do concello de Fornelos de Montes.
Xosé Ignacio Magariños, en nome dos e das brigadistas participantes na homenaxe, lamentou que nin a Xunta, nin a empresa pública realicen acto algún en memoria de todas as vítimas dos incendios forestais producidos en Galiza.
Xunto a isto denunciou a falta de planificación da Xunta na campaña deste ano. Unha situación que pode verse agravada polas altas temperaturas e a seca que vimos padecendo desde hai meses e pola falta de prevención que houbo durante o inverno.
O acto rematou cunha churrascada popular na vila pontevedresa.