Historia dunha involución: da política estrutural ao moralismo histérico

Andrea Zhok - 26 Abr 2023

O vello sistema de control social alternaba a represión violenta das paixóns xuvenís con guerras periódicas para deixalas desafogar; o novo sistema de control, en troca, proporciona lugares onde é posíbel facer revolucións finxidas con espadas de cartón, en illas sen comunicación con ese continente onde o poder real xoga os seus xogos

 O outro día reflexionaba sobre como puido ocorrer que a capacidade operativa da oposición política ao sistema se extinguise e hoxe necesite reconstruírse esencialmente desde cero.

 Dado que este é o problema dos problemas de hoxe, e dado que, como todo proceso histórico, as súas causas son plurais, quero determe brevemente nunha soa causa, de carácter especificamente cultural.

 A era da democracia e a oposición política desde abaixo foi unha época circunscrita que se iniciou contra mediados do século XIX, na que o marxismo xogou un papel fundamental.

 Especificamente, o marxismo foi fundamental para entender, e facer entender, como no mundo moderno toda mudanza de hábito e de opinión (que se torna hexemónico) ten sempre unha raíz primaria na «estrutura», é dicir, na esfera da produción económica e a xestión correlativa do poder.

 Se nunha descrición do que ocorre non se ten conciencia da súa raíz estrutural, se non se comprende como se debe situar o problema respecto dos mecanismos de distribución da economía e do poder (moitas veces coincidentes), acábase por perder de vista a única esfera onde se poden mover as pancas causalmente decisivas.

 Unha vez lembrado este feito, non se pode deixar de pensar na distribución xeracional da conciencia política actual. As experiencias repetidas, desde a recolección de sinaturas até os debates públicos e os mitins, sinalan unha visión común: a distribución xeracional da conciencia política segue case perfectamente unha curva decrecente. Quen mostra maior urxencia por actuar fronte ás pancas do poder son as persoas maiores, e a medida que se é máis nova redúcense as fileiras dos politicamente conscientes, até o punto de case desaparecer no ámbito da xente nova e moi nova (digamos o grupo de 18 a 24 anos).

 Agora, é importante sinalar que este é un feito historicamente sen precedentes. Até hai pouco tempo, a mocidade formaban parte das fileiras dos «pirómanos», as universidades sempre foron fraguas de protesta, a paixón política naceu no limiar biográfico entre o estudo e o ingreso ao mundo do traballo. E isto é natural, porque o compromiso e a enerxía necesarios para a participación política crítica atópanse máis doadamente na xente de 20 anos que na de 60; e noutros factores porque as limitacións, as cargas e as responsabilidades normalmente aumentan coa idade.

Daquela, a pregunta é: que nos pasou?

 Para termos unha pista, abonda con mirar para o activismo político xuvenil, que de feito aínda existe, pero cuxa forma é instrutiva. É interesante sinalar que temas aborda o activismo hoxe. Un breve rexistro revélanos:

1) un ambientalismo centrado na mudanza climática;

2) cuestións de identidade de xénero, violencia de xénero, igualdade de xénero, autodeterminación de xénero, linguaxe de xénero;

3) animalismo do tipo Disney e prácticas alimentarias autoflaxelatorias (veganismo, gabanzas á carne sintética e fariña de insectos, etc.);

4) para os máis atrevidos, apelacións aos «dereitos humanos» nunha versión moi selectiva (onde por certo as violacións ocorren só entre os inimigos dos Estados Unidos).

O que é esencial subliñar é que, en troca, pode existir e existe:

1) un auténtico ambientalismo “estrutural”;

2) unha conciencia histórico-estrutural da división sexual do traballo (e as súas consecuencias consuetudinarias);

3) unha análise das formas de «reificación» da natureza sensíbel (animais) na industrialización moderna;

4) unha conciencia política da explotación e violación da natureza humana.

 E en cada un destes casos é posíbel recoñecer problemas reais ao situalos no marco xeral dos procesos de produción económica e distribución do poder no mundo contemporáneo.

 Mais nada disto é maiormente parte do activismo político xuvenil, que en cambio acolle a súa axenda de «protesta» que vén desde arriba, nun formato rigorosamente saneado das súas implicacións estruturais.

 Noutras palabras, os recintos nos que exercer a contestación e as formas en que identificar os problemas caeron desde alturas inescrutábeis, a través do aparello mediático, o adoutrinamento escolar e universitario. Desta forma créanse cómodas burbullas de disputa, co certificado de bondade progresista, proporcionado por fontes acreditadas.

 O vello sistema de control social alternaba a represión violenta das paixóns xuvenís con guerras periódicas para deixalas desafogar; o novo sistema de control, en troca, proporciona lugares onde é posíbel facer revolucións finxidas con espadas de cartón, en illas sen comunicación con ese continente onde o poder real xoga os seus xogos.

 Con todo, este proceso de construción de cercos artificiais, sen ancoraxe estrutural, non é novo e é erróneo pór o foco só nos mozos de hoxe. É un proceso que comezou polo menos na década de 1980 e simplemente se expandiu e perfeccionou co tempo. Todo o esforzo conceptual realizado pola reflexión marxista (en parte xa na época hegeliana) e logo desenvolvido durante máis dun século, foi anulado coa lixivia do novo poder mediático.

 Hoxe estas axendas «políticas» coidadosamente castradas difúndense e fan ouvir a súa característica voz estridente, que logo se fai eco, se cadra con benevolencia reprochada, pero finalmente bendicida, polos voceiros do poder.

 Recaemos así nunha análise da historia, a política e a xeopolítica que, esquecendo cales son as verdadeiras pancas do poder, se dedica en corpo e alma a lecturas moralizantes do mundo, á actualidade policíaca, ao rebumbio da “rectitude” e á corrección política, ás rexoubas entre as elites.

 As interpretacións xeopolíticas proliferan e prosperan onde Putin é o malvado e os rusos son os ogros; lecturas sociais onde a crítica ás “ideoloxías de xénero” son abominacións homofóbicas; onde quen non abraza un chinés é «fascista», e quen o abraza despois dunha contraorde é «estalinista»; lecturas ecolóxicas onde os cadros de museos se ensucian porque “xa non hai un minuto que perder”, antes de volver a casa á xogar na smart TV de 88 polgadas; etc. etc.

 Esta infantilización da análise histórico-política volve fatalmente impotente calquera «activismo», que examina o mundo coma se a distribución de adxectivos morais estivese no seu centro. E cando alguén sinala que todo ese extenuante croar histérico non produce nin un desasosego ao poder, que mesmo aplaude, teñen preparado outro atributo moral: es un cínico.

 A compartimentación da protesta segundo os cercos ideolóxicos elaborados augas arriba produce, ademais dun efecto de impotencia substancial, unha perda total do equilibrio e da capacidade de avaliar as proporcións dos problemas.

 Cada un destes xogos ideolóxicos aparecen a quen os frecuenta como un cosmos, o único punto de vista desde o cal se ve mellor o mundo enteiro. E isto xera unha sensibilidade desequilibrada aos visitantes destes recintos, porque invisten toda a súa enerxía e paixón nun campo coidadosamente delimitado: hai xente que pasa dúas veces ao día fronte á anciá que morre de fame no piso do lado, pero saltan cos ollos inxectados en sangue se usas un pronome de xénero mal visto; hai xente que se escandaliza polas violacións dos dereitos humanos en Bielorrusia (onde nunca puxeron un pé) e despois explícanche que é xusto golpear as persoas «non vacinadas» e privalas de atención hospitalaria; até hai estudantes que reclaman meritocracia e logo votan por Calenda(1).

 En xeral, o panorama é o seguinte, mentres que o poder real nos aconsella sermos resilientes (porque se tomamos a forma da bota que nos pisa, sufrimos menos), non termos fillos e non nos xubilarmos polo ben do futuro, mentres todos os días nos explica que temos que ser móbil para traballarmos onde haxa necesidade e que temos que deixar de nos mover porque estragamos o clima, porque mentres mexa por nós exixe que aforremos na ducha.  Mentres todo isto acontece, e acontece moito máis, estes activistas peléxanse furiosamente entre eles... porque ningunha inxustiza debe quedar impune, incluíndo “os dereitos dos espárragos».

_____________________________________________________________________________

(1) Carlo Calenda é un político reaccionario italiano (na actualidade, eurodeputado polo PD).

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la Crisis, do 20 de abril de 2023]